In memoriam // Maruxa Barrio Val mestra e escritora en Cangas
A nena e o can

Maruxa Barrio, nunha imaxe cedida pola súa familia. | // FDV / xiria
xiria
O ano novo trouxo para algúns de nós a nova do falecemento de Maruxa Barrio. Maruxa, a secas, foi para moitos de nós unha persoa entrañable no persoal e alguén de quen aprendemos no profesional. Chegou a Cangas a mediados dos anos setenta. Chegou co xemelgo que conseguiron sacar adiante e sen traballo. Traía un fardel de experiencias desde A Coruña, aínda que era nacida en Agolada. A aldea deixou nela a pegada das palabras, na lingua que escoitaba na familia. As palabras coas que se construía o teatro que na súa mocidade entendeu como un poderoso instrumento de transformación social. O Teatro Circo da Coruña que dirixía Manuel Lourenzo, o interese polos textos como ferramenta didáctica. Aquí aprobou a oposición e foi mestra, no Hío, San roque, NAzaré e Montecarrasco. Persoas coma ela converteron o Morrazo nun xerme de renovación didáctica, e converteron este territorio nun fervedoiro de actividades e propostas renovadoras no ámbito educativo. Non poderiamos entender o que pasou a nivel cultural, social e pedagóxico sen todas esas persoas que, coma ela se fixeron de aquí chegando doutros puntos de Galicia, que renovaron o concepto de escola que viñamos arrastrando desde había corenta anos. Xentes que pensaron que a escola facíase desde a responsabilidade social, buscando compensar as desigualdades sociais e poñendo unha especial atención nas familias que máis podían precisar a axuda e a tutela institucional e que non a tiña porque non existían uns servizos sociais aínda. Mestres e mestras que crían que o galego tiña que estar presente ocupando un espazo protagonista, persoas que creaban materiais para esa escola nova.

Maruxa Barrio Val. / Cedida pola familia.
Esa preocupación entendeuna mellor cando tivo os seus fillos e compartindo co seu compañeiro Quique Harguindey, puxeron en marcha aquelas fundamentais Lerias e enredos para os máis pequenos, que se converteron nunha ferramenta fundamental nas clases de moitos mestres e mestras de ensino infantil. Eles souberon entender que a lingua ten unha transmisión natural que se fai a través das manifestacións da literatura popular, e que ademais eran un potente instrumento de educación literario poética, porque todas aquelas pezas contiñan os elementos fundamentais da educación literaria primordial, o ritmo, a rima, as imaxes poéticas, os enigmas que un debía resolver nas adiviñas. Pero xa antes, en 1976, con outros mestres editaron un libro que contiña unha antoloxía de textos de diferentes autores e xéneros variados ordenados en función da idade do alumnado para que se empregasen no ensino da lingua galega. Carlos Casares nun dos seus artigos da “Ledicia de ler” (12 de decembro de 1976) dicía que estaba concibido moi sinxelamente, que eliminaba os esforzos teóricos de dubidosa utilidade e que ademais permitíalles aos mestres unha gran liberdade no plantexamento das súas clases. Aínda chegaría despois a Antoloxía do conto popular que tamén respondía a esa necesidade.
Nos momentos en que lle correspondeu exercer a dirección do centro educativo, impulsou formas diferentes de organización dos tempos, dando cabida a outras áreas do coñecemento e poñendo os nenos e nenas no centro da vida da escola. Facerse dun lugar tamén significa ver o que se precisa, o que é necesario e traballar para conseguilo. Foi ese o pulo para comprometerse na creación da Asociación Cívico-cultural Xiria da que foi socia desde o ano 1983 ata o día de hoxe. Impulsora e traballadora da Mostra de Teatro de Cangas, deses que cargaban o material, estaban na billeteira, pegaban os carteis ou acollían grupos, ás veces na súa propia casa. Cando deixou as responsabilidades directivas e organizativas soubo ser espectadora. Era para todos a imaxe da espectadora de primeira fila no cine club e teatro para compensar as perdas de audición. Dicía no acto de despedida o seu compañeiro da vida que ela fora a nena que sentada nunha pedra viu chegar un can que sentou á par dela, aloumiñouno e o can deixouse quedar compracido co agarimo da nena. Foron os gritos da tía alarmada porque o lobo estaba coa nena que o fixeron fuxir. O día en que nacía o ano, un lobo cruel levou a Maruxa, pero segue viva nos seus e nos que a queremos e estimamos.
*Asociación Cívico-cultural de Cangas
Suscríbete para seguir leyendo
- A la venta el chalé con piscina que corona la playa más bonita de Galicia (con permiso de Rodas): precio y fotos
- José Carlos Martínez es patrón de arrastre en Bueu y tiene que pesar capturas de hasta 29 especies
- El marinero marroquí muerto en Gran Sol vivía en Cangas desde hacía 11 años
- El Concello de Bueu indemnizará a una limpiadora por no facilitar la conciliación para atender a su madre
- Salva la vida tras quedar destrozado su coche en una salida de vía en la Autovía do Morrazo
- Un joven cangués pierde la visión de un ojo, agredido en Mallorca
- El TSXG fija 8 millones de indemnización para los dueños de Noria 4 y el Concello recurre
- Una mujer en el agua en la playa de Tuia moviliza a Salvamento y Guardacostas