O Entroido de Bueu afasta o mal agoiro da pandemia

O programa festiva recupera os festivais de comparsas, a filloada de Meiro ou os desfiles da Sardiña e do Paxaro do Mal Agoiro

Representantes do Concello e colectivos na presentación de onte, na Praza Massó.   | // GONZALO NÚÑEZ

Representantes do Concello e colectivos na presentación de onte, na Praza Massó. | // GONZALO NÚÑEZ / david garcía

Concello de Bueu e colectivos sociais presentaron onte a programación do Entroido 2023. A popular festa volta á normalidade despois dun ano de ausencia total por culpa da pandemia e dun segundo a medio gas, con restricións e limitacións. Regresa o festival de comparsas do Bueu Atlético, que chega ás 40 edicións, ou os tradicionais desfiles.

Un Entroido “de todos e para todos”. Así presentaron onte o Concello de Bueu e os colectivos implicados a programación do entroido, unha troula que arranca o 18 de febreiro e que se vai prolongar ata o 3 de marzo. Este é o ano da volta á normalidade, da plena recuperación xa sen a pantasma nin o mal agoiro da pandemia do COVID-19. Iso si, o famoso paxaro do mal agoiro, convertido no emblema do carnaval da vila, non vai faltar e terá que expiar polos seus pecados nunha fogueira na praia da Banda do Río.

A presentación reuniu a representantes municipais, como a concelleira de Promoción Económica, Silvia Carballo, e dos diversos colectivos, asociacións e comparsas que participan no Entroido. As actividades terán o seu inicio o sábado 18 de febreiro coa celebración do III Festival Comparsas de Cela, que organiza a Asociación Costumes de Cela, e que terá lugar no Eirado. Alí estarán Vou nun Bou, Os do Pinsel, Os Mulos, Tinta Femia e As Faltriqueiras para presentar as súas letrillas. O Concello de Bueu volverá a instalar unha carpa na Praza Massó, que será o epicentro de boa parte das actividades. Ese mesmo sábado estrearase cunha festa de disfraces animada pola música de La Duendeneta, a partir das 21.30 horas.

O domingo será unha xornada para que as murgas podan facer o seu percorrido polos bares e establecementos de hostalaría para interpretar os seus temas.

A carpa da Praza Massó será entre o luns 20 e o mércores 22 de febreiro o taller no que irá cobrando forma o paxaro do mal agoiro. Será nun obradoiro infantil dirixido polo artista local Tino Resille, con horario de 11.00 a 13.00 horas, e co que se lle quere dar continuidade a boa experiencia de 2022. “Foi algo que comezou o ano pasado e que fomenta o arraigo dos cativos con esta tradición e anima ao desfile do domingo”, sinalaba Silvia Carballo.

O martes as actividades do Entroido desprázanse ao recinto da Morada, na aldea de Meiro. Alí a asociación de veciños organiza a partir das 16.00 horas unha nova edición da súa popular filloada e ás 20.00 horas comezará o seu festival de comparsas.

O Enterriño da Sardiña será o mércores 22 a partir das 17.00 horas, un evento no que participan as ANPA’s dos centros educativos da vila e que tamén contará coa presenza de Barafunda Animación, que confeccionarán unha sardiña con globos (xa participaron na Festa do Polbo cunha figura semellante).

O xoves 23 de febreiro será festivo local na vila e as 17.00 horas haberá unha festa infantil na carpa de Massó, unha celebración que voltará o sábado 26. En ambas citas haberá persoal con formación para atender a rapaces con necesidades especiais.

O festival de comparsas do Bueu Atlético é un dos eventos máis esperados do entroido bueués. E este ano con máis razón. O certame cumpre 40 anos e para celebralo nesta ocasión Concello e clube deportivo organizan un macrofestival no pavillón Pablo Herbello. A cita contará cun aforo de 1.000 persoas e precisamente onte comezou a venda das localidades (a 8 euros) nas librarías Miranda, Abrente, Anguián, Marpau e Molino de Papel. O festival será o venres 24 de febreiro (21.00 h) e terá un segundo pase a semana seguinte, o 3 de marzo, na Casa do Pobo de Beluso. Desde o clube avanzan que durante o festival brindarase unha homenaxe especial a Manuel González “Purro”, un dos compoñentes máis veteranos da comparsa Os Mulos.

Na víspera do Enterro do Paxaro do Mal Agoiro a carpa da Praza Massó acollerá dúas festas de disfraces: ás 17.00 horas será a infantil e ás 21.30 horas a de adultos. Entre medias haberá unha actuación das comparsas.

O Enterro do Paxaro do Mal Agoiro percorrerá ás rúas do centro de Bueu o domingo 26 de febreiro a partir das 17.00 horas. O ano pasado foi un desfile adaptado ás circunstancoias e restricións da pandemia, pero este ano vóltase a plena normalidade. De feito, hai uns días abriuse o prazo para que comparsas e agrupacións podan inscribirse para participar nos premios dos desfiles da sardiña e do paxaro do mal agoiro. A xornada do domingo tamén incluirá un baile no Centro Social do Mar co grupo Dúo Latino.