A transformación da Semana Santa canguesa (II)
O gran empuxe da celebración aconteceu coa creación da coordinadora das confrarías e os primeiros capuchóns

Urna do Santo Entierro en 1920. | // ARQUIVO DO AUTOR / Luís Martín carnero
Luís Martín Carnero
Xa na década dos noventa asistimos a un gran empuxe de man das confrarías penitenciais canguesas á hora de promover as procesións da Semana Santa. Créase a Coordinadora das Confrarías, xorden os primeiros penitentes con capuchóns e engádense novos pasos, como son o de Cristo flaxelado -popularmente bautizado como O Amarrado-, o paso da Piedade -conformado coa Dolorosa Vella e o antigo Cristo do Descendemento da Irmandade da Virxe dos Dolores-, o paso de Xesús da horta das Oliveiras e a procesión das tres negacións de san Pedro. Desta forma a nosa Semana Santa gaña en vistosidade das súas procesións conseguíndose no ano 2002 que sexa recoñecida como de Interese Turístico Galego.
A nosa Semana Santa non perde forza, e no ano 2015 nace unha nova irmandade, a de Cristo Resucitado, que vai completar o programa procesional coa procesión do Domingo de Resurrección, na que se escenifica o encontro entre Xesús Resucitado e María, a súa nai.
No ano 2016, e en clara referencia á importancia da nosa vila como enclave penitencial, celébrase en setembro o XXIX Encontro Nacional de Confrarías Penitenciais, chegando a Cangas irmandades e congregacións de toda España e que serviu, sen lugar a dúbidas, para lanzar unha imaxe cultural e cultual da nosa vila ao resto do Estado.
A fortaleza e enerxía da nosa Semana Santa non adormecen: a Irmandade da Virxe dos Dolores encarga un novo paso procesional para renovar ao antigo Xesús Flaxelado, a Irmandade de San Pedro renova tamén a imaxe do seu santo titular e a confraría máis nova, a de Xesús Resucitado, estrea neste ano 2023 dúas novas imaxes, un Cristo do Perdón, que representa a un Ecce Homo e que procesionará na tarde deste Xoves Santo, e unha nova Virxe María para o Encontro de Resurrección.

Luis Martín Carnero, na inauguración da exposición na Capela. | // S.Á. / Luís Martín carnero
En definitiva, podemos deixar claro que o pobo de Cangas está totalmente volcado con esta tradición secular, que non serve soamente como un rito penitencial e catequético, senón que pon o nome de Cangas nun lugar destacado no noso país, e sen dúbida serve tamén para desestacionalizar o turismo estival, porque Cangas, ademais de sol e praia, ten grandes atractivos culturais, entre os que destaca a nosa Semana Santa.
(*) Historiador de Cangas e coautor da exposición “Historia dunha tradición: a Semana Santa canguesa”, aberta na Capela do Hospital
Suscríbete para seguir leyendo
- La Guardia Civil desarticula dos grupos dedicados a la sustración de gasoil de camiones tras detectar un vehículo con garrafas en Moaña
- La Policía Local de Cangas detiene en una persecución a un individuo al que se le encuentran 13 envoltorios con cocaína
- El moañés afectado por el desplome de un talud de la Autovía sigue con la casa sepultada
- Ataque de un hombre a varias mujeres en la avenida de Marín, en Cangas
- Detenido por violencia de género en Moaña tras discutir y romper el móvil de su pareja
- Retenciones en la Autovía do Morrazo a las playas debido al corte de un carril por las obras de conservación del viaducto en Meira
- Agosto se cierra con problemas de barcos en A Borna y de picaduras en A Xunqueira
- Darbo alarga un día más su estancia en la Romaría