Nicolín e outros apelidos foráneos en Vilariño (II)

O investigador pescuda sobre o apelido Nicolín, que procede da cidade italiana de Xénova

Amador Pazó, con raíces italianas.

Amador Pazó, con raíces italianas. / A.C.

Anxo Coya*

A Amador Pazó Paz e os seus

S.XIX, mariñeiros, comerciantes, fomentadores , conserveiros e militares:

María Dolores Chamadoira era natural de San Pedro de Tenorio. Esta veu para o Igrexario como criada do seu tío frade Andrés Peleteiro Barreiro, apelido este, Chamadoira, de moita relación con Vilariño. Casou o 9/10/1869 con Manuel González Franco alcumado “ O Lughés” por ser fillo do mestre canteiro Pedro González, natural da parroquia de San Adrián de Moneixas, en Lalín (Bispado de Lugo).

O fomentador Félix Ferrer Ferrer e Isabel Blanco, pais de Benito Ferrer, que casou no Hío con Juana de Acuña Blanco o 28 de maio de 1854, posuían a fábrica de salgado no lugar do Río do Esteiro (O Igrexario), mais o trato e a relación coa xente mariñeira de Vilariño era moi notable. Nesta familia tamén é de obriga recoñecer a don Atilano Paradis Pérez e a súa dona Adelaida Ferrer Acuña.

Citemos tamén a Francisco Antonio Nogueira Costas (de Tirán) que casou o 27/06/1864 con María de los Remedios Martínez. O comerciante Vicente Juan Pastoriza Valdés casou con Aurora Núñez Pastoriza en 1877. Outra irmán chamada María Natalia Pastoriza Valdés (natural da Habana, Cuba) casou o 15/10/1881 co carpinteiro José González Bermúdez de Aldán. En Vilariño naceu o 12/04/1881 José Manuel Piedras sendo fillo de Ramón Piedras, de oficio albanel e natural de San Salvador de Lérez. Tamén recollemos o caso dun matrimonio de oficio forneiros asentados en Vilariño. Falamos de José Cousido Álvarez, natural de San Salvador de Leirado, en Salvaterra do Miño, e de Josefa Fernández Paredes, veciña de Coiro.

Casa que pertenceu á familia Nicolín, en Vilariño.

Casa que pertenceu á familia Nicolín, en Vilariño. / A.C.

Datos de militares

Temos coñecemento de varios casos de persoas relacionadas co estamento militar e que aquí deixaron a súa pegada. O 9 de marzo de 1829 o Real Corpo de Carabineiros de Costas e Fronteiras creouse mediante o Real Decreto de Fernando VII. A súa misión era a de proporcionar seguridade e vixía das costas e fronteiras, facer a guerra ao contrabando, prever as súas invasións e reprimir aos contrabandistas, e tamén a de afianzar con forza e dar protección á industria e comercio nacional. Sabemos que moitos carabineiros residiron en Vilariño pois estes exercían o oficio nos portos de Aldán e da Testada. Exemplos como o de Francisco Guiance Nogueira, natural de San Bartolomeu de Pontevedra e de profesión garda de carabineiros casado con Carolina Pampín Pérez, nacida en San Xurxo de Sacos sendo os seus pais naturais de Arzúa e de Boimorto. María Dolores Rodríguez Caballero naceu o 24/10/1889 sendo filla do carabineiro Sebastián, natural de Viana do Bolo e de Engracia, oriúnda de Herreros (León). Ata Vilariño arribou Bernardo Chavert Mira, fillo de Manuel de profesión tenente de carabineiros e natural de Viveiro. Outros carabineiros que viñeron destinados para o para vixiar o Porto de Aldán e que tamén controlaban o vello peirao da Testada foron Vicente Crego, natural de San Xián de Senra, Ortigueira, acompañouno a súa esposa María López natural de Ciudad Rodrigo ou mesmamente José Castedo Somoza, oriúndo de San Andrés de Castro, Lugo, xunto coa súa dona Dolores de la Torre, veciña que foi de Vilaxoán en Arousa. Continuamos con Antonio López e María Vázquez, procedentes de San Mamede de Losada (Lugo) ou co chamado Ramón López-Díaz Teijeiro que emparentou con Aurora Franco Fernández o 11/02/1893 e outro que exerceu este oficio no mesmo porto foi José Gallego Tallón, que casou con Dolores Nogueira tendo a día de hoxe numerosa descendencia en Vilariño.

Árbore xenealóxica de José Nicolín.

Árbore xenealóxica de José Nicolín. / David Piñeiro

Entre outros exemplos significativos citar a: Bentura Antonio Cabral Sotelo que tomou casamento o 9/05/1803 con María Antonia del Carmen Casademunt, sendo os pais de ambos cónxugues veciños de Vilariño. Falamos de Manuel Cabral e Francisca Sotelo e de Juan Casademunt e Dominga Miranda. As anotacións que fixemos de Juan Casademunt aportan datos de interese e son do seguinte teor: “... en cinco días del mes de noviembre de mil setecientos setenta y nuebe yo Don Baltasar Antonio Rodríguez de Rivera Prior y cura párroco de esta Yglesia Colegiata de Santa María de la Villa de Vigo asistí a la celebración del santo sacramento de matrimonio que ... celebraron de una parte Juan Casademun Artillero de Tierra del tercer Batallón del Real Cuerpo de Artillería del Departamento de la Coruña, hixo lexítimo de Sebastián Casademun ahora difunto y de Margarita Pexeta vecinos de la Roca de Alvera Jurisdicción del Rosellón Prov. De Cataluña; y de la aotra Dominga Miranda vecina de esta villa de Vigo, hixa de Domingo Miranda ahora difunto y de María Antonia Valladares, vecinos de San Martín de Moaña...”.

Un documento de época coa relación de bens de José Nicolín.

Un documento de época coa relación de bens de José Nicolín. / atopo.depo.gal

O apelido Nicolín

Hai como unhas dúas décadas que despertou curiosidade en min un singular en Vilariño. Foi Josefa “a de Ramiro”, veciña desta aldea que aseguraba ser descendente da familia Nicolín, e ela mesmo foi quen de notificarme que a procedencia deste apelido era a cidade de Xénova. Nunha primeira instancia non din moita importancia á súa orixe italiana, pois ao deberse a unha información oral podería sufrir alteracións ou deformacións. Falamos, pois, da persoa de Joseph Nicolín.

Para elo decidín seguir indagando neste apelido e afondar na información escrita sobre esta familia e o resultado foi o seguinte: Francisco Nicolín e Manuela de Soutomaior eran veciños de Vigo, sendo fillos de Juan Bautista Nicolín e de Benita del Canto veciños de Xénova, (sen especificar se fai referencia á cidade ou República) e de don Manuel de Sotomaior e de Benita Hermida, moradores de Santiago de Vigo. Francisco e Manuela casaron o 25/12/1765 aparecendo a desposada co apelido de Fernández, tal vez con posterioridade preferiu que prevalecese o apelido Sotomaior que probablemente sería o apelido dalgún avó ou avoa. Tiveron por fillos cando menos a Juan que finou o 9/10/1775, Manuel José, bautizado o 6/01/1775, Juan Benito, bautizado o 13/08/1779 , Narciso Francisco (9/10/1781- 27/03/1843), que casou con Florentina Méndez, Juan Bernardo bautizado o 20/04/1783, sendo veciños de Santiago de Vigo, e tamén ao noso protagonista, José. Consultando os libros de defuncións desta parroquia viguesa, acreditamos que Francisco Nicolín foi soterrado o 5/08/1809. A documentación di textualmente: “En cinco días del mes de Agosto de mil ochocientos y nueve se dio sepultura en la Yglesia Parroquial de Santiago de Vigo anexo de la de Santomé (de Freixeiro) al cadaver de Francisco Nicolín casado con Manuela de SotoMaior vezinos de esta dicha Parroquia, pobre de solemnidad, recivio los santos sacramentos de Penitencia y sagrada comunion...” Posteriormente a súa esposa Manuela de Sotomaior recibiu sepultura na mesma parroquia o 21/04/1819. Temos constancia de que en Vigo tamén morou o matrimonio de Pedro Nicolín e Ana Berrenchín, pero non conseguimos verificar se este Pedro tamén era fillo de Francisco e Manuela.

Nota de prensa de El Correo Gallego, do 27 de agosto de 1896, na que se cita a Juan Paz Nicolín.

Nota de prensa de El Correo Gallego, do 27 de agosto de 1896, na que se cita a Juan Paz Nicolín.

José Nicolín

José Nicolín era Dependente de Rendas Nacionais cando aínda non existía o Corpo de Carabineiros que velaban as nosas fronteiras e portos, e con moita probabilidade desenvolveu o seu oficio no porto de Aldán. Casou o 27 de xaneiro de 1788 coa veciña de Vilariño Catalina Sotelo, filla de José Sotelo e María Ermelo. Froito deste matrimonio naceron: Bentura bautizado o 25/12/1788 e Francisco Antonio o 25/11/1789. Ficou viúvo e casou en segundas nupcias na véspera do día da Virxe de Darbo de 1809 coa veciña María Manuela Martínez Carballo. Fillos desta unión son José Baltasar, Peregrina e Josefa Rosa Nicolín Martínez. En 1828 o noso protagonista ten algunha dilixencia co crego do Hío por mor do pago pendente de rendas forais. Deducimos que José naceu no 1769, sempre que non nacese nos primeiros dez días de xaneiro, baseándonos na partida de defunción pois contaba con oitenta e seis anos, pois finou cego o 11/01/ 1856. Foi soterrado o 13 do mesmo mes no camposanto do adro da igrexa do Hío. A súa partida de defunción expón o seguinte: “ En trece de Enero de mil ochocientos cincuenta y seis yo Don Juan Manuel Míguez cura Párroco de San Andrés del Hío en el Atrio de esta Parroquial que hace de Campo Santo di sepultura al cadaver de Don José Nicolín el que falleció a las dos de la mañana del día once del mismo , viúdo de Manuela Martínez vecinos del Lugar de Vilariño e hijo de Francisco Nicolín y Manuela Sotomayor vecinos de la Ciudad de Vigo: hera de edad de ochenta y seis: su enfermedad la vejez: ...”

Do seu testamento peneiramos: “... Yo Dn. José Nicolín Dependiente de Rentas nacionales Jubilado, viudo de Dª Manuela Martínez, vecino de la Feligresía de Sn. Andrés del Hío y Lugar de Vilariño, hallándome ciego imposibilitado en casa de mi morada a causa de mi edad ya de ochenta años, pero en mi cabal juicio , memoria y entendimiento...Declaro: Que del matrimonio que contraje con mi dha (dicha) difunta Mujer me quedaron y tengo por hijos =José Baltasar=Peregrina y Josefa Rosa Nicolin Martinez; los quales el primero se halla casado con María Rufina Paz: la Peregrina tambien lo está con Andrés Rial; y la Josefa Rosa con Benito Piñeyro....”. Continúa o documento agradecendo a súa neta María de los Dolores Rial Nicolín pola compaña que lle fai e polos moitos coidados que lle leva feito dez anos atrás polo que lle herda o seguinte: “...Esta casa de mi morada con su cozina enteramente,con todos los muebles, ajuares, Ropas y mas efectos, y quanto aya en la propia casa y cozina a puertas cerradas. Ytem la mitad del horreo de entrojar maiz= Ytem la cuadra pequeña que fue comprada a Juana Sotelo consistente en el corral= Ytem la mitad del propio corral con el Alboyo y lo que en el se contenga= Ytem del terreno del circundado, la mitad del que se contiene del Vallado que se halla de entre los dos Perales, de Orraca (Urraca) el uno y el otro de Peras de á libra, para bajo a entestar con esta casa y camino comun...Ytem dejo y legato a Adelayda Rial mi Nieta soltera hermana de la antecedte (antecedente) la Caseta del Lagar= Ytem la otra mitad del espresado horreo....Nombro por mis Albaceas testamentarias a los dhos Baltasar Nicolín y Andres Rial ni yerno, para que á costa de mis bienes cumplan lo pío que dejo dispuesto; como tambien invertir en Misas rezadas quatrocientos rs. Von (vellón) en limosna de quatro rs (reales) precisamente en el Altar Mayor de la Madre de Dios de la Peregrina de la Ciudad de Pontevedra, que bienen a ser cien misas...”

As anotacións na partida de defunción de José Nicolín aseguran que no seu testamento declarou que ao seu enterro e funerais asistiran cinco sacerdotes “y le digesen por su alma quince misas rezadas por una sola vez y en San Bartolomé de Pontevedra cien por obligación que tenía de decirlas allí cláusula del mismo testamento....no habiendo asistido los designados (cregos) en el testamento por estar el día llubioso...”. Parece haber unha equivocación ou manipulación en canto ao templo no que se han de dar as cen misas, pois aquí indícase a igrexa de San Bartolomé no canto da Peregrina como se testifica no testamento.

Josefa "a de Ramiro", con ascendencia xenovesa, xunto a súa amiga Carmucha na Festa Folc de Vilariño.

Josefa "a de Ramiro", con ascendencia xenovesa, xunto a súa amiga Carmucha na Festa Folc de Vilariño.

O apelido Nicolín existiu en Vilariño e en Liméns

Recollemos información variada de varias persoas con este apelido. Por exemplo, Serafín González Nicolín era veciño de Liméns e casou con Lucinda Pardavila Santos en 1899. Florencio Rial Nicolín casou o 15/06/1889 con María Andrea Rial Piñeiro e María Dolores Rial Nicolín que emparentou con Prudencio Martínez o 26 /11/1857. José González Nicolín estivo un tempo ausente na Illa de Cuba. Atopamos unha información nun xornal de 1896 onde se acredita a Juan Paz Nicolín como carpinteiro de segunda clase da fragata Almansa. De Liméns eran veciños Baltasar Nicolín e María Rufina Paz Rial, e unha das fillas chamouse Eduarda Benigna Nicolín Paz, casada o 28/03/1868 con José María Paz Costas, de Nerga, polo que os fillos desta parella trocarían os apelidos da súa nai, pois un dos fillos foi José Ramiro Paz Nicolín e outra de nome María del Carmen.

É un pracer homenaxear a Amador Pazó Paz e a súa irmá Concha que aos seus oitenta e seis e oitenta e dous anos son os descendentes máis lonxevos de Vilariño no tocante ao apelido Nicolín. Seguindo a liña da súa nai Sofía Paz Rial sabemos que Amador e Concha eran netos de José Ramiro Paz Nicolín. Seguimos ascendendo e súa bisavoa foi Eduarda Benigna Nicolín Paz, filla de Baltasar Nicolín e este fillo de José Nicolín Sotomaior e de María Manuela Martínez que veñen sendo os segundos tataravós de Amador. Polo tanto verificamos que son descendentes do seu terceiro tataravó Francisco, fillo de Juan Bautista Nicolín e de Benita del Canto, naturais de Xénova coa única dúbida de que non sabemos se fai referencia á cidade ou á República de Xénova disolta en 1797. Aquí queda demostrada a ascendencia xenovesa de Amador e de Concha, algo que aínda non se demostrou con Cristóbal Colón.

Fontes consultadas: Galiciana,Familysearch.org, Arquivo Diocesano de Santiago,Arquivo Diocesano de Tui, Arquivo da Deputación de Pontevedra, Arquivo Parroquial do Hío, Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra.

*Veciño do Hío

Suscríbete para seguir leyendo