Pinilla e a selección galega de fútbol (1922)

Cúmprese o centenario da formación da “irmandiña” da que formou parte o veciño de Cangas Pedro M. Pinilla

A selección galega de fútbol no partido disputado contra Uruguay no estadio de San Lázaro, en Santiago, en 2005.   | // XOÁN ÁLVAREZ

A selección galega de fútbol no partido disputado contra Uruguay no estadio de San Lázaro, en Santiago, en 2005. | // XOÁN ÁLVAREZ / Xoán C. Chillón Iglesias

Xoán C. Chillón Iglesias

Nestes momentos de protagonismo da selección española de fútbol, o veciño e político nacionalista Xoán Carlos Chillón lembra a selección galega de fútbol no seu centenario. A Fundación Galiza Sempre ven de editar a publicación “1922-2022. Cen anos da selección galega” na que recupera o contexto do primeiro encontro e reflexiona sobre o papel político das seleccións nacionais. O veciño de Cangas Pedro Martínez Pinilla formaba parte da alineación da “irmandiña”. O BNG logrou que a selección galega voltase a xogar en 2005 e que en 2007 se formase a primeitra selección galega feminina

Estamos a vivir e sufrir tempos de saturación mediática do mal nomeado “deporte rei”. Fútbol deporte, fútbol espectáculo, fútbol identidade, fútbol negocio…Nós, en xusta complicidade con esta modalidade pola súa práctica en épocas pretéritas, temos opinión dobremente crítica con esa denominación, por conciencia republicana (é unha brincadeira) e polo discriminatorio case monopolio na sección de deportes por parte dos distintos medios de comunicación.

Ven de editarse pola Fundación Galiza Sempre a publicación “1922-2022. Cen anos da selección galega” do xornalista e escritor Alfonso Eiré. Na mesma recupera o contexto histórico e social que rodeaba aqueles primeiros encontros, reflexionando sobre o papel político das seleccións nacionais e a importancia que o galeguismo histórico contaba nos clubs deportivos do noso país. Socioloxicamente as seleccións deportivas desempeñan unha función de posta en valor e autoestima, de proxección interior e exterior, reafirmando a identidade social e colectiva dun pobo.

Hai cen anos, 19 novembro 1922, a selección galega de fútbol disputaba o seu primeiro partido oficial. Debutaba con vitoria, 4 a 1, diante do combinado da Federación Centro, encontro do Campionato Interrexional de Fútbol. No texto contan que aquel primeiro partido estivo a punto de non se celebrar por falta de árbitro. Galiza propuxera un árbitro portugués por non fiarse dos españois. Ivo Lems, de Porto dirixiu o evento. O periódico catalán Mundo Deportivo reseñaba “un árbitro excelente, imparcial e concienciudo, demostrando grande coñecemento das regras do xogo..”

A aliñación estaba formada por Isidro, Otero, Pasarín, Queralt, Balbino, Clemente, Pepe Hermida, Moncho, Ramón González, Chiarroni, Polo e Pinilla. Os goles da “irmandiña” foron marcados por Chiarroni, Polo, Pinilla (de penalti) e Ramón. Os seleccionadores eran Xosé Bar Vilaboa Pepe Bar, xogador do Real Club Fortuna de Vigo, e Manuel de Castro Hándicap, xornalista. Contaron co apoio entusiasta de Xoán Baliño, secretario do concello de Vigo e militante galeguista. O 23 febreiro 1923 Galiza xoga a final do Interrexional contra Asturias, perdendo a final por 1 a 3.

Pedro Martínez Pinilla foi adestrador do Alondras.   | // A CEPA

Pedro Martínez Pinilla foi adestrador do Alondras. / Arquivo de A Cepa

Aquela selección contaba cun futuro veciño de Cangas, o grande estremo do primeiro Celta, Pinilla, Exemplo de honradez, nervio, velocidade, remate e calidade deportiva e humana, Pedro Martínez Pinilla (Vigo, 15 xullo 1893-A Pedreira, Coiro, 17 xaneiro 1982) era un dos catro fillos de Pedro e Xosefa, familia de carpinteiros e albaneis. Tiña comezado a carreira deportiva no Vigo, equipa que en 1923 pasaría a ser o Celta grazas á fusión co Fortuna. Con posterioridade xogaría no Deportivo de A Coruña e no Español de Barcelona, cedido polo club vigués.

Internacional coa selección española

Internacional coa selección española, cruzará o charco nesa mesma década para formar parte de equipas de Cuba, México, Estados Unidos. Tras a súa volta a Galiza, recibe a visita do cónsul de Vigo, veciño de Cangas. Pídelle que fiche como xogador e adestrador do Alondras CF, ofertándolle catrocentas pesetas que el nunca quixo cobrar. Víuvo (a súa dona finara por enfermidade) e sen descendencia, establécese cun posto de carniceiro na praza de abastos e vén vivir ao lugar de A Pedreira, Coiro, onde residía a súa sobriña e familia. Antes do seu falecemento e enterro no cemiterio de Coiro, recibíu recoñecementos como “mellor deportista” e premio “deportista distinguido”. En 1988 constitúese oficialmente a Pena Celtista Pinilla de Cangas, afeccionados cangueses de todas as idades. Durante dúas décadas a Peña prolongou a súa vida e memoria, acompañando durante tempadas ao club celtiña.

Neste século XXI, Siareir@s Galeg@s, iniciativas impulsadas polo BNG nos Parlamento de Galiza e Congreso dos Deputados, e xa dende a Consellaría de Cultura (2005-2009), conseguiron que a Selección Galega voltase en 2005 e que en 2007 se formase a primeira selección galega feminina de fútbol. Entre miles de galegos/as alí estivemos en decembro 2005 coa Selección Galega no seu primeiro partido disputado contra Uruguai no estadio de San Lázaro en Compostela, con vitoria por 3 a 2. Os seleccionadores foron Arsenio Iglesias e Fernando Vázquez. Este último afirmaba: “A selección galega ten un valor en si mesma: demostrar que si valemos. Recibimos unha educación na que as nosas cousas sempre son desprezadas e consideradas de segundo nivel...”.

Alondras C.F, Rápido Bahía C.F., F.C. Cruceiro do Hío, Galiza…..Unha lección de identidade, unha selección.

(*) Veciño de Cangas e exconcelleiro do BNG.

Suscríbete para seguir leyendo