As Xornadas Etnográficas do Morrazo (XEM) regresan desde mañá cunha programación ao longo de dez días e que se repartirá polos concellos de Cangas, Moaña e Bueu. A organización corresponde novamente á Asociación Cultural Peis d’hos e conta co apoio da Mancomunidade do Morrazo. Unha das datas sinaladas será a do domingo, coa Mostra Etnográfica, e que este ano regresa a Cangas. Será un acto no que participen as agrupacións Cantigas e Agarimos de Santiago e Trébede do Morrazo. A novidade é que se acompañará dunha mostra de artesanía, que se desenvolverá durante toda a xornada na rúa Méndez Núñez, moi preto do escenario principal. Este ano o deseño do carte é obra do pintor cangués Camilo Camaño.

A programación das XEM inclué unha exposición de traxe tradicional galego con Adobiarte na sala Amalia Domínguez Búa de Bueu, entre mañá e o domingo. O venres o investigador Anxo Coya ofrecerá unha charla no salón de plenos de Moaña (20.30 horas) para falar sobre Ignacio Cerviño e o Cruceiro do Hío, do que este ano se cumpre o seu 150 aniversario.

A xornada do sábado incluirá un percorrido polos bares de Moaña con cánticos de tradicionais, populares e de taberna. Será entre as 12.00 e as 15.00 horas e intervirán os grupos de Peis d’hos, Maravallada e Os Saljariteiros.

O domingo será sen dúbida do día grande das xornadas. Desde ás 11.00 e ata ás 22.00 horas haberá una mostra de artesanía na rúa Méndez Núñez de Cangas, que incluirá postos de artesanía galega relacionados con traxes, tecidos e construcción de diferentes instrumentos tradicionais. Ás 20.30 horas será a Mostra Etnográfica, na Avenida de Castelao e coas actuación de Trébede e Agarimos.

O salón de plenos do Concello de Moaña acollerá novamente o luns, ás 20.30 horas, unha charla, esta vez de carácter ambiental con responsables da Cooperativa Pouso da Serra, do Hío, e que versará sobre a recuperación dos usos tradicionais do monte e o mellor xeito de conservalo. O martes será Guillerme Ignacio quen fale sobre a danza do entroido de Nerga, tamén ás 20.30 horas, pero nesta ocasión na Casa da Mocidade de Moaña.

O mércores Antía Ameixeiras impartirá un obradoiro de violín folc no local de ensaio de Cimadevila, en Cangas. Este mesmo espazo acollerá o venres un obradoiro de canto colectivo con Xaquín Xesteira. Ambas citas serán ás 20.30 horas.

O remate das XEM será o sábado 10 de setembro na Praza Massó de Bueu. Ás 18.30 horas haberá música infantil con Jorge Juncal e María Faltri; ás 19.30 horas Peis d’hos organiza uns obradoiros infantís, aos que seguirá unha foliada infantil ás 20.00 horas.

O peche das XEM será cunha gran foliada na mesma Praza Massó a partir das 21.00 horas, que será o colofón a dez días de actividades.

O director artístico das xornadas, Miguel Sotelo, manifesta o agradecemento das administración públicas a un evento que “cada ano vai medrando máis e que xa é un referente no panorama cultural galego”. Aínda así, lamenta que nesta ocasión desde a organización tiveron que facer fronte a numerosas dificultades debido ao incremento dos custes técnicos e a disminución das axudas por parte das institución. “Esta é a edición das Xornadas Etnográficas do Morrazo con menos investimento económico e, polo tanto, con menos recursos para poder levalas a cabo”, conclúe Miguel Sotelo.