Unha invitación a vivir o Nadal desde O Morrazo

A CRTVG elixe unha canción cantada por unha familia de Cangas para felicitar as festas

A xoven Noa Antepazo nun momento do videoclip “Vivamos o Nadal”, elexido pola CRTVG.   | // CRTVG

A xoven Noa Antepazo nun momento do videoclip “Vivamos o Nadal”, elexido pola CRTVG. | // CRTVG / David garcía

Cangas
A Corporación de Radiotelevisión de Galicia (CRTVG) vén de elexir a canción coa que felicitará as festas aos galegos, un tema completamente orixinal do Morrazo e cantado por tres xeracións dunha mesma familia: Noa, o seu pai Juan Antepazo e o seu avó Arturo Sabugueiro. Unha familia de longa tradición musical.

A música é algo moi serio na familia Antepazo, de Cangas. Unha tradición que coa pequena Noa Antepazo, de 8 anos de idade, vai xa pola quinta xeración. A nena é a protagonista xunto ao seu pai, Juan Antepazo, e o seu avó, Arturo Sabugueiro, da canción e videoclip coa que a CRTVG vai felicitar as festas do Nadal a todos os galegos. Un tema titulado “Vivamos o Nadal” e que é unha chamada a voltar a vivir estas datas coa ollada e coa ilusión dun neno. “O Nadal é propiedade dos rapaces”, asegura con convicción Juan Antepazo.

El foi precisamente o ideólogo e compositor da canción. Antepazo ten un estudo en Marín, Nova Imaxe, e é coñecido por ser o cantante e guitarrista de Astarot. O seu pai, Arturo Sabugueiro, foi vocalista da orquestra Sintonía de Vigo e varias xeracións de nenos e nenas de Galicia creceron (crecemos) escointándono cantar a canción de cabeceira da mítica serie de Songoku e as bólas do dragón. “Xa os meus bisavós tiñan tradición musical”, conta Juan Antepazo, que explica que foi unha amiga quen lle falou do concurso que convoca desde hai oito anos a CRTVG. Compuxo e escribiu a canción aproveitando unha convalecencia por culpa dunha molesta gripe A. “A verdade é que a melodía a soñei, levanteime da cama con ela e logo púxenme a escribir a letra pensando en que fose cantada por Noa”, conta o músico cangués.

Noa é a súa filla de 8 anos, que segue coa tradición familiar da música e estuda saxofón no Conservatorio de Cangas. No videoclip aparece xunto ao seu avó Arturo Sabugueiro cantando e facendo os coros. Unha canción con moitas reminiscencias da infancia: “Esa vella canción voltarás a escoitar/ nos recordos que un día deixaches atrás”; “Unha doce ilusión que sentías de neno, / e o paso do tempo non puido borrar”, “Vivamos xuntos o Nadal/ hai tanto que nos une, /tanto por desfrutar”, entre outros versos.

Noa Antepazo e o seu avó Arturo Sabugueiro nun fotograma do videoclip elexido pola CRTVG.

Noa Antepazo e o seu avó Arturo Sabugueiro nun fotograma do videoclip elexido pola CRTVG. / CRTVG

Unha canción alegre, interxeracional e cun claro chisco ao público infantil. “Amais de que o Nadal é propiedade dos nenos, creo por convicción moral que unha proposta infantil debería estar cantada polos propios rapaces pola súa frescura, sen necesidade de correxir pequenos erros nin de sobreproducir o resultado final”, defende Juan Antepazo.

A gravación fíxose no seu propio estudo e foi un proceso divertido, o que non impediu que Noa se tomase “moi en serio o traballo e fose ultradisciplinada”. Pero o máis importante “é que foi un tempo e unha experiencia en familia, o que dalgunha maneira significa rescatar a esencia do Nadal”, defende o músico.

Un fotograma do videoclip con Noa Antepazo diante dunha batería no estudo do seu pai.

Un fotograma do videoclip con Noa Antepazo diante dunha batería no estudo do seu pai. / CRTVG

O xurado elexiu por unanimidade “Vivamos o Nadal” entre todas as cancións presentadas. O tribunal estaba composto polo director da área de contidos da CRTVG, Fernando R.Ojea; a subdirectora de Programación e Emisións, Rosa Sierra; a xefa de programas da Radio Galega, Tania F. Lombao; o músico Roi Casal; e a cantante e presentadora Eva Iglesias. A elección da canción implica un premio de 1.000 euros e o tema vaise escoitar na TVG, Radio Galega e nos seus soportes dixitais durante todo o Nadal. Estes días os distintos programas da CRTVG non paran de falar e entrevistar a esta familia tan musical e a pequena Noa.

Juan Antepazo, Noa Antepazo e Arturo Sabugueiro, tres xeracións da mesma familia no mesmo videoclip de Nadal.   | // CRTVG

Juan Antepazo, Noa Antepazo e Arturo Sabugueiro, tres xeracións da mesma familia no mesmo videoclip de Nadal. | // CRTVG / David garcía

A pesar desta repentina fama a nena parece que, polo menos de momento, non ten pensado roubarlle ao seu pai o seu posto en Astarot, como confesa entre risos o Juan Antepazo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents