A transformación da Semana Santa canguesa (I)

O historiador local Luis Martín Carnero pon en valor as tallas do escultor Ignacio Cerviño

Antiga escena do Desencravo.

Antiga escena do Desencravo. / Arquivo do autor

Luis Martín Carnero

A Semana Santa que vive Cangas afonda as súas orixes nas últimas décadas do século XIX, momento no que sofre unha transformación crucial que vai dar lugar as procesións que hoxe coñecemos. O historiador cangués Luis Martín Carnero, autor, xunto a Inés Costas Villar, da exposición aberta na Capela do Hospital “Historia dunha tradición: a Semana Santa canguesa”, pon en valor nesta colaboración en dous capítulos, a Semana Santa da vila como un patrimonio material e inmaterial artístico, histórico e cultural. Na exposición poden verse antigos estandartes e unha táboa manuscrita polo propio Ignacio Cerviño en 1877.

Ata as últimas décadas do século XIX, en Cangas víñanse facendo varias procesións, como era a da Virxe dos Dolores no venres de Paixón, probablemente algo semellante á dos disciplinantes no Xoves Santo e a do Santo Enterro na tarde do Venres Santo, esta última organizada pola Congregación da Virxe dos Dolores, quen tiña entre as súas posesións un Cristo articulado e dous ladróns para compoñer a escena do Calvario na igrexa, realizar o acto litúrxico do Descendemento e a continuación a procesión do Santo Enterro coa imaxe de Cristo nunha urna seguido da Virxe da Soidade. Esta era a procesión de maior importancia, pois era na que participaban as autoridades municipais e entendíase coma un grande enterro, con moita pompa litúrxica, coma os que se celebraban para reis ou grandes dignidades.

Antiga escena do Desencravo.   | // ARQUIVO DO AUTOR

Santa Cea en procesión nos anos 20. / Arquivo do autor

Na década do 1870, momento no que a pesca supoñía unha grande actividade económica e o Gremio de Mareantes de Cangas constitúe unha asociación economicamente pudente, estes deciden sufragar unha nova imaxinería procesional, por unha banda para renovar a escena do Desencravo e por outra banda para ampliar os actos principais da Semana Santa e poder dotalos de imaxes coas que procesionar e catequizar ao pobo cangués. Isto dáse, ademais, nun momento que podemos denominar como neocatolicismo ou de ofensiva relixiosa, pois o país acababa de pasar por unha etapa de liberalismo marcada polo abandono da relixiosidade popular, de maneira que cara o último terzo do século XIX vaise pretender recuperar nun estado eminentemente católico. É momento no que no resto de Galicia tamén se renovan os pasos procesionais, tanto por este motivo como porque as imaxes, a nivel xeral, estaban nun estado moi deteriorado, que xa pasaran pola Guerra da Independencia e polas diferentes guerras civís carlistas en España.

Luis Martín, na exposición na Capela.   | // FDV

Luis Martín, na exposición na Capela. / Santos Álvarez

Por Cangas atopábase xa o Mestre Ignacio Cerviño, que tras ter realizado o Cruceiro do Hío no 1872 traslada o seu taller a Cangas, ás inmediacións da Rúa da Estrela. Dado que a súa man comezaba a ter éxito polas brillantes obras, a Confraría da Misericordia do Gremio de Mareantes decide encargarlle esa nova imaxinería para a Semana Santa canguesa. No ano 1877 tiña feitas as imaxes do Santísimo Cristo do Descendemento, articulado nos seus brazos, para substituír ao anterior, da Irmandade da Virxe dos Dolores. Fixera tamén o Calvario, a Santa Urna procesional, a Magdalena, a Verónica, á San Xoán e ao Nazareno. Desta forma, xa se podía celebrar en Cangas unha escena do Santo Encontro o Venres Santo pola mañá e engrandecer a procesión do Santo Enterro pola tarde dotándoa de máis protagonistas. A excepción do Cristo do Descendemento, as demais imaxes son de cap i pota, é dicir, de vestir, de tal forma que a obra en madeira é menor e así as imaxes están dotadas de maior realismo coas roupaxes. Ademais, as imaxes son articuladas para poder darlle unha maior teatralidade ás escenas, como para representar as tres caídas do Nazareno cargando coa cruz.

“Cerviño vai deixar manuscrito que el é o autor destas imaxes no fondo da Santa Urna, escrito a lapis sobre a madeira, unhas tablas que hoxe están enmarcadas e que se poden visitar na exposición actual da Capela do Hospital Historia dunha tradición: a Semana Santa canguesa”.

Grupo escultórico da Santa Cea

Posteriormente, nos anos 1880-1883 Cerviño realiza o grupo escultórico da Santa Cea e as imaxes de María Cleofás e María Salomé para completar o grupo das tres Marías para o acto do Santo Encontro. O paso procesional da Santa Cea é sen dúbida dos máis apreciados polos cangueses, trátase dunha mesa alargada con Xesús na cabeceira, e os apóstolos a ambos lados, un paso que vai sobre rodas para que o público da procesión poida ver a cea e baixo o cal debe ir unha persoa para poder guiar o paso. Outra das últimas imaxes que fixo Cerviño foi ao Francisquiño da Ferramenta, unha imaxe de bulto que representa a un rapaz portando os instrumentos para a crucifixión, imaxe que sae no acto do Santo Encontro.

Con toda esta renovación imaxineira créase a Semana Santa canguesa que coñecemos na actualidade. Ao longo do século XX estas tradicións mantéñense idénticas a excepción do Desencravo. Nun principio este acto levábase a cabo cos dous ladróns, Dimas e Gestas, e Xesús no medio, creando así o Calvario. Aos seus pés estarían María, a nai de Xesús, san Xoán e o grupo das tres Marías (Magdalena, Cleofás e Salomé) así como a urna e o altar maior da igrexa tapado cunha gran colgadura que permitiría escenificar o momento no que se racha o velo do templo á morte de Xesús na Cruz. Todo este acto queda suprimido coa reforma da Liturxia do Desencravo no 1955, e posteriormente en Cangas recupérase, contando soamente co Calvario e a Urna. Co tempo, os dous ladróns xa se atopaban nun peor estado de conservación e suprímense, chegando así o acto ata a actualidade. Non obstante, as imaxes destes dous ladróns aínda se conservan e quizais nun futuro poidan volver a conformar o Calvario no Desencravo á tarde do Venres Santo.

(*)Historiador de Cangas e coautor da exposición “Historia dunha tradición: a Semana Santa canguesa”, aberta na Capela do Hospital

Suscríbete para seguir leyendo