Naufraxios no primeiro terzo do século XX

O tributo humano de Cangas ao mar (IV)

O historiador da conta de hasta seis traxedias ocurridas no mar entre 1933 e 1936 e do nacemento do ISM

Barco de pesca no porto de Cangas. Xullo 1935.

Barco de pesca no porto de Cangas. Xullo 1935. / ARQUIVO DO AUTOR

Xerardo Dasairas*

No 17 de febreiro de 1933 envorcaría na ria de Aldán a chalana Engracia Justa con seis tripulantes cando ían embarcar na motora Plus Ultra para sair a pescar. No traxecto, a chalana con demasiados pasaxeiros, perdeu a estabilidade e inundouse, perecendo afogados José Soliño Sotelo de 24 anos, natural de San Pedro e Genaro Ares Cabaleiro de 21, veciño de Aldán. Na madrugada do día 26 de maio do 1933, no final do lockout (paro) dos armadores, chegaría a Cangas a triste noticia de que o Julia González que andaba á sardiña, tivera a desgraza de perder un dos seus homes. Ocorreu na noite do devandito día e cando se dispuñan a subir a bordo da chalana para realizaren a manobra de virada da rede, o mariñeiro Agustín González Sotelo tivo a mala fortuna de dar un traspés e caer ao mar. As versións do accidente foron moi contraditorias e especulouse incluso sobre unha abordaxe da mesma polo barco, que botaría ao mar aos seus tres tripulantes, sendo que un deles sería arrastrado polas turbulencias da hélice. O caso pasaría a mans do xuíz municipal que determinaría as circunstancias do accidente e de aceptar a versión oficial, os familiares só percibirían os escasos beneficios do Seguro de Afogamento e non os que debería aportar por morte o Seguro de Accidentes do Traballo, tantas veces reivindicado polos sindicatos mariñeiros. O 5 de decembro do mesmo ano, perecería afogado o mariñeiro Saladino Fernández Iglesias para cuxos familiares iniciaría unha suscrición o Pósito de Darbo que contaría coa colaboración do Concello e doutras forzas sociais representativas na Vila.

Mulleres agardando nun día de galerna.  | // ARQUIVO DO AUTOR

Homenaxe aos náufragos na Ria de Vigo. / ARQUIVO DO AUTOR

A traiñeira “Josefa”

Na madrugada do 9 de abril do 1934 tería lugar o naufraxio da traíñeira “Josefa” patroneada por Joaquín Bamio. Desde o día anterior xa se botara de menos a súa presenza no porto cangués, creándose a lóxica inquedanza polos seus cinco tripulantes dado o mal tempo reinante. Poucos días despois na Costa da Vela, perto do Facho, localizaríanse utensilios pertencentes á mesma, pensándose xa na morte dos seus tripulantes.

O día da partida da traiñeira desatárase un forte temporal que ademáis iría empeorando por momentos. Horas de tensión e de anguria desesperadas, acumularíanse no peirao de Cangas. Algunhas noticias esperanzadoras situaran a esta embarcación acollida en Bueu, mais os restos dunha traíña atopados nas illas Cíes virían confirmar o tráxico desenlace dos seus cinco tripulantes que deixaban viúvas e a triste e importante cifra de vinte orfos. Os mortos resultantes deste naufraxio serían o patrón Joaquín Bamio Pérez de 44 anos e casado con Elisa Santos Germade, sostiña co seu traballo á súa nai anciá e a oito fillos máis, un dos cales, o maior de 19 anos perecería tamén; Alfonso Núñez Soto de 36 anos, casado con Josefa Piñeiro e con seis fillos; Jesús Santos Germade de 33 anos, casado con Cecilia Graña había a penas catro meses e Francisco Broullón Malvido de 33 anos, casado con Concepción Paredes Rodal, con tres fillos e outro en camiño.

E de novo os actos solidarios de persoeiros sociais e políticos, de empresas, de sindicatos mariñeiros, da patronal, dos pósitos, dos conserveiros e de festivais benéficos para axudas das familias da vítimas, intervindo por primeira vez o Instituto Social da Mariña a través do Pósito. Neste periodo de tempo tamén habería que lamentar a finais de abril a morte do percebeiro de Darbo, Angel Hermo Sotelo de 30 anos que fora arrebatado por unha forte onda mentres faenaba.

Homenaxe aos náufragos na ria de Vigo.  | // ARQUIVO DO AUTOR

Barcos e mariñeiros de Cangas nestas datas. / ARQUIVO DO AUTOR

A traiñeira “Amalia”

Cando ainda non se extinguira a dor polos náufragos da Josefa e polo percebeiro morto, produciríase o 2 de maio do mesmo ano 1934, a traxedia da chalana Amalia que deixaría a duas familias orfas. Ángel Soto e Ángel Casás Freire, de 51 e 53 anos respectivamente, serían os mortos neste novo naufraxio cuxos restos buscaría infructuosamente o vapor Capitán Arana que tiña saído do peirao de Cangas na súa busca. A solidariedade voltaría a mostrarse tamén neste caso, acudindo esta vez en primeira axuda dos damnificados o secretario xeral dos pósitos, señor Costas Alonso, quen procedería a doarlle cen pesetas a cada familia (200 total), suministradas como no caso do naufraxio anterior polo Instituto Social da Mariña.

Nestas datas, a estatística de naufraxios de embarcacións de Cangas xa contabilizaba durante o último ano e medio, unha cifra de 37 mariñeiros desaparecidos no mar. Algunhas veces, as menos, os tripulantes das embarcacións terían a grande sorte de seren rescatados como lle acontecera, tamén a comezos de maio, a dous náufragos dunha chalana que conseguiran manterse sobre a quilla da embarcación ata que foron rescatados polo vapor Alegría. Desta, o patrón do barco de pasaxe, José Lloréns e o inspector José Fervenza lograrían izalos a bordo lanzándolle uns cabos e suministrándolle de seguida roupas secas. Noutros casos eran a sorte e a pericia dos patróns e mariñeiros quen conseguirían evitar o afundimento do barco. Así lle acontecería ao vapor Pablo Iglesias e aos seus 22 tripulantes que nos comezos de maio de 1934 e co mar embravecido, sería barrido por unha onda que lle levaría todo o aparello e mais a chalana de a bordo. Xa a punto de írense a pique, o patrón Joaquin Blanco conseguiría salvar o barco grazas ás hábiles manobras realizadas.

O día 11 de decembro de 1934, o forte temporal reinante provocaría o derrubo de casas no barrio do Forte e faría que moitos barcos rompesen amarras e batesen contra os muros do peirao de Cangas sufrindo danos. As casas máis afectadas serían as da familia de Rafael Cabral a quen os veciños axudarían a salvar boa parte dos seus enseres. Ante isto, todas as olladas e análises se dirixirían cara o proxectado muro do Forte que xa levaba un ano parado sen que ninguén tomase cartas no asunto. O gobernador Diego Fernández Gómez, ante a chuvia de críticas que se lle aveciñaba, anticiparíase co anuncio dunha proposta de medidas para estes casos.

Barcos e mariñeiros de Cangas nestas datas.  | // ARQUIVO DO AUTOR

Familias náufragos traiñeira Josefa 1934. / ARQUIVO DO AUTOR

Non pretendemos sairnos do noso relatorio local pero é necesario deixar constancia pola repercusión en Cangas, do naufraxio da lancha 4 Hermanos de Moaña ocorrido en xaneiro do 1935 causando a morte de seis dos tripulantes, abrindo unha suscrición o Concello cangués para axuda das familias damnificadas. O 10 de febreiro deste ano, ao terse producido o afundimento do vapor República de Bouzas, tería lugar na ria unha impresionante manifestación de barcos de todos os portos da Ría para denunciar a inseguridade e as condicións deste traballo, tributándolle aos mortos unha homenaxe frente a Cabo Home, lugar do naufraxio. A mediados de agosto deste mesmo ano afundiríase por impacto contra o peirao de San Esteban de Pravia en Asturias, o boniteiro Méndez Núñez de Vigo. Oito dos tripulantes, entre eles tres cangueses, salvaron, morrendo cinco homes, un deles Ángel Fernández, mozo solteiro tamén de Cangas. A mediados de agosto naufragaría nas Cies a gamela Abecede cando os irmáns José e Álvaro Mariño apañaban mexillón nunhas rochas. Un golpe de mar botou fora da barca ao José que consegui agarrarse a unha rocha, mais outra forte onde conseguiu arrastralo, afogando ante a impotencia do seu irmán que non sabía nadar.

Julio iglesias Chapela 1936.

Mulleres agardando nun día de galerna. / Arquivo do autor

O 9 de febreiro do 1936, cando o vapor Rodríguez Neira 2 de Bouzas navegaba entre Cies e Biduidos con forte marexada, un golpe de mar arrancaría da cuberta ao cangués Julio Iglesias Chapela. Despois dunha busca infrutuosa, o náufrago foi dado por perdido deixando en Coia, onde residía, viuva e dous fillos en cuxa axuda acudiría, entre outros, o Concello de Cangas.

O tributo humano de Cangas ao mar (IV)

Julio Iglesias Chapela. 1936 / Arquivo do autor

Solidaridade frente á carencia de seguros (IV)

O 26 de febreiro de 1930 nacería o Instituto Social de la Marina como herdeiro do que desde 1919 era a Caja Central de Crédito Marítimo e uns meses despois, desde o mesmo e ligado aos pósitos, xa se tiña promovido unha “Asociación Nacional Mutua de Riesgo Marítimo de las Embarcaciones”

(*) Historiador e mestre de Cangas

Suscríbete para seguir leyendo