Naufraxios no primeiro terzo do século XX

O tributo humano de Cangas ao mar (III)

Un dos sucesos máis tráxicos do primeiro terzo do século XX foi o naufraxio da motora “Azaña”, en agosto de 1932

Homenaxe “Vejez del Marino” en 1927, que consistía en pagas vitalicias a seis mariñeiros xubilados.   | // ARQUIVO DO AUTOR

Homenaxe “Vejez del Marino” en 1927, que consistía en pagas vitalicias a seis mariñeiros xubilados. | // ARQUIVO DO AUTOR / Xerardo Dasairas*

Xerardo Dasairas*

A finais de xaneiro de 1927, un barco de Redondela que faenaba frente á fabrica de Cervera, sacou nas redes o corpo de Antonio Rodríguez de Coiro que tiña desparecido no mar o 22 decembro de 1926 cando pescaba na traiñeira “Carme”. Polo Nadal deste ano tamén tivo lugar o naufraxio da traiñeira “Teresa” de Tirán, falecendo os tripulantes Antonio e José Rodríguez, Francisco Ramos e José Comesaña. O 29 de xuño deste mesmo ano, a traiñeira “Paso libre” de Cangas quedou sen motor nunha zona das Cíes chamada Xuiras ás tres e media da madrugada e a forte mar reinante fíxoa encallar nas rochas. Tentando liberala, con remos e paus, caeu ao mar o seu patrón Eduardo Lorenzo Bernárdez que se perdeu nas frías augas da noite. O resto dos tripulantes salvarían pois un novo golpe de mar soltou o barco e inesperadamente o motor volveu funcionar, volvendo a Cangas taponando con roupas a brecha aberta. Unha chalana con oito homes e o vapor “Antonio” de Cangas buscaron sen éxito ao patrón cuxo corpo sería atopado en Alcabre dez días despois. Na madrugada do 18 de novembro e na altura de Cabo Silleiro, sería o vapor “María” quen perdese nun golpe de mar a Graciano Martinez Santaclara de 18 anos que caeu ao mar arrastrado polo aparello cando facía garda.

O "Weiler 8" e Ángel Carracelas, veciño de Darbo que faleceu a causa da galerna.

O "Weiler 8" e Ángel Carracelas, veciño de Darbo que faleceu a causa da galerna. / El Weiler 8 y uno de los fallecidos de Darbo a causa de la galerna

Remigio Herbello Barreiro perecería afogado nos cantís da Costa da Vela, nos arredores do Facho, cando a comezos de febreiro de 1928 andaba na recolleita de percebes co seu cuñado que cando o foi buscar non o atopou, deducindo que a forte resaca o tiña levado mar adentro. A finais de maio deste mesmo ano, o vapor “Que dicen?”, que fora reflotado despois do anterior accidente, foi abordado pola proa polo vapor “Laurita” cando estaba largando as redes na altura de Figueiro. Dous homes caeron ao mar e a un salvouno o vapor “Cantabria 2º” pero o outro, Eliseo Parcero Costas de Coiro e con 17 anos, pereceu afogado. O 22 de novembro, Ángel Nobé, tripulante da embarcación “Eva”, falecería do impacto contra as rochas cando andaban a pescar polbos cun forte temporal.

Xa a finais de xaneiro de 1930, unha forte galerna afuracanada asolaría varios días as costas e portos, producindo numerosos danos en terra e no mar. As perdas materiais foron enormes e moitas embarcacións quedaron danadas ao soltaren amarras, afectándolle pola súa situación en maior medida aos portos de Bouzas e Bueu. Numerosos barcos e motoras que sairan a faenar atopáronse en dificultades e algúns como o “Weyler 8”, “Constante”, “Mª del Carmen”, “Pionia” (Redondela), “Celia” (Marín)... acabarían naufragando, sumando un sennúmero de rescates e 42 vítimas. Entre estas mortes houbo que lamentar tamén as de Ángel Carracelas Rodríguez de Darbo, fogoneiro do “Montenegro 8” que deixou muller e seis fillos, Claudino González González de Darbo, residente en Panxón e Alejandro Barreiro Blanco, fogoneiro, solteiro e tamén de Darbo, ambos tripulantes do “Ángel Manuel” e máis outro tripulante morto, enrolado no “Montenegro 7”, do que só se soubo que era do Forte e que estaba para casar. Ademais da coincidencia de oficio e de lugar de nacencia, todos tiñan en común a extrema pobreza na que se desenvolvían as súas vidas e familias, algo moi común a todos os mariñeiros nestas datas.

A familia de José González de Darbo, falecido no naufraxio do "Pepe".

A familia de José González de Darbo, falecido no naufraxio do "Pepe".

O 26 de febreiro de 1930 na altura das Sisargas colisionaron dous vapores de pesca polo mal estado do mar, afundíndose un deles, o “Pepe”, do que era fogoneiro o cangués de Balea, José González González de 47 anos. Mentres os seus compañeiros se salvaron, este foise ao fondo por terse asegurado cunha corda para que non o levasen as fortes ondas reinantes. Deixa viúva a Encarnación Fernández Lemos con seis fillos que quedaron sen o principal sustento. A finais de setembro deste ano morreu afogado José Martínez de Darbo cando por forte golpe de vento na vela, envorcou o bote no que andaba aos percebes en Subrido xunto con dous compañeiros que foron recollidos por unha motora de Aldán.

Claudino Gonzalez,  tripulante falecido do "Ángel Manuel".

Claudino Gonzalez, tripulante falecido do "Ángel Manuel".

A xeira republicana. A traiñeira "Dolores"

Xa andando os comezos de Novembro do 1931, concretamente o día 6, produciríase nos baixos dos Castros en Liméns o naufraxio da traiñeira a motor “Dolores” con cinco tripulantes a bordo. As vítimas serían o patrón Antonio Refojos Rodríguez O Traila de 42 anos, os seus fillos Manuel e José de 25 e 19 anos e os mariñeiros Casimiro González Tievo de 20 anos e Maximino Portela de 24. O patrón deixaría viúva e seis fillos. Como adoitaba reaccionarse nestes casos, poríanse en marcha os mecanismos solidarios, organizándose desde o sindicato Alianza Marinera unha comisión cidadá encargada de recadar cartos para axuda das familias das vítimas que chegarían tamén desde outras asociacións sindicais e cívicas, empresas, personaxes públicos, partidos políticos e de varios actos benéficos como o partido de futbol entre o Alondras e membros da tripulación do acoirazado "Miguel de Cervantes" comandado por Álvaro Guitián.

Tripulantes e familias das vítimas da motora "Azaña".

Tripulantes e familias das vítimas da motora "Azaña".

A motora Azaña

O 4 de agosto do 1932, ás tres da madrugada, produciríase entre as illas de Sálvora e Ons, o naufraxio da motora gasolineira “Azaña” do armador José Iglesias que con 24 tripulantes retornaba a porto cargada de sardiña. Navegaba entre mar grosa e arreciando o vento norte cando un forte refacho e unha gran onda envorcaron o barco, arrastrando o aparello a seis dos tripulantes cara ao fondo. Os dezaoito restantes nadan cara o barco xa coa quilla ao ar, asíndose e encaramándose á mesma.

Ás sete da mañá xa só ficaban catro sobrevivintes, exhaustos polos embates do mar e desesperanzados ao ver como ningún barco acudía na sua axuda. Nunha extraña manobra do mar, o barco recupera a flotación e ao mesmo conseguen subir tres pois o cuarto, xa sen forzas, é arrastrado polas ondas. Ante isto, o patrón lánzase ao mar tentando rescatalo pero tamén había perecer no intento. Os dous restantes aínda conseguirían aguantar ata as sete da mañá do sábado, transcurridas 52 horas desde o naufraxio, en que os avista o vapor noruego “Kert-Ledre” e procede ao seu rescate. Pouco máis de dúas horas despois, serían trapasados ao bou “Santiago Rusiñol” que remolcaría a motora e traería aos sobrevivintes a Vigo a onde chegaron ás cinco da tarde sendo recollidos logo por unha lancha que os foi buscar desde Cangas.

O listado co nome dos falecidos no naufraxio da motora "Azaña" e a súa familia.

O listado co nome dos falecidos no naufraxio da motora "Azaña" e a súa familia.

Bernardino Graña (pai), nun emotivo artigo titulado “Cangas, la nueva dolorosa del mar” apela á solidariedade coas nais e pais anciáns ou enfermos, coas viúvas e cos fillos, denunciando asemade o estado de depauperación existente entre a gran familia mariñeira da vila. Tamén inmediatamente se organizaría un movemento prodamnificados, conformado pola Corporación municipal, o cura, o xuiz municipal, os sindicatos, a patronal, os partidos políticos, o comercio e os industriais e fabricantes para nomear unha comisión que se encargase de recadar diñeiro para as familias das víctimas e aliviar a súa fame e miseria. Os actos e donacións foron moitos e importantes con moita participación activa, implicándose o Ministerio de Mariña, sociedades de Vigo promovendo festivais e partidos de fútbol, chegando donativos aínda meses despois do naufraxio.

Un artigo de prensa da época que reflectía a situación na que quedaban as familias dos falecidos.

Un artigo de prensa da época que reflectía a situación na que quedaban as familias dos falecidos.

A solidariedade frente a carencia de seguros (III)

O interese polos caladoiros, a demanda de información sobre os mesmos e a procura da mellor posta levarían moitas veces ás numerosas colisións que se detectan, sobre todo nas primeiras décadas do século XX. Unha práctica habitual nestes tempos era o chamado “matute”, un acordo cos mariñeiros polo que estes recibían dúas de cada dez cestas de sardiña ou o importe das mesmas por parte das fábricas. Houbo intentos de facer que esta remuneración en especie (revendible) pasase por lonxa pero os mariñeiros negaríanse pois con isto non só perderían un 5% do seu valor senón que terían que pagar o imposto municipal.

Durante a Ditadura de Primo de Rivera e coa implantación dos pósitos de pescadores por Alfredo Saralegui en 1923, ábrense para os asociados as Caixas de Crédito para préstamos, Mutualidade de accidentes para decesos e enfermidades e un servizo de farmacia, creándose tamén o chamado Seguro de Vejez ou de Retiro de los Trabajadores del Mar. Este seguro, en réxime obrigatorio, vai estar tutelado polo Instituto Nacional de Previsión e dependente da Caja Central del Crédito Marítimo que anualmente celebraba as chamadas Homenajes a la Vejez del Marino, onde cada Patronato Local (pósito) procedía a facer entregas de libretas de pensión e donativos. Os mesmos pósitos estableceron un chamado Seguro Mutuo de Ahogamiento de escasa contía pero non todos os mariñeiros estaban afiliados a estas entidades e cada vez que ocorría un naufraxio, eran moitas as voces que demandaban maior seguranza no mar, aludindo á precariedade das instalacións portuarias, á falta de balizamentos na ria e á carencia de medios de salvamento, poñéndose tamén en cuestión que as autoridades permitisen a saída ao mar en condicións adversas debido á presión patronal e a necesidade dos mariñeiros.

A demanda dun buque de salvamento con base en Vigo xurdía cada vez que se producía un naufraxio e demandábase das confrarías, sociedades de armadores e de mariñeiros o seu mantemento cunha aportación sacada do monte maior da pesca antes da subasta da mesma.

Xerardo Dasairas

Xerardo Dasairas

*Veciño de Cangas e investigador

Suscríbete para seguir leyendo