Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Bueu festexa as Letras Galegas con música, literatura, cinema e a romaría de Sanamedio

O domingo celébrase a entrega dos Premios Johan Carballeira | Arturo Sánchez Cidrás presenta un libro sobre o ensino público na vila EO mércores haberá un festival nas Lagoas

A presentación de onte das Letras Galegas en Bueu. |   // FDV

A presentación de onte das Letras Galegas en Bueu. | // FDV / david garcía

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Bueu

O Concello de Bueu abre o domingo os actos para celebrar as Letras Galegas, que arrancarán coa entrega dos Premios Johan Carballeira de poesía e xornalismo no Centro Social do Mar e que terán na popular romaría de Sanamedio a súa data máis sinalada. A programación oficial foi presentada onte coa presenza dos responsables municipais e dos distintos colectivos que organizan actos con motivo do 17 de maio.

A entrega dos Premios Johan Carballeira será o domingo ás 19.00 horas no Centro Social do Mar coa presenza de Manuel López (gañador en poesía) e Héctor Pena (gañador en xornalismo). Xusto a continuación terá lugar a presentación do libro “A escola pública en Bueu”, do mestre e investigador Arturo Sánchez Cidrás. O libro pretende ser un percorrido pola historia do ensino na vila e recolle datos históricos e fotografías de arquivo. “É un traballo adicado ao alumnado, aos pais e nais e ao profesorado que me acompañou no meu camiñar pola docencia e dos que tanto recibín”, manifestaba onte Sánchez Cidrás. Ao final da presentación agasallarase aos asistentes cun exemplar do libro.

O mércores 16 de maio a música será a protagonista da programación cultural co festival “Sons no Urbano!”, que se celebrará no aparcamento dos xardíns Urbano Lugrís, nas Lagoas. Será a partir das 21.30 horas e o cartel contará coa música tradicional de Xosé Lois Romero e Aliboria; a mestura de ska, punk, rock e tradición dos Skarnivals e o seu novo disco “Latexos”; e M@3DJ. Os concertos serán baixo unha carpa e a entrada será de balde. No recinto haberá unha barra a favor da Asociación Xuventude de Cela.

O día grande será o 17 de maio, a propia xornada das Letras Galegas. A actividade trasládase ao adro de Sanamedio coa vixésimo segunda edición da romaría las letras, coa colaboración da Asociación Cultural de Sanamedio. Durante a mañá actuarán Os Liboreiros e Pais de San Roque, pola tarde estarán Os Palleta Mollada e o contacontos de Polo Correo do Vento, que centrarán o seu espectáculo na biografía de Francisco Fernández del Riego. Ao longo de toda a xornada haberá xogos populares, actividades e unha cantina a favor do Bueu Atlético.

O propio 17 de maio a Coral Polifónica Marusía organiza un concerto das Letras Galegas no Centro Social do Mar e no que participarán a Coral Polifónica de Santa Comba de Cordeiro (Valga), Coral Polifónica Queixumes do Hío, Coral Polifónica de Salceda de Caselas e a anfitriona.

O peche dos actos ao redor das Letras Galegas será o sábado 20 de maio en Beluso e Meiro. A Asociación Cultural Novos Ventos organiza a partir das 18.00 horas na Casa do Pobo contacontos, xogos tradicionais e a presentación do libro “Damas e ghaláns do Entruido de Nergha”, de Guillerme Ignacio. Mentras, na casa da aldea de Meiro a Asociación Veciñal A Morada organiza unha charla sobre as Letras Galegas con Arturo Sánchez Cidrás; a presentación do libro “A sorepa”, de Luís Chapela; micro aberto e poesía; e as actuacións musicais da Agrupación de Canto de Meiro e Os Palleta Mollada.

Esta programación compleméntase coas proxeccións do Cineclub Bueu, que adica o mes de maio ao cinema galego. A semana pasada xa se proxectou “As bestas”, este venres será a quenda da película de animación “Unicorn Wars” e logo quedarán “Matria” e “Devolvendo o golpe”. As proxeccións serán os venres, ás 21.00 horas no Centro Social do Mar.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents