In memoriam // Xosé Suárez Mariño

Arqueólogo por afición e paixón

Camilo Camaño Xestido

A historia de Cangas volta estar de loito. A arqueoloxía queda orfa coa despedida de Xosé Suárez Mariño, o destino quixo que encetase a derradeira viaxe, nesta ocasión sen retorno e ao país de ningures. Que a terra lle sexa morna, feble e agradecida, como resposta ao legado que nos deixa, fundamental para entender as pegadas de ancestrais civilizacións asentadas na contorna xeográfica do Morrazo.

Dende o Grupo Arqueolóxico do Morrazo, Mariño, xunto con Antón Nores Soliño, Xosé Suárez Otero (seu fillo), Xosé Carlos Villaverde Román, Ezequiel Martínez Santos, Carlos Rodríguez Salgueiro, Maite Xestido García, entre outros, e baixo a tutela de Alfredo García Alén, e en moitas das ocasións acompañados de Grupo Arqueolóxico García Alén, presidido por Antonio de la Peña, noutas por Antón Patiño, aportaron infinda información, froito da incesante investigación, o que puxo en valor a inmensa riqueza arqueolóxica da bisbarra.

Xosé Suárez Mariño, como experto, formou parte da Comisión Pro-catalogación do Patrimonio do Concello de Cangas, órgano consultivo constituído a proposta da Concellería de Cultura, daquela baixo a presidencia de Henrique Harguindey Banet. Máis tarde, ao constituírse o Padroado Municipal do Patrimonio Histórico, Artístico e Cultural, formou parte igualmente, en calidade de membro de pleno dereito.

Grazas a persoas como Suárez Mariño, o Concello de Cangas conta cun extenso e importante inventario de bens arqueolóxicos, o que ademais supón un alicerce fundamental para afondar na investigación histórico-arqueolóxica da vila.

Suscríbete para seguir leyendo