Naufraxios no primeiro terzo do século XX

O tributo humano de Cangas ao mar (V)

O autor rememora algúns dos naufraxios máis sonados durante o franquismo

Os sobrevivintes do Tito no Cine Principal de Cangas.

Os sobrevivintes do Tito no Cine Principal de Cangas.

Xerardo Dasairas*

Na madrugada do 11 de xaneiro de 1939 na altura de Fisterra, o cargueiro inglés “Clary Lylle” abordou ao pesqueiro vigués “Josefita” con doce tripulantes a bordo, afundíndose rapidamente. Só tres mariñeiros conseguiron agarrarse a uns restos do barco cando o cargueiro deu media volta para ver se quedaban supervivintes, buscándoos durante bastante tempo sen éxito. No mar escuro quedaron os tres, pero a dous deles falláronlle as forzas e afogaron, permanecendo a flote só Manuel Sotelo Suárez de Cangas de 32 anos e con seis fillos que, xa extenuado, foi rescatado polo Vapor alemán “Heros” que procedía da Coruña e, cousas do destino, tiña mudado o seu rumbo. Entre os once falecidos figuraban Adolfo J. Graña Rodas de Cangas e Manuel Soto Veiga de Aldán.

O mariñeiro cangués Manuel Sotelo, supervivinte do "Josefita".

O mariñeiro cangués Manuel Sotelo, supervivinte do "Josefita".

En outubro deste mesmo ano 1939, na madrugada do día nove, faenaba en augas de Muros o vapor de Bouzas “Montenegro 13 “colaborando nas faenas desde unha chalana tres mariñeiros. Un forte refacho de vento volcou a barca, perecendo afogados Manuel Hervello Barrán, que deixaba viúva e catro fillos, e José Gil Alonso, ambos de Cangas.

Un barco de Massó semellante ao afundido.   | // ARQUIVO DO AUTOR

Un barco de Massó semellante ao afundido. / Xerardo Dasairas*

A desaparición do “Massó nº 14”

Este vapor da empresa Barreras Massó estaba pescando no Mar del Sol, como se dicía nesta época, co “Massó nº 15” cando se desatou un temporal que fixo que se separaran na madrugada do día 18 de xaneiro de 1945, non sendo localizado por este no día seguinte a pesar de buscalo intensamente durante tres días. Cando chegou a porto este vapor, e durante bastantes días, albergouse a esperanza de que se tivera refuxiado nalgún porto do sur de Inglaterra pero as xestións, incluso diplomáticas, non deron fruto, dándose por perdido o barco cos seus trece tripulantes dos que era patrón Ángel Acuña Marcos de Cangas.

En marzo de 1946, o mar levaríase a vida do cangués José González Torres de 43 anos, cuxo corpo despareceu no Gran Sol, levado por unha onda cando faenaba no barco pesqueiro vigués “Vasco Núñez de Balboa”. A comezos de novembro de 1947 sería a lancha “Leandro, Carmen e Marina” a que naufragase na ría de Aldán por un golpe de mar, perecendo afogados o patrón José Hermelo Hermelo, cuxo corpo apareceu na Laxe, e os seus catro fillos menores.

A maniobra de rescate dos náufragos do "Tito", ao sur de Cíes.

A maniobra de rescate dos náufragos do "Tito", ao sur de Cíes.

O naufraxio do “Tito”

Tivo lugar ás seis da mañá do 27 de decembro de 1948 polo mal estado do mar ao sur das Cíes nas proximidades do illote coñecido como Agoeiro pero que as cartas náuticas antigas lle chamaban Boeiro. Ante o inminente afundimento do barco, o patrón Joaquín Blanco Rodal, Francisco Barreiro Ruibal e Manuel Fernández Villar conseguiron botar a lancha auxiliar e cando estaban nela, un forte golpe de mar lanzounos contra as rochas do illote perecendo os dous primeiros e quedando ferido sobre as mesmas o terceiro.

O resto da tripulación botouse a nadar conseguindo porse a salvo no Boeiro onde habían permanecer durante os dous días que duraría o seu rescate. Neste tempo, sería o vapor “Limideiro”, tamén do armador Luis Iglesias e testemuña do naufraxio, quen asumise un difícil rescate, axudado nestes labores polos vapores “Capricornio” e “Liñeiro”. Ao coñecerse o acontecido através das radios tamén acudiron ao rescate os remolcadores de Vigo “RR-19”, “Ganges”, a patrulleira V-12 da Comandancia e un remolcador holandés denominado “P.E.F.O.” cun médico e asistencia sanitaria a bordo. Tamén acudiron ao lugar numerosas motoras de pesca de Vigo e sobre todo de Cangas, localidade esta da que procedían todoa os tripulantes do “Tito”. A prensa franquista da época poría especial énfase nos medios públicos destinados ao rescate cando en realidade todo o mérito foi do “Limideiro”, resaltando en varias ocasións o labor da motora “María del Carmen”, patroneada por Alfredo Moldes (a) Cara ancha.

Familiares e amigos agardando noticias dun naufraxio nun porto.

Familiares e amigos agardando noticias dun naufraxio nun porto.

Durante as horas que estiveron os náufragos no illote conseguiron enviarlles através de cabos, lanzados desde o “Limideiro”, comida, roupa e mediciñas en varias ocasións ata que foi factible o rescate dos que quedaban pois tres xa foran salvados anteriormente de forma intermitente.

Tamén por medio dun cabo e baixo a atenta vixilancia das embarcacións manores, serían rescatados un a un, o resto dos náufragos. Nun comezo apuntouse que salvaran os 42 tripulantes do barco cando en realidade eran 37 pois cinco deles preferiran quedar en terra polas datas do Nadal, sendo pois 35 os sobrevivintes e dous os falecidos que citamos anteriormente.

As dificultades e prolongación deste rescate mantería en vilo aos veciños de Cangas que finalmente a repenique de campás, puideron abrazar aos sobrevivintes que chegaron a este porto no “Limideiro” e no “Capricornio”. Nesta ocasión, a colecta solidaria xa proviña de organismos como os pósitos e os sindicatos verticais, implicándose medios de rescate como remolcadores e lancha de vixilancia, emisoras de radio, Cruz Roja, Corpo de Bombeiros e incluso unha denominada Mutua de Socorros que se encargaría de indemnizar ás familias dos falecidos cunha pensión extraordinaria.

O mariñeiro Maximino Rodríguez Martínez do Forte

O mariñeiro Maximino Rodríguez Martínez do Forte

O “Camiña”

Na madrugada do 27 de xaneiro de 1949 por unha falsa manobra, o barco de pesca portugués “Anelita” colisionou co “Camiña” do armador Manuel Camiña de Cangas, provocando o seu rápido afundimento. Dos 28 tripulantes, algúns feridos, foron rescatados todos polo barco portugués agás Benjamín Fandiño de Cangas, porto do que era o barco. Ao parecer este mariñeiro tiña baixado no último momento a coller pan e outras cousas e foise ao fondo co barco.

O 25 de outubro de 1949 desapareceu en augas do Gran Sol, durante un forte temporal, o mariñeiro do Forte, Maximino Rodríguez Martínez. A comezos de febreiro de 1951, a preocupación pairaba sobre os portos temendo polos barcos do Gran Sol, envoltos nestas datas en mares embravecidos polos temporais. Esta vez perecerían Ángel e César Paredes, pai e fillo de Cangas, xunto con nove compañeiros máis, no afundimento do vapor “Freire Piñeiro”, agora con base na Coruña e que fora de Pesquerías Freire de Vigo.

Unha escena que representa o rescate dun afogado.

Unha escena que representa o rescate dun afogado. / Xerardo

O “Monteferro”

Na tarde do 22 de setembro de 1953 estoupoulle a caldeira ao vapor “Monteferro” de Baiona lanzando aos seus tripulantes ao mar, sendo quince deles recollidos por outro pesqueiro que estaba nas proximidades. Unha vez a bordo botaron en falta ao xoven Manuel Rial Lagoa de Cangas que non foi atopado. Debido ás feridas, ao fogoneiro tiveron que amputarlle unha perna e outros atendidos de fracturas e graves queimaduras. Entre os menos graves estaban Manuel Fonseca e José Fernández, tamén de Cangas.

En xullo de 1954 aparecería aboiando en Guixar o corpo do mariñeiro de Cangas, Antonio Bamio Iglesias de 62 anos, que andaba só na pesca do camarón, descoñecéndose as causas deste desgraciado suceso. E o 27 de decembro sería a lancha canguesa “Marisol” a que zozobrase frente á praia de Lagos por un golpe de mar que a estrelou contra as rochas. Dos tres tripulantes, dous conseguiron salvar e o terceiro, o patrón Manuel Rodríguez pereceu afogado sendo logo recuperado o cadáver polos seus compañeiros.

O barco "Ave del Mar"

O barco "Ave del Mar" / Xerardo

Cabe apuntar que no entorno das Cíes e desde 1904, xa se teñen rexistrado ata hoxe, 158 falecementos e desaparicións de mariñeiros en accidentes de todo tipo sendo 18 os sinistros con bastantes mortes en pouco máis dun século. Nesta zona, concretamente nuns baixos perto da illa de San Martiño, naufragaría o 10 de novembro de 1956, o barco moañés “Ave del Mar.” Nesta ocasión serían 26 homes os falecidos e como noutras ocasións as vítimas e familiares habían permanecer na memoria colectiva e no sentir dos veciños do Morrazo polo número e magnitude da traxedia.

Cara finais de maio de 1957, un golpe de vento fixo zozobrar a gamela “Isabelita” caendo ao mar os seus tres tripulantes. Dous deles foron rescatados por barcos próximos pero José Mallo de 32 anos perecería afogado. A comezos de decembro e cando a lancha Pinzón patroneada por Alejandro Lorenzo Refojo, faenaba perto de Cangas caeu ao mar o mariñeiro de 14 anos Rafel Soliño que acabaría afogándose a pesar dos esforzos por rescatalo.

Unha ilustración sobre a pesca no Gran Sol.

Unha ilustración sobre a pesca no Gran Sol.

A vida do mar contada por un mariñeiro

“Viviamos en aldeas moi pobres e o bo era que todo o mundo tiña unha casiña aínda que fose pouca cousa... e algunha vaca, unha ovella e vivías diso. Antes da guerra ninguén pasaba fame, pero coa guerra non había nada que comprar e collías un pouco de viño, de millo e víñancho a requisar se non tiñas para pagar os arbitrios. Se matabas un porco tiñas que pagar, senón levábanche tantos quilos. Facíanllo a todo o mundo, viñan polas aldeas viñan a requisarche iso...

Na pesca era todo traballar para os armadores: A pesca máis importante era a da sardiña alá cara a setembro pero antes desta ceifa tamén iamos ao bonito. Saiamos pola tarde e pescabamos toda a noite, logo levabamos o peixe á fábrica e descargabámolo ao lombo desde o mar á praia pois moitas fábricas non tiñan nin rampla nin peirao. A seguir botabamos a terra o aparello para levalo a tender e secalo.

Os armadores amarraban os barcos no inverno porque xa non había sardiña e só quedaba traballar nas praias ao boliche ou enrolarte ao arrastre nun bou. Logo fun ao Gran Sol e despois no inverno viñamos para aquí. Aquilo era unha sepultura, pero non era só o Gran Sol era todo o mar do norte, aquilo érache terrible, pasabamos o mes de setembro “en banda”, ou se ías a Rochelle ou Terranova alí nunca mirabas o sol. Sempre chovendo, sempre vento e frío, para beber auga había que encher un porrón e poñelo enriba da caldeira ou do motor porque se conxelaba. Polas mañás, cando mirabas as xarcias dos paus como estaban cheas de neve, dicías: A miña vida vai ser sempre aquí? Eu non volvo máis!

Andabamos coa roupa de augas vestida permanentemente, desde que saiamosde Vigo en barcos apodrecidos, deteriorados, de madeira, barcos de vinte e cinco, trinta metros. Cando viña o mar, que maneira de balancear e de cruxir..., aquilo era terrible, golpes de mar que tiraban contigo e logo durmir mollado enriba de catro táboas... Aquilo era matador, o Gran Sol, aquilo non podía ser..., sempre había temporal e a xente toda escapaba... só lembrar aquelas montañas de mar, alí por fóra de Valentía... quitaban as ganas de ir. Aínda que o barco levaba un tanque con auga, se a maré pasaba de quince días e quedabamos sen auga potable, tiñamos que derreter a neve ou ir avante a Valentia para recargar. O soldo nun barco galego era de cincocentas pesetas e se era vasco cincuenta máis, pero contodo, a veces incrementabamos o soldo pescando cunha marraxeira de noite e sacabamos marraxos e espadas de ata douscentos quilos que logo vendiamos xunto coas ovas.

Durante a Segunda Guerra Mundial pechouse o caladoiro e a maioría viñemos para Andalucía e Canarias aínda que en terra había moita fame, moita miseria. por todos lados o dobre que alí en Galicia, alá non me recorda ver o que miraba aquí, non había tanta fame pois todo o mundo tiña un terreniño para vivir, para escapar do día, unha verdura, unhas patacas... Aquí non había nada. Nos anos sesenta os barcos de pesca de altura xa chegaban ás duascentas toneladas e incluso os de tonelaxe medio e pequeno xa tiñan camarotes e mellores condicións de vida a bordo, ainda que o traballo no mar seguía sen ter horario,nin de día nin de noite...”

*Investigador

Xerardo Dasairas

Xerardo Dasairas

Suscríbete para seguir leyendo