Premio para a poesía híbrida de Manuel López

O Premio Johan Carballeira galardoa ao poeta de Noia por “837-Urb”

Manuel López.   | // FDV

Manuel López. | // FDV / David garcía

O Concello de Bueu reúne esta semana aos xurados dos Premios Johan Carballeira de poesía e xornalismo. O primeiro en xuntarse a deliberar foi o de poesía e o gañador foi o poeta de Noia Manuel López Rodríguez, cun poemario titulado “831-Urb”.

“Un libro de distopía cunha forte narratividade que ensaia unha forma de poesía híbrida, metamórfica onde o poder é descrito con crueza”. Así describe o xurado do Premio Johan Carballeira de Poesía o poemario “831-Urb”, o libro gañador do certame deste ano. O seu autor é o poeta de Noia Manuel López Rodríguez, que xa conta con algúns dos premios máis importantes da poesía galega.

O certame poético acada este ano a súa vixésimo sexta edición, á que se presentaron un total de 53 poemarios. O xurado destaca que a obra de Manuel López está escrita con versos rotos, prosa tecnificada e golpes de efecto que axudan a construír un libro que “pode lerse tamén como unha aventura de disfraces”.

O autor xa publicou poemarios como “Antítese nativa”, “Rompe”, “Desde onde non nace”, “Vangarda ule” ou “Nas pulsacións” e ten gañado algúns dos certames poéticos con máis sona en Galicia, como Suso Vaamonde, Eduardo Pondal, Rosalía de Castro, Francisco Añón ou o Lueiro Rey. Amais, é cofundador do Colectivo Literario Sacou, Asociación Cultural Éteatro e da Asociación Audiovisual Paradiso.

O xurado desta edición estivo composto polas poetas e profesoras Antía Novas e Elvira Ribeiro e polo tamén poeta e editor Antón Lopo. O premio convocado pola Concellería de Cultura de Bueu está dotado con 1.500 euros e inclúe a publicación do libro a cargo de Edicións Xerais dentro da súa colección de poesía.

Ao longa da súa historia o certame xa ten premiado a algúns dos autores galegos máis destacados, como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Emma Pedreira, Ismael Ramos, María Reimóndez, Daniel Asorey, Berta Dávila ou a propia Lucía Novas.

Este venres está previsto que se reúna o xurado do premio na modalidade de xornalismo, na que se presentaron cerca dunha vintena de traballos, e na que no xurado haberá representantes da Asociación Amigos de Johan Carballeira.

A intención do Concello de Bueu é celebrar o acto de entrega dos premios Johan Carballeira durante o mes de maio, coincidindo coa celebración das Letras Galegas. Este galardón é un recoñecemento á figura do antigo alcalde da vila, poeta e xornalista, que foi asasinado en abril de 1937. Hai uns días celebrouse o 86 cabodano do seu fusilamento.

Suscríbete para seguir leyendo