Moaña adopta a Paco Ferreira, “a voz das causas xustas”

Toda a corporación nomea ao activista como Fillo Adoptivo da vila a título póstumo e ante unha ampla representación do tecido asociativo

Representantes da corporación cos fillos de Paco Ferreira –Breogán e Marcos– e os seus netos.   | G.N.

Representantes da corporación cos fillos de Paco Ferreira –Breogán e Marcos– e os seus netos. | G.N. / Fran G. Sas

Paco Ferreira, o activista social que estaba á fronte de loitas como a defensa da sanidade pública ou do transporte de ría xa é Fillo Adoptivo de Moaña a título póstumo. Procedente da outra beira da ría, na súa madurez afincouse na parroquia de Tirán, que fixo súa e comezou a involucrarse e liderar numerosos movementos sociais e veciñais. Onte todos os grupos políticos de Moaña aprobaron un nomeamento que partiu da iniciativa da Asociación de Veciños de Tirán e á que se sumaron moitos colectivos da vila. A súa familia e amigos puxeron en valor o “legado” que deixou para as vindeiras xeracións.

“Meu pai chegou a Moaña xa xubilado e aquí atopou un novo fogar e un cento de amigos. Rexeitaba os personalismos porque sempre defendeu o colectivo e se estivera hoxe aquí diría que el non conseguiu logros, que só axudou a outros”. Así se expresou onte Marcos Ferreira, un dos fillos do activista social Francisco Ferreira “Paco”, falecido a finais do 2021 e que onte foi nomeado a título póstumo como Fillo Adoptivo de Moaña. Marcos falou en nome dos seus irmás Breogán e Natalia. O emotivo acto culminou unha iniciativa impulsada pola Asociación de Veciños de Tirán, da que Paco era pilar esencial. A solicitude de distinción contou co apoio de decenas de colectivos da vila e dunha morea de veciños que asinaron a título individual. Os seus fillos e netos recibiron da corporación un agasallo en forma de vela cunha foto do acto no que Francisco Ferreira presentaba o libro de Domingo Villar “O último barco”, ambientado no seu Tirán.

O evento foi un continuo pasar de veciños que compartiron con Ferreira multitude de loitas e actividade social. Dende o asociacionismo veciñal ata a defensa do transporte de ría, a loita pola supresión da peaxe de Rande, ou a defensa da sanidade pública que o converteu nunha das caras visibles da reclamación dun centro de saúde para Moaña que ao fin coverterase nunha realidade nos vindeiros meses. Ese espazo sanitario será un dos legados que Paco Ferreira deixará para os moañeses do presente e do futuro.

O agasallo coa foto de Francisco Ferreira na presentación do libro “O último barco”, de Domingo Villar.   | // GONZALO NÚÑEZ

O agasallo coa foto de Francisco Ferreira na presentación do libro “O último barco”, de Domingo Villar. | // GONZALO NÚÑEZ / Fran G. Sas

O músico de “Xardín Desordenado” Santiago Ferragud, amigo do homenaxeado, encargouse do apartado musical poñendo ritmo a dous poemas. Antes de facer sonar a guitarra fixo unha definición do novo fillo adoptivo ao que describiu con dous atributos: “O primeiro é a súa modestia. Era un hombre que che facía un favor enorme e parecía que eras ti o que llo facías a el. O segundo é a diplomacia. Paco xamais asoballaba coas súas razóns, sempre deixaba un oco para as túas”.

Entre a ampla representación da sociedade moañesa que participou, Luís Chapela da Asociación de Veciños de Tirán sinalou que “a vida non ten billete de volta, pero nese camiño que percorremos, as persoas boas, como Paco, deixan unha estela de luz que perdura”.

O arquitecto e idéologo do proxecto do Camiño Real, Martín Barreiro, interveu para destacar “as moitas cousas que aprendín del. A palabra que o define é a concordia. Sempre consguiu sacar o mellor dos veciños de Tirán para facer moitas cousas en positivo”.

A distinción aprobouse por unanimidade.   | // GONZALO NÚÑEZ

A distinción aprobouse por unanimidade. | GONZALO NÚÑEZ / Fran G. Sas

O veciño e amigo de Paco, Xosé Manuel Álvarez, incidiu no empeño do homenaxedo para poñer en valor o Monte dos Remedios e o seu traballo na retirada de eucaliptos, así como a súa coordinación coa Anpa do CEIP Tirán. Tamén veciño da parroquia, Luis Chapela Lorenzo calificou ao fillo adoptivo como “un referente de que as cousas se poden facer doutro xeito”. Dende a Plataforma da Sanidade, Concha Trigo botou man do simbolismo: “Unha estrela pousou enriba da pedra do Pegho. Esa é a estrela de Paco Ferreira. Amable Santos e Daniel Costas leron sendos poemas en memoria do activista.

“A modestia e a diplomacia son os atributos que o describían”

Todos os grupos políticos votaron a favor da distinción póstuma a Francisco Ferreira e se expresaron con palabras cariñosas. Polo PP Vicente Verdeal relatou “como coñecín a Paco paseando os nosos cans polo monte dos Remedios. Aínda nas antípodas a nivel político recoñecín nel a unha persoa educada e sempre comprometida co pobo. Que pelexou pola veciñanza en aspectos como a sanidade, que non ten cor política. Era unha persoa afable e hoxe está recollendo o que sementou”.

As actuacións musicais correron a cargo de Santiago Ferragud, de “Xardín Desordenado”.   | // G. NÚÑEZ

As actuacións musicais correron a cargo de Santiago Ferragud, de “Xardín Desordenado”. | // G. NÚÑEZ / Fran G. Sas

Polo PSOE falou Marta Freire, quen indicou que “Paco levou a palabra activismo ao máis grande. involucrouse en todo aquilo que era favorable para os veciños. Foi ademais un dinamizador cultural”. Odilo Barreiro, do BNG, sinalou que “Paco entendía que só podemos avanzar como sociedade se o facemos dende a unión e a defensa do común”.

A alcaldesa, Leticia Santos, rematou o pleno extraordinario agradecendo “o legado de Paco. Os que o coñecimos sentímonos amados por Paco e defendidos por todas as loitas sociais que liderou”.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents