Son moitas as persoas que dan por certa a súa construción nese mesmo ano cando, na realidade, en 1676 un visitador pastoral enviado á parroquia de Santa Baia de Meira desde Santiago, deixou escrito na acta o seguinte:

A Illa de San Bartoloméu en 1927. | // FOTO PACHECO/ARQUIVO A.C. NÓS

Que se de paso a la Procesión desde la Iglesia a Guadalupe.

Unha parella, no medio do cortexo e un rapaz ollándoos cun sorriso moi “picarón”. | // FDV

Por cuanto se ha cerrado el paso a las procesiones que salen de la Iglesia a la ermita de Guadalupe y San Bartolomé y la circundaron alrededor, siendo pasto común, (de) Domingo da Fonte y María de Vila, manda S. E. pongan el paso franco, como antes estaba, dentro de nueve días, so pena de excomunión mayor la sentencia, y pasado los obligue el Rector y evite.

Este parágrafo da acta, demostra que a capela xa existía no ano 1676 baixo o nome de “Ermida de Guadalupe e San Bartoloméu”; tamén, que as procesións desde a igrexa, naquel tempo, pasaban por terreos privados de pasto.

Trátase da primeira mención coñecida sobre a capela da illa aínda que, en 1607, o cardeal de Santiago, Jerónimo del Hoyo, despois de efectuar unha visita anterior, no intre de cubrir a pertinente acta ademais de constatar que na freguesía de Meira habitaban 200 familias, aproximadamente, subliñou o seguinte: Hay una ermita de Santa Eulalia de Meira; os historiadores coinciden en que se trata da citada capela, na que se constituíu, en 1671, a confraría de Nª. Sª. de Guadalupe e, en 1730, a de San Bartolomeu.

De todo o sinalado dedúcese que, na realidade, o párroco daquela D. Pascual Pardo de la Peña, mandou reconstruíla no ano 1722, descoñecendo o alcance das obras executadas nunha ermida que debeu construírse no século XVI ou no anterior.

Alusión a Lino Pazos Pérez

Reafirma esta datación o coñecemento de que as igrexas e capelas cristiáns, entre elas a de San Bartolomeu, orientábanse, ata o século XVI, de Oeste a Leste por onde entra o “Sol Nacente” que, desde o século III identificase simbolicamente con Xesucristo como “Luz do mundo” ou “Sol de xustiza”.

Segundo sinala Lino Pazos Pérez no libro, Guia das ermidas illeiras nas Rías Baixas, a ermida da illa:

“... permaneceu sen modificacións ata este século (o XX) , no cal debido ó seu estado semi-ruinoso acordaron a Comisión de Festas e os veciños, co consentimento da parroquia, botar abaixo a centenaria edificación e construír no seu soar unha nova de menores dimensións e mellor situada no adro.

“No ano 1973 desfíxose a ermida, que se atopaba nun estado calamitoso, carecendo de cimentación, e cos muros feitos de cachotes a punto de caer, así como o tellado, que xa fora composto numerosas veces pola comisión, e construíse a actual un pouco máis pequena pero en perpiaño do país, trocando a súa situación anterior, coa porta ó Oeste e o palco da música ó seu carón, pola que hoxe en día ocupa nun lado do adro, e coa porta principal aberta ó Norte, enfrontada ó camiño de acceso a ermida”. (Sr. Andrés Brañas, presidente da Comisión de festas durante trinta e tantos anos).

Na actualidade, non sería posible botar abaixo unha ermida con máis de catro séculos de antigüidade, a non ser que se reconstruíra de maneira idéntica noutro lugar. Por iso, é moi importante que se cedan fotos antigas ás asociacións culturais de Meira para reproducilas dixitalmente e, deste xeito, gardar na memoria colectiva a imaxe dun edificio centenario cheo de historia.

(*) Investigador da historia de Moaña