Xa están de volta. Case sete anos despois da publicación do seu anterior traballo discográfico, “Movimiento irracional”, os Skarnivals están de volta coa súa mestura de ska, punk e folk. A banda morrancense, con fonda pegada en Bueu, publica neste inminente mes de xaneiro o seu cuarto disco, que levará por título “Latexos”. E a publicación do traballo vén acompañada dunha xira galega, que como non podía ser doutra maneira comezará na sala Aturuxo. Será o 4 de febreiro e as entradas están xa a venda a través da web entradium.com.
“Latexos” está composto por nove temas e a banda vén de publicar un adianto a través de todas as plataformas dixitais. Trátase de “Cuervos”, unha canción que segundo explican denuncia as crises mundiais, o capitalismo e os mecanismos para manter o estatutus dos privilexiados fronte á clase traballadora. Previamente xa presentaran outro tema, titulado “Do revés”.
A banda está integrada polo vocalista Kome, os guitarristas Adriá e Alexandre, o trompeta Chavete, o trombonista Héctor, Javi Chanke á batería, Txelas na gaita e o baixista Ziku.
Este novo disco foi gravado e producido nos estudios Estereoarte, en Vigo, baixo a dirección de Javier Abreu e está publicado polo selo Galiunk Producións. Este “Latexos” suponón un paso máis na madurez compositiva e musical dunha banda que comezou a súa andaina en 2012, despois do xérmolo de Skakeo. Ao longo destes anos gravaron o EP “Skakeo” (2010) e os discos “Torsión mundial” (2012) e “Movimiento irracional” (2016).
De momento a xira que arrincará no Aturuxo xa ten outras datas confirmadas en Galicia: o 11 de febreiro na sala Filomatic da Coruña; o 25 de marzo na sala Auriense de Ourense; e o 20 de maio na sala Moon, en Santiago. Uns directos nos que volverán a exhibir a súa enerxía e un estilo moi persoal e reivindicativo.