Elisa e Nós

A Asociación Nós lembra á homenaxeada

Unha imaxe de Elisa de la Peña  co seu eterno sorriso.   | // FDV

Unha imaxe de Elisa de la Peña co seu eterno sorriso. | // FDV / Xesús cancelas Franco / Xosé Carlos Villaverde

Xesús cancelas Franco / Xosé Carlos Villaverde

Os que isto subscriben, membros da A.C. Nós, coincidiron durante anos, en múltiples facetas de actividades reivindicativas e culturais coa familia Méndez-De la Peña. Familia que dende a súa chegada a Moaña a comezos dos anos “70”, integráronse pronto na vida social, deixando as portas abertas da súa vivenda, viviran onde viviran; ben na Xunqueira ou ben nas Paghonas, incluído nos momentos difíciles, nos que coidaron ao pai de Elisa, e logo á madriña e pais de Manuel Anxo Méndez Fraguas.

Ademais das atencións familiares, houbo momentos de abatemento e cansazo, sobre todo durante a loita pola supresión da peaxe da ponte de Rande (1998-2006), cando Méndez asumiu a Coordinadora. Máis relaxante foi a etapa das maiores publicacións da A.C. Nós, especialmente nas campañas de recollidas de fotos para Historia Fotográfica de Moaña (2006-2015). Colección na que aínda aparezan como autores Cancelas-Méndez-Villaverde, hai detrás unha colaboración inestimable de xente anónima, das que cabe destacar a Elisa, porque todo o proceso xestouse na súa casa, e mesmamente Elisa, non só recompilou fotos nos centros onde daba clase, senón que tamén participou na selección das mellores fotos e na revisión dos textos.

Durante as xuntanzas para deseñar os libros, notábase nas conversacións previas o bo nivel de preparación que tiña Elisa. Era moi boa lectora e amante da poesía, de feito pertencía á Lonxa Literaria de Moaña, e sorprendía moito os coñecementos da medicina e remedios naturais.

Elisa era moi sensible ás preocupacións e problemas das amizades, procuraba darche un consello ou buscar unha solución. Sirva de exemplo a noticia que apareceu na prensa en 2013, sobre un rapaz que desaparecera de Lalín, prófugo do servizo militar, e retornou trinta anos despois contando a anécdota de que cursara o bacharelato cunha beca de corenta mil pesetas, grazas á xestión da mestra Elisa de la Peña González, que viu nel un alumno experto e intelixente.

Consta que en Moaña participou en varias actividades de carácter humanitarias, e altruístas, lembrando a mobilización que fixo como mestra, colaborando en diferentes frontes de tema do Prestige (2002-2003), destacando no labor como coordinadora do aloxamento do voluntariado, polo que mereceu o agradecemento especial do Coordinador da Oficina do Voluntariado de Moaña. E como mestra mesmo tamén deu clases de inglés na Asociación de Mulleres de Moaña de forma desinteresada e participou durante máis de trinta anos na organización das Olimpíadas Escolares.

Outra mostra de simpleza e humildade, era o costume ou norma, de que o cargo de mestra ían precedido do título de “dona” ante o nome, algo que non lle agradaba, por iso insistiu e conseguiu da xente que lle chamaran só Elisa.

Outra das calidades a destacar de Elisa, que observamos nesa relación directa, era a predisposición a participar na A. C. Nós. Puidémolo comprobar en varias actividades. Si programamos charlas co escritor Manuel Rivas, co Mago Antón e outros, acababan por acollelos na súa casa. Si organizamos xornadas de micoloxía (1991-1992), facíanse degustacións dos cogomelos no bar da Casa do Mar, cociñados por Elisa na súa propia casa.

Un dos máis grandes actos solidarios na que traballou moito, ben coñecido (ver Faro de Vigo-Morrazo do 20-05-2018), e que merece a pena lembrar: foi a exposición de Arte Galega, na sala Van Gogh de Vigo, grazas á doazón de cadros de artistas galegos, para puxalos e axudar aos traballadores de Ascón que, naquel ano de 1978 estaba en proceso de desaparición.

Son de sobra coñecidos os méritos e calidades de Elisa de la Peña González, para que esta viguesa de nacemento, fora nomeada Filla Adoptiva de Moaña en marzo de 2020, primeira muller que ostenta este nomeamento por compromisos sociais. E, por suposto, formar parte do rueiro moañés deberá servir para que seu exemplo, vida e obra se perpetúe na nosa memoria. Sen lugar a dúbidas, estamos ante unha das biografías máis exemplares da historia local de Moaña.

Suscríbete para seguir leyendo