Naufraxios no primeiro terzo do século XX

O tributo humano de Cangas ao mar (I)

O historiador Xerardo Dasairas fai unha entrega de seis capítulos sobre afundimentos e afogamentos

Naufraxio nunha pintura do século XIX.   | // ARQUIVO DO AUTOR

Naufraxio nunha pintura do século XIX. | // ARQUIVO DO AUTOR / Xerardo Dasairas*

Xerardo Dasairas*

Xa dicía nos primeiros anos trinta o director da Escola de Pesca de Cangas, Felipe Carnicer, que esta vila era a de máis pescadores de España, pero tamén a que máis vidas lle tributaba ao mar. Non cabe dúbida que a continuada pingueira de naufraxios, a veces nun curto lapso de tempo, segue, ainda hoxe, a pór en evidencia os riscos e perigosidade deste oficio, a pesar das actuais melloras materiais e técnicas nos barcos e na navegación.

A gran familia dos mares de Galicia e os que dun xeito ou doutro coñecen o duro e perigoso labor e os naufraxios consecuentes, estas traxedias do mar non deixan de causar un profundo sobrecollemento sobre todo cando estes conlevan a perda de vidas humanas. Cabe que neste repaso polos naufraxios de antano e obviando os danos materiais, o sentimento de dor e solidariedade colectiva e particular coas familias e achegados das vítimas, se mostrase sempre cun grande impacto social ao longo dos tempos. Porén, en tempos pasados, a traxedia non xiraba só arredor da perda dos seres queridos ou aprezados, senón que se estendía de xeito dramático ás familias que, ademáis da perda do principal sustento económico, quedaban nunha precaria situación económica e de desamparo a penas cuberta naquelas datas por algunhas cativas axudas institucionais e recadacións solidarias públicas.

Ainda que a nosa primeira intención fose referenciar a maioría de naufraxios e vítimas relacionados con Cangas, sería practicamente imposible recollelos todos, non só pola falta de información sobre moitos deles, senón tamén pola amplitude do tema no que se refire a tripulantes cangueses traballando en barcos doutros portos. Sen menoscabo de ningunha das vítimas, tentaremos reflectir aqueles que máis impacto e conmoción social causaron no seu tempo.

A traiñeira Paulina

O primeiro naufraxio do que imos dar conta foi o do balandro Flor de María de Manuel García que afundiu no medio da ría ás duas da madrugada a mediados de xaneiro de 1880. Viña de Vigo cargado con 400 quintais de sal con mar calmo pero o exceso de peso e as malas condicións do barco provocarían a morte por afogamento do patrón Manuel García e de Francisco Núñez que deixaban familia, entanto que un terceiro tripulante, Laureano Bermúdez, pudo chegar a nado á praia da Ribeira de Cangas. A mediados de xaneiro de 1885 afundiría a lancha Victorio con base no Areal vigués, afogando nove dos seus tripulantes dos que dous deles eran de Cangas. O día primeiro de abril de 1886 perecería afogado na zona da Cantareira nas Cíes, o veciño de Darbo, Segundo Lemos, cando xunto con outros compañeiros apañaban percebes coa lancha San Antonio. O 27 de maio de 1887, ao envorcar a lancha El Único por un golpe de mar, perecería o mariñeiro de Cangas Rafael Lemos cando andaba con outros catro compañeiros ao marisco no sur das Cíes.

A finais de febreiro de 1891 tamén se produciría a morte por afogamento, ao caer ao mar Manuel Graña Martínez cando na altura da Borneira cabeceou o bote no que andaba ao polbo con outros compañeiros que non poideron facer nada por el. Arredor do 23 de febreiro de 1891 morrería afogado Manuel Graña Martínez ao caer ao mar por un forte cabeceo da lancha polbeira, frente á Borneira cando procedían a arriar a vela e o mastro da embarcación. A comezos de maio de 1894 desaparecería entre as rochas da Galera nas Cies, o mariñeiro de Darbo Sebastián Villar Iglesias de 19 anos, arrebatado por un golpe de mar cando pescaba cun seu irmán e outro compañeiro.

Cruces de Punta Robaleira o do Cabelo que lembran a vitimas do mar na Costa da Vela.

Cruces de Punta Robaleira o do Cabezo que lembran a vitimas do mar na Costa da Vela. / Arquivo do autor

O 12 de decembro de 1899 morreron dous tripulantes do vapor Vincenti, Joaquín Abal e máis o alcumado “O Truán” de 14 anos cando remolcaban unha goleta entre A Guarda e Vigo. A delegación da Cruz Vermella en Cangas, instalada na vila no ano anterior, entregaríalle unha axuda ás viúvas. Xa entrado o século XX dase noticia, sen máis datos, de duas vítimas dunha lancha de pesca canguesa afundida na Borneira, punto negro da ria ao que xa lle dedicamos particular atención noutro traballo. En 1902 naufragaría nos baixos da Illa das Ratas (Rodeira) o balandro Travilla de Corcubión sen baixas que lamentar e perto deste lugar sería o vapor de pasaxe Marcelino Barreras quen en 1904 abordase a unha chalana, causando unha vítima. O 12 de decembro deste mesmo ano, naufragaría na Punta das Cies a traiñeira Paulina a causa dun golpe de vento mentres largaba o aparello. Levaba 19 tripulantes patroneados por Benjamín Graña Acuña e 15 deles conseguiron asirse ao casco durante hora e media ata que foron salvados. O mariñeiro José Curra foi rescatado do mar pero morrería antes de chegar á praia do Forte onde tiña a sua base a embarcación e onde residían a maioría dos tripulantes. Pouco tempo despois chegarían os outros tres falecidos, Soage, Ángel Iglesias O Ganchiño e José Troncoso que deixaban viúvas e moitos fillos, agás o último que estaba recén casado.

A comezos de xullo de 1905 durante unha treboada caeu un raio sobre a traiñeira Dos Hermanos ao sur das Cies, matando ao mariñeiro de Cangas José Rial Sotelo. Neste mesmo ano, tamén se produciría o envorcamento dunha gamela en Barra tripulada por dous irmáns, falecendo un deles que por eivas físicas non puido salvar.

Vitimas da traiñeira Leonor (1907).   | // ARQUIVO DO AUTOR

Debuxo dun náufrago. / Arquivo do autor

A traiñeira Leonor

O 15 de outubro de 1907 cando ían vender o peixe a Vigo, tería lugar o naufraxio da traiñeira Leonor de Vilariño (Hio) nos illotes das Osas, frente da Muralla de Couso en medio dun gran temporal. Estaba patroneada por José Benito Lorenzo e levaba dezaseis tripulantes de Hio, Cangas e Aldán dos que só salvaron catro, entre eles o mozo Francisco Rodal Menduiña cuxa valentía permitiu o salvamento dos outros compañeiros polas tres traiñeiras que acudiran de Aldán na sua axuda.

O tributo humano de Cangas ao mar (I)

Francisco Rodal Menduiña heroe da Leonor / Arquivo do autor

Na noite do catro de novembro do ano antedito, perecería afogado o mariñeiro de Cangas José A.González cando pola noite caeu do barco Massó nº 2 na altura do Cabicastro. Residía en Bueu e deixou viúva embarazada e catro fillos. A veces os falecidos son de localidades próximas como Serafín Pérez Portela de Tirán que morreu afogado cando pescaba no Malpaso entre Cabo Estai e A Marosa ou o afogamento de Ángel Silva de Darbo cando a finais de agosto de 1910, andaba co seu pai Ignacio aos polbos en Bouzas e envorcoulles a gamela. Noutras ocasións, os datos non son moi concretos e resúmense con notas concisas como esta de principios de maio de 1912, na que se dá conta do naufraxio frente a Cabo Silleiro dunha gamela de Cangas na que pereceu un dos dous irmáns que a tripulaba. Mariñeiros de Cangas tamén interviron no salvamento doutros barcos como no caso dunha traiñeira de Teis que naufragou na Borneira e o encargado do faro de Cangas e máis o patrón do María, José Vázquez, que atendía o mantemento dos faros e balizas, decatáronse da situación e salvaron a un mozo e máis o patrón de 72 anos que a penas podía agarrarse ao cabo que lle largaron tendo que subilo en brazos.

Pintura “Barco desaparecido”, de Sousa Pinto.  | // ARQUIVO DO AUTOR

Vitimas do naufraxio da traineira Leonor / Arquivo do autor

Outra intervención dos nosos mariñeiros foi co Antonio Velázquez cuxa tripulación foi rescatada en marzo do 1914 pola motora canguesa Cantabria cando permanecían encallados na illa de Sálvora. Esta acción de salvamento sería recoñecida pola Axudantía de Mariña de Cangas que lle entregou á tripulación da Cantabria premios e medallas, acto que foi amenizado pola banda de música municipal de Pontevedra que se achaba na vila con motivo da festa de San Xosé, patrón da confraría. En xullo de 1909 morrería afogado o mariñeiro de Cangas, Antonio Vidal, cando faenaba no cabo de Vicos (Cies) debido a unha ráfaga de vento que volcou a embarcación. No mes de xaneiro de 1913, cun forte temporal reinante, un golpe de mar sobre a unha da madrugada arrebatou da cuberta do vapor Fontoira de Bouzas ao patrón de Darbo José Parcero Lemos de 32 anos, cuxo corpo nunca foi recuperado. Deixa viuva en cinta e tres fillos e a sua nai Ramona Lemos, tamén viúva, ficaría soa e meses despois aparecería morta dando pé a un curioso asunto do que daremos conta nun apartado de sucesos.

A traiñeira Dos Hermanas

A primeiras horas da mañanciña e cun forte temporal que arrincaría tellados e árbores, derrubaría postes da luz e castigaría a embarcacións e peiraos, saiu cara as Cies a motora Dos Hermanas á captura de xardas co mediomundo. No anoitecer do 19 de febreiro de 1915 cando a embarcación retornaba a porto con duascentas xardas capturadas, un forte golpe de mar, fixo envorcar á Dos Hermanas cando navegaba a toda vela na altura de Punta Fanequeira con dez tripulantes a bordo. No seu auxilio acudiu a traiñeira Cabo Peñas de Guixar que conseguiu salvar a cinco dos tripulantes que se mantiñan agarrados ao casco, tendo que deixar a outro no lugar polo risco de naufragaren tamén ao quedar sen remos. Con estes cinco homes conseguiría arribar a Cangas e o que quedara agarrado ao casco sería rescatado unha hora e media despois pola traiñeira Felisa que o conduciu ao Berbés. A pesar de todos os intentos de reanimalo á calor dun forno, de café, licores e mantas, o náufrago Germán Rodríguez Martínez acabaría falecendo con 35 anos de idade e deixando viúva e unha filla. Os outros desaparecidos foron Francisco Mallo, o patrón, de 54 anos que deixaba viúva e tres fillos, Antonio Soliño de 12 anos e o seu pai José Soliño de 48 que deixaba viúva e dous fillos e Maximino Soliño de 18 anos que deixaba aos seus pais sen sustento. No porto cangués vivíronse momentos de dramatismo pola perda dos mariñeiros mortos e de novo se porían en marcha os mecanismos de soliedaridade individual e colectiva, organizándose colectas e dispensando autoridades, asociacións e organismos certas cantidades para axudas ás familias dos náufragos. As celebracións de Entroido programadas polos círculos recreativos de Cangas tamén serían suspendidas. A finais de novembro deste ano 1915 tamén perecería afogado o mariñeiro José Outeiral cando pescaba con Manuel Outeiral e Juan Costas na lancha Manuela.

El cuadro "Barco desaparecido" de S. Pinto.

El cuadro "Barco desaparecido" de S. Pinto. / Arquivo do autor

Carencia de seguros

A desaparición dos Gremios de Mar en 1864 vai reducir o panorama asociativo no sector pesqueiro, restándolle posibilidades de supervivencia aos pescadores polo labor benéfico e de «ordenación dos recursos» que desenvolvían. A finais do XIX van aparecer as primeiras asociacións de mariñeiros en Cangas e Aldán cun carácter máis reivindicativo do laboral que do social e que van evoluir cara o sindicalismo en 1914 ao se fundar a Alianza Marinera. Contodo, o asunto dos seguros seguía sendo unha cuestión particular, lastrada polas posibilidades persoais, existindo en Cangas unha Sociedad de Socorros Mutuos de Pescadores presidida por Antonio Camaño Martínez (patrón) que tamén contaba con médico. Xa cara a 1924, baixo a ditadura de Primo de Rivera desactivaríanse os sindicatos e establécense os Pósitos de Pescadores, sociedades mixtas de mariñeiros e armadores que arelaban a mellora das suas condicións de vida. Ademáis das cuestións laborais e da extensión cultural, van establecer os socorros e seguros baixo o paraugas da Caja Central del Crédito Marítimo dependente do Ministerio de Marina. O Padroado da Vejez del Marino (1913) activo en Cangas desde 1927 tamén outorgaba axudas no caso de mariñeiros retirados e con necesidades monetarias, ainda que as suas contías mensuais eran baixas pois dependía das doacións de empresarios, comerciantes e particulares.

Suscríbete para seguir leyendo