“O noso sempre foi por vocación e devoción, de voltar a empezar con 40 anos menos faríamos o mesmo”

“O noso primeiro concerto foi no baile vello do Hío e incluímos versións de Deep Purple, Iron Maiden, Scorpions ou Judas Priest”

Astarot nunha imaxe dos últimos días, preparando o seu concerto do 40 aniversario, con Carlos Gandón (primeiro pola dereita) coa súa guitarra “flecha” de Ibanez, que o acompaña desde 1985.

Astarot nunha imaxe dos últimos días, preparando o seu concerto do 40 aniversario, con Carlos Gandón (primeiro pola dereita) coa súa guitarra “flecha” de Ibanez, que o acompaña desde 1985. / Astarot

Cangas

Acadar os 40 anos no mundo da música é un fito para celebrar e, a ser posible, con moita música. Iso é o que fará Astarot, a banda emblema do rock no Morrazo e un dos grandes referentes en Galicia. Este sábado festexa o seu cuadraxésimo aniversario cun concerto especial no Auditorio Xosé Manuel Pazos, en Cangas (ás 20.00 horas e entradas a 10 euros en ataquilla.com). A actual formación da banda canguesa está integrada por Juan Antepazo (vocalista principal), Carlos Gandón (guitarras e voces), Nano Vikendi (guitarras e voces), Carlos Rodal (baixo), e José M. Piedra (batería). Non estarán sós enriba do escenario, senón que os acompañarán cerca de 20 grandes artistas galegos como Bieito Romero, Xan Cerqueiro, Irma Macías e Pedro Valero (Luar na Lubre); Tonhito de Poi (Herdeiros da Crus); Alberto Cereijo (N.E.O. e Los Suaves), Fernando Calvo (Los Suaves), Rosa Cedrón, Xosé Lois Rivas “Mini”, Josito Porto, Loren Tevra, Vituco Neira (Ruxe-Ruxe), Dani Camaño, Lucía Pérez ou Raquel Pato (compositora da música de “Negro Caravel” e irmá da gaiteira Cristina Pato). Catro décadas despois de que comezasen a soar os primeiros acordes de Astarot resisten dous dos seus membros orixinais: Carlos Gandón e Carlos Rodal.

–Como afrontan a celebración do concerto polo seu 40 aniversario?

–Con moita ilusión e agarimo. Non é para menos! Tamén con moitos recordos na mochila, vainos a costar moito aguantar as emocións nesta data tan significativa para nós.

–Vostede forma parte da formación orixinal desde aquel lonxano 1983. Pensou algunha vez que Astarot tería unha traxectoria tan longa?

–Nin por asomo! Isto é coma unha carreira de fondo: sabes cando comezas pero nunca cando rematas. O que si sempre tivemos moi claro é que o noso sempre foi por vocación e devoción, sempre intentamos facer boa música.

Unha imaxe antiga de Carlos Gandón e a súa guitarra “flecha” Ibanez  nun concerto de Astarot.

Unha imaxe antiga de Carlos Gandón e a súa guitarra “flecha” Ibanez nun concerto de Astarot. / Arquivo Astarot

–Xa teñen confirmada unha longa lista de invitados para subirse con vostedes ao escenario. Como será o concerto 40 aniversario?

–Gustaríame dicir que estamos moi agradecidos aos artistas que se dignaron neste día tan especial para nós. Tamén temos a satisfacción persoal de non recibir un non por resposta con toda a xente que falamos. Sen ningunha dúbida este xa é o primeiro agasallo recibido antes da celebración do evento. De todo corazón queremos darlle as grazas publicamente a todos.

–Rememorando un pouco os seus inicios, que discos e grupos escoitaban daquela e como foi o proceso para crear a súa propia banda?

–Ufff! O ano 1983 foi un ano que a min persoalmente marcoume de por vida. Por suposto para ben, tiña entón 17 anos. Aínda que non era imposible si que era difícil atopar locais onde actuar polo tema dos pelos largos, chupas de coiro... O que tamén lembro é que había bastante demanda por escoitar grupos que fixeran hard rock e a proba é que o noso primeiro concerto foi no antigo baile vello do Hío. Eran outros tempos, outras formas de pensar e desfrutar, e a música que escoitabamos nese ano era moi diversa. Ese primeiro concerto foi a escusa perfecta para incluír versións no repertorio de Scorpions, Deep Purple, Black Sabbath, Judas Priest, Iron Maiden, U.F.O. Lembro que cando demos este primeiro concerto Astarot só tiña dous temas propios e o resto eran versións.

Carlos Rodal, o outro membro de Astarot que se mantén na banda desde os seus inicios, nun concerto daqueles primeiros anos.

Carlos Rodal, o outro membro de Astarot que se mantén na banda desde os seus inicios, nun concerto daqueles primeiros anos. / Arquivo Astarot

–Naqueles anos Cangas era unha especie de referente na música rock e heavy, con numerosos concertos de grupos de gran nivel naquela sala, popularmente coñecida como Chichao e que foi cambiando de nome, como Fantasy, Saturno 3 ou Disconcierto. Como lembra aquela época, hai algún concerto que o marcase especialmente?

–Realmente comezou chamándose Fantasy, o de Chichao era polo apelido do primeiro dono. En canto aos concertos daquela época que me marcaron foron moitos, en especial o concerto de Ñu, Los Suaves, Barricada, Shy, Girls School, Saxon, Uriah Heep ou Dr. Feelgood. Foron tempos que sentaron cátedra.

–Vostedes tocarían bastantes veces naquela sala, un espazo que acabou convertíndose no actual Auditorio de Cangas. Que sensacións lles transmite tocar neste lugar con tanta historia detrás?

–Este recinto significa moito para nós e para moita xente. Pola parte que nos toca, podo dicirlle que o segundo concerto que deu Astarot foi precisamente en Fantasy, no ano 1985. E agora no 40 aniversario quen nos ía dicir que o celebraríamos aquí!

Unha imaxe promocional da formación de Astarot en 1990, despois de gravar o seu primeiro disco

Unha imaxe promocional da formación de Astarot en 1990, despois de gravar o seu primeiro disco / Arquivo

–O grupo comezou a súa andaina en 1983, pero para editar o seu primero disco tiveron que agardar ata 1989 [“Donde se hospeda el pasado”]. Que significou para aqueles mozos do Morrazo poder gravar un vinilo?

–Iso para nós foi poñer o pé na caixa de saída. Gardamos un cariño especial a ese disco en concreto. Aínda lembro o pracer que sentimos cando baixaba a agulla do tocadiscos... É unha sensación indeleble.

–Co tempo a súa música deu un xiro. Sen perder aquela esencia rock puso o acento na tradición musical e literaria galega. Como foi ese proceso? Pensan que foi ben entendido?

–É algo que nin sequera nos preocupa hoxe en día. Cando sacamos o terceiro disco, “Apuesta y gana” (1998), foi cando o grupo empezou a cantar en galego. Recibimos o Premio Luar ao grupo revelación na TVG polo tema “Airiños, Airiños Aires” de Rosalía de Castro e con música de Los Tamara, verdadeiras iconas da música galega. Despois no quinto disco “O sentir dunha terra” (2000) quixemos homenaxear as nosas raíces, iso si, rockanrolizando os textos literarios coa axuda dos mellores letristas que podíamos atopar para este propósito: Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Curros Enríquez...

O multitudinario concerto que Astarot ofreceu en Cangas no ano 2013 nas Festas do Cristo de Cangas.

O multitudinario concerto que Astarot ofreceu en Cangas no ano 2013 nas Festas do Cristo de Cangas. / SANTOS ALVAREZ

–Como afectaron os distintos cambios de formación na banda ao longo destas catro décadas?

–É certo que o grupo se tivo que repoñer varias veces. A marcha dalgúns compoñentes nalgúns casos foi un freo temporal, pero nada que o tempo non puidera solucionar. Fomos atopando as pezas necesarias e á volta da esquina a maquinaria xa estaba en marcha outra vez.

–Se non me falla a conta, levan editados nove discos e o DVD “Fusión”. Non sei se os discos son como fillos ou se hai algún deses traballos do que se sinta especialmente orgulloso?

–Si, hai bastante semellanza. Sentímonos bastante satisfeitos con todos os traballos que temos editado. Eu teño debilidade por “O sentir dunha terra” e non só polo súa musicalidade, que me encanta. É un traballo maioritariamente de versións onde aínda por riba colaboraron os creadores desas composicións: Los Tamara, Xosé Lois Rivas máis coñecido como Mini, Valdomero Iglesias, Suso Vaamonde, Fuxan os Ventos, Saraivas, Javi Maneiro e por suposto Xosé Manuel Pazos autor da letra da cantiga “María Soliña” que con todo cariño nos deixou para o recordo.

Os membros de Astarot ensaiando para no estudo para o concerto do 40 aniversario desta semana no Auditorio de Cangas.

Os membros de Astarot ensaiando para no estudo para o concerto do 40 aniversario desta semana no Auditorio de Cangas. / Astarot

–Se hoxe tivese 40 anos menos e comezase no mundo da música e da industria musical, seguiría apostando polo camiño que percorreron, farían cambios ou ante o actual auxe de determinados estilos terían quedado na casa?

–Non teño ningunha dúbida de que seguiríamos apostando polo noso estilo. E por suposto volveríamos a facer exactamente o mesmo que fixemos. Xa son 40 anos convivindo con tendencias, modas e demais familia e nunca nos desviaron nin o máis mínimo do noso cometido. Estou seguro de que seguiría coa nosa evolución natural e coa nosa maneira de facer as cousas e sempre ao noso xeito.

–Chegamos aos 40 anos de Astarot e non podo deixar de preguntarlles polos plans de futuro. Teñen novos proxectos musicais en mente para chegar, como mínimo, ás vodas de ouro na música?

–Certo é que agora estamos ao cen por cen centrados neste proxecto e aínda non pensamos nas vodas de ouro. Si que é certo que cando chegue o momento para dar o seguinte paso arrancaremos cun novo traballo, sempre que a saúde non nos defraude.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents