Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

XL Mostra de Teatro de Cangas | Cándido Pazó Autor e director teatral

“Os textos de McDonagh teñen dureza e incluso brutalidade, pero sempre rezuman humor”

Contraproducións abre hoxe a Mostra coa comedia negra “Entrega en man”, do recoñecido e oscarizado autor anglo-irlandés

Cándido Pazó nunha edición anterior da Mostra de Cangas, na que recolleu o Premio Xiria. |   // S.A.

Cándido Pazó nunha edición anterior da Mostra de Cangas, na que recolleu o Premio Xiria. | // S.A. / david garcía

Cangas

A XL Mostra de Teatro de Cangas ergue esta noite o pano a partir das 22.30 horas. Unha apertura que contará coa estrea de “Entrega en man. Unha comedia denegrida”, un texto do autor anglo-irlandés Martin McDonagh e que Cándido Pazó e Contraproducións acaban de adaptar ao galego. O autor é coñecido por un forte humor negro e ata brutal. Non é somentes dramaturgo, senón que tamén ten probado con moito éxito no cine e dirixiu a oscarizada “Tres anuncios nas aforas”, con Frances McDormand e Woody Harrelson; “En Bruxas” ou a máis recente “Almas en pena en Inisherin”, ambas protagonizadas por Colin Farrell e Brendan Gleeson. A historia que presenta hoxe Contraproducións é unha comedia negra: un home trata de recuperar a man que lle cortaron hai 27 anos, unha parella trata de enganalo vendéndolle unha man que non e a súa e entre medias o recepcionista dun hotel. Todo cun trasfondo no que hai unha denuncia de problemas como o racismo e a xenofobia. A dirección é de Cándido Pazó e sobre o escenario estarán Evaristo Calvo, Santi Romay, María Roja e Diogo Sales.

–Que significa para Contraproducións que a MITCF escollese a súa nova montaxe para erguer o pano dunha edición tan sinalada como a do 40 aniversario?

–A nosa peza é unha comedia. Que mellor ámbito para estreala que o dun festival de teatro cómico de tanta tradición coma o de Cangas! E se de paso “cantamos as corenta”, mira… mellor aínda! Agradecémosllo á organización da Mostra e dámoslle os nosos parabéns. A polos 50!

Evaristo Calvo, María Roja e Diogo Sales, esta semana nun ensaio no Auditorio de Cangas.    | // DIEGO SEIXO

Evaristo Calvo, María Roja e Diogo Sales, esta semana nun ensaio de "Entrega en man" no Auditorio de Cangas. | // DIEGO SEIXO / david garcía

–Esta función no Auditorio de Cangas é a estrea absoluta de “Entrega en man: unha comedia denegrida”. Cales son as sensacións antes de someterse ao veredicto e opinión do público?

–A peza está madura para estrear, cos ensaios que necesitaba. así que estamos desexando, e necesitando, encontrarnos co público. E que, na súa soberanía, diga o que teña que dicir. Temos curiosidade por ver que pasa porque é un humor duro, ríspido, ás veces agrio. Pero nós temos confianza, claro. É a nosa obriga profesional.

Martin McDonagh é o autor estranxeiro vivo máis representado en galego. E entre os mortos supoño que só o supera Shakespeare

–Despois de “A raíña da beleza de Leenane”, “Un cranio furado”, “Oeste solitario” e “O tolleito de Inishmaan”, esta última levada a escena por vostede mesmo e Contraproducións, esta é a quinta adaptación ao galego dun texto de Martin McDonagh. Que foi o que os decidiu a poñer en escena esta obra, que penso que foi a primeira que o autor situou nos Estados Unidos?

–Aínda teríamos que engadir “O home almofada”. Sería, pois, a sexta. É o autor estranxeiro vivo máis representado en galego. E entre os mortos supoño que só o supera Shakespeare. Despois de montar “Cigarreiras” queríamos facer unha inflexión momentánea e acometer un espectáculo máis lixeiro, en termos tonais e de producción. Así que escollemos unha comedia, aínda que sexa ácida coma esta, con tres actores e unha actriz. Unha comedia na que resoan temas candentes e, por desgraza, sempre actuais: o racismo e a xenofobia. Sopesamos outras posibilidades, pero esta, que nos propuxo un dos actores do espectáculo, Santi Romay, foi a que máis nos convenceu nestes momentos.

–Cales son as claves da obra de McDonagh para que sexa precisamente un dos autores máis adaptados e con maior éxito entre o público?

–Ten unha sensibilidade moi nosa. Os seus argumentos, os seus personaxes e as súas situacións poden definirse pola súa dureza, mesmo pola súa brutalidade, pero sempre rezuman humor. Unha comicidade descarnada, ás veces desconcertante, pero que agroma dun xeito natural, como sen provocalo. E ao mesmo pode tocar unhas cordas emocionais do máis delicadas. É como camiñar por unha esterqueira inmunda, pero na que nacen as máis fermosas e arrecendentes flores. Ou ao contrario, como pasear por un prado verde e ameno, pero no que podes pisar a bosta máis porcallenta no momento menos pensado. Iso é moi galego.

McDonagh pode tocar unhas cordas emocionais do máis delicadas. É como camiñar por unha esterqueira inmunda, pero na que nacen as máis fermosas flores. Ou ao contrario, como pasear por un prado verde e ameno, pero no que podes pisar a bosta máis porcallenta

–Este mesmo ano unhas das películas máis louvadas pola crítica foi precisamente “Almas en pena en Inisherin”, dirixida polo mesmo McDonagh. Tivo algo que ver na decisión de voltar a levar novamente a escena a este autor anglo-irlandés ou a decisión xa viña de bastante atrás?

–Non. Foi unha casualidade. Pero se a sona da película serve para atraer público ao noso espectáculo, ou para que se interesen os programadores, vivan as casualidades!

–En todo caso e de cara a información para o público, os dous textos si que teñen en común un forte humor negro e digamos que algo así como certa tendencia a cortar extremidades...

–Si, o do humor escuro, denegrido, ou directamente negro, é unha constante en McDonagh. O das mans cortadas é unha das súas obsesións nos últimos tempos. O noso escenógrafo, Pablo Giráldez “O Pastor”, especula con que poida ter que ver con que ese, o das mans cortadas, é un elemento moi presente na tradición heráldica irlandesa. Se algún día, atraído pola curiosidade de saber por que é tan representado nun curruncho da Península Ibérica, vén por aquí de visita o autor, preguntarémosllo.

–O título orixinal desta obra [”A behanding in Spokane”] é de difícil tradución ao galego ou ao castelán e vostedes escolleron a variante de “Entrega en man: unha comedia denegrida”, que xa deixa ben as claras desde o inicio que estamos ante un texto cheo de humor, que máis que denegrido é negro, moi negro...

–O título é “Entrega en man”. O de “Unha comedia denegrida” é un subtítulo que informa sobre o ton da peza. Démoslle moitas voltas á cuestión. Unha tradución directa non facía xeito, desde logo. Pensamos tamén en titular a peza “Man morta”. Ten unha sonoridade potente, pero escapa demasiado do sentido do orixinal. En fin, como di o dito: “Chámame can e bótame pan”.

–Nesta peculiar e literal “entrega en man” hai espazo para tratar temas como o racismo, o machismo ou a xenofobia. Como se artellan estes problemas a través do texto e desta adaptación?

–O habitual en Mcdonagh é tocar os temas como sen intención de tocalos. Están aí, pero non se subliñan. Son o fondo do cadro, pero o primeiro plano sempre está ocupado por elementos argumentais que debuxan a trama da peza con independencia deses temas de fondo. Nesta peza ocorre o mesmo.

–A obra orixinal sitúa a acción nunha localidade ficticia aló nos Estados Unidos e nesta adaptación manteñen esa ubicación, mais creo que pode entenderse que a historia pode transcorrer en calquera lugar.

–A acción remota que desencadea os acontecementos sucede no estado de Washington, que é tanto como dicir na quinta verza. A acción presente non se sabe onde acontece, pero podía ser alá, si. Nós non evitamos ese referente xeográfico e cultural, pero tampouco o subliñamos. O público pode non telo presente, ou, se quere, pódeo ter só na medida en que necesite dese contexto para o seu exercicio de recepción.

–O punto de partida desta historia podería parecer un tanto tolo e excéntrico, pero o día a día nas crónicas de sucesos dos xornais e dos medios de comunicación vén a a afianzar esa máxima de que a realidade sempre supera a ficción?

–Si, esa é outra das características de McDonagh. Se vivise aquí supoño que o home aquel ao lle botaron “drogha en el colacao” xa estaría como personaxe nunha das súas pezas. Pero neste caso a realidade está un pouco máis forzada, roza aínda máis o absurdo, sen deixar de ter un pé no realismo. Un realismo escarranchado e disonante. Algo moi noso, non en van o inventor do esperpento era galego.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents