Bueu non esquece a Johan Carballeira

O venres proxéctase un docmumental e o domingo haberá unha ofrenda floral

A ofrenda floral do ano pasado no monumento a Johan Carballeira e aos represaliados en Bueu.   | // SANTOS ÁLVAREZ

A ofrenda floral do ano pasado no monumento a Johan Carballeira e aos represaliados en Bueu. | // SANTOS ÁLVAREZ / David garcía

Esta fin de semana cúmprese o 86 cabodano do fusilamento de José Gómez de la Cueva, máis coñecido polo seu seudónimo literario e xornalístico: Johan Carballeira. O que fora alcalde de Bueu voltará a ser lembrado na vila a través dos actos organizados pola Asociación Amigos de Johan Carballeira, que inclúen a proxección dun documental e a tradicional ofrenda diante do monumento na súa honra situado diante da praia da Banda do Río.

O Centro Social do Mar acolle o venres, a partir das 20.00 horas, a proxección de “Acorda”, un documental elaborado desde o departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra e que pretende poñer en valor lugares e feitos da memoria a través da música. Neste traballo participan voces diversas do panorama musical galego como Tanxugueiras, Eladio Santos, Emilio Rúa, Silvia Penide, Sheila Patricia, Ezetaerre, Su Garrido Pombo ou Uxía Senlle. O documental pretende ser unha “mensaxe de paz e rebeldía”, ao tempo que unha homenaxe ás vítimas que perderon a vida na loita pola democracia e liberdade. Entre os escenarios escollidos para a gravación está a praia de Massó, en Cangas, a Antiga Escola Normal de Pontevedra ou a ponte de Regueiro, na Estrada. Ao rematar a proxección haberá un coloquio co público asistente.

O domingo será a tradicional ofrenda no monumento en homenaxe a Johan Carballeira e a todas as persoas que sufriron a represión. Será ao mediodía, coa intervención do poeta Xosé María Álvarez Cáccamo; a presidenta da Asociación Memoria Histórica de Marín, Enriqueta Molas; e o alcalde de Bueu, Félix Juncal.

A Concellería de Cultura de Bueu convoca anualmente os Premios Johan Carballeira de poesía e xornalismo e desde o Concello apuntan que nas vindeiras semanas reuniranse os respectivos xurados, polo que os fallos daranse a coñecer entre finais de abril e principios de maio.

Suscríbete para seguir leyendo