Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

95 anos da Virxe do Carme en Moaña

Unha das primeiras imaxes desta advocación en Galicia chegou á vila no Día de San Martiño de 1927 e saíu en procesión polo núcleo histórico ao día seguinte

A Virxe do Carme mariñeira de Rivas Rodríguez, en procesión pola ribeira do mar moañés, pouco antes da división parroquial do ano 1964. | ARQUIVO DA A.C. NÓS

Aínda que San Martiño sexa o auténtico patrón de Moaña desde o século IX ou X en que se constituíu a milenaria parroquia moañesa, e como tal foi honrado dende entón; novas directrices eclesiásticas xurdidas do Concilio de Trento, trouxeron consigo o impulso da devoción a diversos seres sagrados entre os que destaca a Virxe do Carme na súa advocación de intercesora das Ánimas do Purgatorio; pois, ata o ano 1901 non foi declarada patroa dos mariñeiros.

Composición fotográfica cedida por Luís Barge, de Cedeira, situando á Virxe do Mar na zona do naufraxio.

Composición fotográfica cedida por Luís Barge, de Cedeira, situando á Virxe do Mar na zona do naufraxio.

Cara a ese fin, no libro de contas da confraría moañesa de Nª. Sª. do Rosario, que se corresponde co ano 1671 aparece a seguinte inserción:

Virxe do Carme clásica, que se conserva na igrexa de S. Martiño de Moaña.   | M.U.

Virxe do Carme clásica, que se conserva na igrexa de S. Martiño de Moaña. | M.U.

Mas ducientos reales digo ducientos y sinquenta Rs. del rretablo de las animas.

Noutro apunte do 1.675 pódese ler o seguinte:

Del pintor que pintó el Retablo de las animas quatrocientos reales.

Coñecendo ambas descricións, é doado datar o devandito retablo neses anos do século XVII, representando unha perda de valores históricos e artísticos que fose botado abaixo na metade do XX, sendo párroco, D. Donato Bernárdez, no canto de ser restaurado.

Presidía o retablo un baixorrelevo das ánimas debaixo da imaxe da Virxe do Carme á que, no ano 1794, segundo se constata na súa coroa de prata, un tal D. Hermelo, fixo doazón dela e a do Neno Xesús. Esta imaxe clásica estivo exposta en dito retablo e, posteriormente, nun oratorio provisional, nunha casa de Broullón ata que, de volta ao templo, foi restaurada no 2012 e, na actualidade está exposta na capela do Rosario.

Daquela, a Virxe do Rosario era a patroa dos poucos homes de mar que vivían en Moaña, e dos que decidían emigrar; situación que ía cambiar coa chegada dos fomentadores cataláns a Galicia a mediados do século XVIII, de cara a impoñer unha nova arte de pesca denominada “xávega”, e o prensado do peixe en almacéns de salgadura para aumentar a súa duración. Ata o desembarco dos cataláns era insignificante o número de embarcacións existentes na freguesía moañesa, 5 dornas, unha delas de carga e pasaxe, no ano 1752.

Co obxecto de facilitar o mantemento das dornas, segundo se describe nun documento de reclamación de impostos do ano 1740, os mariñeiros moañeses dispuñan dun peirao feito con postes e táboas de madeira, bastante agochado, co obxecto de estar lonxe das olladas dos recadadores de impostos de Vigo que, daquela, pertencía á provincia de Tui, no tempo en que Moaña dependía da de Santiago. Estaba situado na desembocadura do regueiro da Martinga formando unha pequena enseada, hoxe reenchida, enriba da praia da Martinga; areal que tamén aparece noutros documentos.

Segundo se constata no censo do ano 1860, consultado polo presidente da A.C. Nós, Xosé C. Villaverde, o pequeno lugar de A Martinga onde se atopaba o peirao tradicional da parroquia de Moaña, tiña 18 familias; proseguindo coas investigacións, analizou o correspondente a 1887 onde observou que, pola primeira vez, aparece o seguinte lugar:

Playa – Lugar – Edificios, 37

Ao mesmo tempo en que o censo describe a autenticidade do actual barrio de A Praia, deixa de citar A Martinga como lugar pois, a súa zona próxima á ribeira do mar, xa dependía do novo barrio e, o resto da súa superficie integrouse, outra vez, en Quintela que se converteu no lugar máis poboado da parroquia moañesa con 96 casas.

En resumo, A Praia constituíuse como barrio no citado ano 1887, despois de absorber o pequeno lugar de A Martinga e a despoboada ribeira do mar dos lugares históricos de Miranda e Xeira; lindando polo Leste co da Seara e polo Oeste coa parroquia de Tirán.

Durante o outono de 1899, chegaron á ría de Vigo, en barcos mercantes dende o Cantábrico, ducias de traiñeiras con patróns e proeiros para o ensino do seu manexo; montaban aparellos dunha nova arte de cerco – xareta. Logo de liortas con armadores xeiteiros e restricións legais, a comezos do século XX puideron pescar licitamente, traendo o progreso e un forte desenvolvemento á Moaña, cuxa capitalidade municipal pasou, dende Quintela, ao novo barrio da Praia.

A posterior construción de barcos de vapor e motor está na orixe do camiño que emprenderon unha gran parte dos moañeses dende o agro, rumbo ao mar; por ese motivo, nalgúns anos do século XX, o porto mais importante de España, en canto á pesca de baixura, foi o de Moaña.

Despois de coñecer a transformación de moitos labregos en mariñeiros e a orixe do novo barrio da Praia vaise tratar, de seguido, como se foi iniciando a nova devoción á Virxe do Carme na súa iconografía mariñeira; devoción que xurdiu a partir do padroado oficial de Nª. Sª. do Carme sobre os homes do mar; deste xeito, emerxe na costa galega o desexo de contar con novas imaxes, que a representen como “estrela dos mares”.

Entón, o imaxineiro compostelán, Xosé Rivas Rodríguez, aproveitou o éxito que tivera o deseño que fixera, conxuntamente co párroco de Cedeira e a conseguinte construción, no ano 1917, dunha nova talla de Sta. María do Mar, patroa da parroquia do crego, para entallar as senlleiras Virxes do Carme mariñeiras expostas, na actualidade, en moitas igrexas costeiras galaicas; para iso, ás novas imaxes cambioulles os hábitos azuis da Virxe do Mar por outros castaños da orde dos carmelitas, engadíndolle escudos e escapularios.

As innovadoras efixies marianas, representan o rescate de pescadores mergullados nun naufraxio múltiple de botes de vela e remos de Cedeira ocorrido nas augas abertas do mar Cantábrico, na segunda decena do século XX.

Entre as primeiras que saíron das mans do escultor santiagués, destaca a de Moaña, obra de gran beleza, elaborada dez anos despois da de Cedeira, cando tiña 41 anos; a imaxe chegou á igrexa de San Martiño na data do 11 de novembro de 1927 e saíu en procesión polo centro histórico parroquial moañés no día seguinte, 12 de novembro.

Diante de tales circunstancias, o mesmo que sucede con S. Pedro en Domaio, Sta. Baia en Meira e S. Xoán en Tirán, onde as festas principais non coinciden coas dos patróns das respectivas freguesías, en Moaña erixiron o 12 de novembro como celebración parroquial máis importante, ata o ano 1964 en que outra talla da Virxe mariñeira, feita por fillos de Rivas Rodríguez no taller santiagués do finado pai, converteuse en patroa da nova parroquia eclesiástica do Carme, quedando a festividade do día 12 na matriz de Moaña como meramente testemuñal.

*Historiador local e Cronista Oficial de Moaña.

Compartir el artículo

stats