Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Laura Ogando Número 3 do BNG de Bueu

“Sempre hai opinións distintas, pero primou un programa similar e o bo traballo conxunto”

A exconcelleira volta a política municipal na lista de integración entre BNG e ACB

Laura Ogando, onte na praia de Banda do Río.   | // GONZALO NÚÑEZ

Laura Ogando, onte na praia de Banda do Río. | // GONZALO NÚÑEZ / david garcía

Bueu

A exconcelleira Laura Ogando volta á política municipal despois dun periodo de oito anos e concorrerá como número 3 dentro da lista do BNG. Ese posto de saída convértea na primeira cara visible deste novo encontro entre o BNG e a Asamblea Cidadá de Bueu (ACB), unha confluencia a través dunha lista conxunta para as eleccións municipais do 28 de maio. Foi concelleira do BNG entre 2007 e 2011 e nos comicios dese ano voltou a obter acta municipal. Non obstante, desde 2012 permaneceu na corporación como non adscrita despois da súa adhesión ao Encontro Irmandiño de Xosé Manuel Beiras.

–Na presentación da candidatura conxunta dicían que foi un proceso de moito tempo, non de semanas nin meses. ACB anunciara a principios de marzo a súa intención de presentarse ás eleccións. Que cambiou nestas últimas semanas para pasar desa candidatura propia a unha de unidade?

Dende ACB sempre estivemos por unha fronte amplia de esquerdas e nacionalista e dende antes de marzo estábamos nun proceso de debate e negociación que vén de lonxe e que non só se produciu no noso Concello. En marzo esta idea de unidade foi desbotada noutros concellos limítrofes ao noso, e nós, como ACB, preparámosnos para poñernos en todos os escenarios posibles, pero finalmente todas e todos decidimos, e penso que con acerto, que en Bueu o máis positivo era unir forzas e non dividir o voto de esquerdas.

–Como foron as conversas para conseguir esta integración? Houbo reticencias por parte das bases dalgunha das formacións?

Nas negociacións sempre hai distintas opinións e formas de ver as cousas. Por exemplo, a nosa asamblea é moi plural ideoloxicamente falando, máis neste caso para a gran maioría primou que temos programas similares e o bo traballo conxunto destes últimos catro anos.

Como prioridade temos alguna que non chegou a materializarse neste mandato, como a mellora da mobilidade urbana en todo o municipio, comezando pola convocatoria de ideas da reforma integral da Banda do Río, que é unha espiña que nos quedou pendente

–Como evolucionaron BNG e ACB nestes anos para pasar das duras críticas de ACB no mandato 2015-2019 ao goberno local a un goberno de coalición e agora a esta unidade?

Falamos de diferentes etapas e procesos, no 2015 o BNG estaba no Goberno e nós na oposición. Durante a coalición destes últimos catro anos moitas das nosas propostas foron asumidas polo goberno e a inversa. Isto fai que a día de hoxe finalmente nos plantexemos esa unidade e concurramos na misma lista electoral.

–Nesas negociacións, cales foron as prioridades ou obxectivos a nivel de programa de goberno ás que ACB non vai renunciar?

Pois como prioridade temos alguna que non chegou a materializarse neste mandato por problemas “burocráticos”, como a mellora da mobilidade urbana en todo o municipio, comezando pola convocatoria de ideas da reforma integral da Banda do Río, que é unha espiña que nos quedou pendente. Parécenos importante promover o acceso a vivienda, pensamos que é un dos grandes problemas cos que se atopa a xuventude á hora de emanciparse e é preciso fomentar sistemas diferentes como o cooperativismo ou a vivienda social. E unha reivindicación de todos estes anos, a municipalización dos servizos públicos, comezando polo servizo da auga, para o cal remata a concesión no ano 2025.

–Levaba tempo afastada da primeira liña da política municipal e de feito na candidatura de 2019 non formou parte da lista. Que lle motivou para volver a presentarse e estar nos postos de saída da lista?

Pois xa no 2015 a miña situación persoal cambiou bastante coa maternidade e máis tarde a situación laboral levoume a traballar a 85 quilómetros da miña casa. Agora, xa máis preto e con máis estabilidade, estou lista para voltar a aportar a miña experiencia e compromiso para a mellora da vida dos e das veciñas de Bueu.

–No ano 2012 a saída do Encontro Irmandiño e de Beiras do BNG foi un auténtico terremoto político. Ao renunciar a súa militancia no BNG vostede foi cesada do goberno local. Quedan aínda cicatrices daqueles momentos?

O BNG entendeu naquel momento que eu non tiña que estar, eran maioría no goberno e a democracia é así. Cando naquel momento tomo a decisión de darme de baixa no BNG xa asumo que iso podería pasar e así foi. Non pasou nada, hai que ser responsable co que unha decide.

Cando naquel momento tomo a decisión de darme de baixa no BNG xa asumo que iso podería pasar e así foi. Non pasou nada, hai que ser responsable co que unha decide

–Falaban de que o que separa agora mesmo a BNG e ACB é moito menos que todo canto os une. Cales son os puntos que aínda os separan e que impiden a confluencia total?

Pois a nosa asamblea, como xa dixen, é un grupo heteroxéneo de diferentes sensibilidades, entre elas, as non nacionalistas, que comparten inquedanzas e obxectivos sen practicamente diferencias no programa. Eu diría que é unha cuestión de tempos e de formas.

–No caso de chegar ao goberno local de Bueu, como se vai xestionar esa dualidade dunha sola lista pero con representantes de dous partidos? Ao longo de catro anos é imposible que non xurdan friccións ou desencontros.

Xa estivemos este último mandato gobernando en coalición e fumos quen de facelo dende o debate, o consenso e o respecto mutuo.

–Finalmente, no caso de chegar ao goberno, que áreas lle gustaría xestionar? Na súa anterior etapa, debido ao seu perfil profesional, estivo moi vencellada á igualdade.

Si, certo, estiven moi vencellada a Benestar Social e a Igualdade. Son dúas áreas das que gusto e tamén por formación profesional. Pero tamén toquei áreas como Persoal, Patrimonio, Seguridade Cidadá, Turismo… e son capaz de asumilas sen problema. Estarei, nese caso, onde o Goberno me necesite.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents