Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A historia do ensino na comarca

Mestres e escolas en Cangas 1818-1936 (VI)

Durante o periodo republicano as escolas que contaron con maior apoio foron as dos pósitos, dependentes ISM

Mestres das escolas públicas e do pósito de Cangas en agosto de 1934.

Durante os anos republicanos poderíamos resumir que a conflictividade pública manifestaríase basicamente pola resistencia católica á implantación do ensino laico, mentres que a problemática interna no corpo de mestres xiraba en torno as demandas dos mestres ao Concello reclamando o aboamento do alugueiro das casas-habitación ao que tiñan dereito. O conflito polo pago da casa-habitación de Felipe Carnicer foi un dos máis longos pois contaba coa negativa do concelleiro socialista Corbacho quen insistía en que debía ser a Caixa Central do Crédito Marítimo quen se encargase do mesmo por pertencer ao Pósito. Outros deberíanse as rebaixas ou demoras que o Concello aplicaba nos pagos ou á negativa de pagar dúas veces a casa cando os dous mestres eran matrimonio como acontecía co caso de Manuel Mosquera e Perfecta Sitoula. Este mestre non había ter boas relacións co goberno municipal pois durante varios anos o Concello pediríalle ao inspector que este mestre fose recoñecido para darlle a xubilación ao final do curso do 1933 propondo a Modesto Novelle para ocupar a súa praza pero este non aceptaría xa que marcharía para Bueu en setembro. Xa que logo, este mestre seguiría no seu posto sendo que no ano seguinte o Goberno Municipal abriríalle un expedente por cobrar por dúas casas-habitación (a súa e a da muller) cando só vivían nunha.

Contodo, hai que reseñar que este matrimonio de mestres, Mosquera Vidal e Perfecta Sitoula, deixarían en doación unha grande extensión de terreo en Verín-Coiro para que se adicase ao ensino ou á cultura. Ao retirárense como mestres e sen descendentes e para que se cumprisen tales finalidades constituirían a fundación Mosquera-Sitoula baixo a tutelaxe do alcalde, o párroco de Coiro, o xuíz e o notario. A finais do pasado século, sendo alcalde Euloxio López, o cura de Coiro, o xuiz e o notario, como testaferros da fundación, acordan cumprir a manda fundacional pondo a disposición do Concello os terreos nos que se instalarían primeiro as pistas de atletismo e a piscina cuberta despois.

O mestres Felipe Carnicer (á esquerda) e José Monge.

A precariedade do retiro dos mestres, transluciríase ainda no 1936 cando os compañeiros de profesión teñen que abrir unha suscrición para axudar á viúva e aos fillos do que fora profesor do Pósito de Darbo, Lino Davila, falecido por mor dun atropelo de automóbil en Marín. As ausencias e falla de mestres ainda eran frecuentes no 1931, mais, o inspector Gerardo Álvarez Limeses no seu informe do 1933, deixa constancia do bo estado dos locais das escolas de todo o concello, detectando inasistencias docentes outra vez en Coiro (o local desta escola remataría por ser clausurado), a práctica de malos modos cos alumnos nunha escola de Cangas e un caso de agresión a un alumno no Hío, asunto este que mesmo pasaría ao xuíz municipal. Salvo estes casos, o ambiente nas escolas da zona semellaba ser bastante bo. O labor dos mestres non só se circunscribía ao ensino da lecto-escritura e das catro regras aritméticas senón que tamén se lles inculcaba aos nenos o traballo, a previsión e o aforro. A tal fin cabe suliñar a anecdótica oferta que lle fai aos colexios de Cangas un mestre de Xeve que se compromete a representarlles aos nenos a obra teatral “La fiesta del ahorro y el buen Ramoncito”.

O Consello Local de Primeiro Ensino (1932) de Cangas estaba constituido polo concelleiro Lorenzo Corbacho e o médico José González Graña polo Concello; Antonio Pastoriza Costas e Justa Muñoz Martín polos pais e Gumersindo Gastiasoro, Ana Díaz Santos e Manuel Mosquera (Barbicas), mestre do que o Consello pide a sua sustitución por imposibilidade física, pois xa tiña a sua idade pero máis ben era pola sua postura ideolóxica antirrepublicana. En anos seguintes ocuparían tamén estes postos, o médico José González Arís e a mestra Perfecta Sitoula que logo foron sustituidos polo comerciante Jesús Solla Graña e a mestra Teresa Toubes. O confiteiro socialista Miguel Palacios Laparra sería tamén membro deste consello no 1936 debéndose a el o traslado da escola do Señal por estar esta ubicada perto dunha industria que producía ruidos molestos. Nestas datas as escolas de nenos estaban situadas en Montero Ríos (recanto subida ao Costal), en Méndez Núñez e na Fonte do Galo a do Pósito. As de nenas ubicábanse, unha na casa do recanto da rua da Estrela con San Xosé e outra nesta mesma rua, antes do cemiterio.

Os mestres Manuel Mosquera e Perfecta Sitoula.

Asociacionismo

Neste periodo reorganizaríanse os colectivos de ensinantes figurando na directiva da Asociación de Maestros Nacionales del Partido de Pontevedra, os mestres Felipe Carnicer e José Monge, estando presidida a mesma por Enrique Vidal de Bustamante, profesor no Pósito de Moaña. Con motivo da homenaxe a catro mestres de Moaña pola súa loita contra os caciques locais, celebrouse o 18 de maio do 1931 unha xuntanza de profesionais do ensino e dada a natureza e posición ideolóxica dos mesmos, sentaríanse as bases para a fundación do que pouco máis tarde ía ser a F.E.T.E. (Federación Española de Trabajadores de la Enseñanza), sindicato de mestres impulsado xa no mes anterior por Victor Fraiz, integrado logo na UGT socialista.

En xaneiro do 1932 os mestres presentarían denuncia contra a manifestación ultracatólica organizada en Aldán, da que xa demos conta, coa que se pretendía a reposición dos crucifixos nas escolas, asunto que se repetiría en Cangas ao se producir un altercado entre a mestra Perfecta Sitoula e o concelleiro socialista Corbacho. En novembro deste mesmo ano, o mestre de Aldán José María Quinteiro solicitaría permiso para celebrar un acto público nesta parroquia baixo o epígrafe de “Propaganda de los Principios Laicos de la República” para facer campaña a prol da escola única e laica. A charla corría a cargo de varios oradores pertencentes á Asociación de Traballadores do Ensino de Vigo, afecta a UGT e tería lugar ás dúas da tarde do domingo día 4 ao ar libre ou senón no salón da sociedade “Alianza Redentora de Aldán” en caso de haber mal tempo. Mais, nese día, tan pronto como os mestres oradores chegaron ao sitio, un personaxe, que se identificou como o alcalde de Cangas (o lerrouxista do PRR, Francisco Eiroa Graña) faríaos prender e mandaríaos ao cárcere.

O balance" bienio negro" no tocante ao ámbito educativo.

Ao se difundir a noticia, as directivas da Casa do Pobo de Vigo presentaron unha protesta contra este acto de abuso de poder que tivo enorme repercusión entre os círculos docentes e políticos dunha ampla zona de Galicia. A mesma entidade obreira de Vigo promovería tamén unha protesta pública que conseguiría que os mestres fosen liberados de inmediato. Nos anos seguintes non se volverían a producir incidentes de importancia pública por este ou por outros asuntos relacionados coa defensa do ensino laico e neutral que inspiraba a Constitución da República. Contodo, o punto de inflexión máis negativo na evolución do ensino, viría dado pola chegada ao goberno do partido de Lerroux nas eleccións de novembro de 1933. Ao quedar en minoría este partido Radical, vai completar o gabinete de goberno pactando coa CEDA, partido de dereitas de Gil Robles cuxa influencia nos diferentes gobernos dos anos seguintes, traerían unha involución política en moitos eidos, afectándolle moito á acción instrutiva proxectada anteriormente.

Algúns docentes e actividades

Aquela escola nº 2 de nenos que estivera a cargo do mestre Angel Mato ata 1924 vai pasar a ser rexentada no curso de 1925 por José Monje Otero, un mestre moi louvado pola sua dedicación á docencia e actividade despregada aplicando novidades educativas con gran repercusión mediática nestas datas. Soubo adaptarse ás circunstancias políticas da ditadura e da República estando sempre na avangarda colaborativa do momento, xa pedagóxica, xa cultural, simpatizando co movemento galeguista. Como católico que era foi protagonista dun dos enfrentamentos co socialista Corbacho pola problemática que se creou en Cangas arredor da retirada dos crucifixos das aulas, á que el se negou. Porén, igual que xa viña facendo anteriormente, tamén foi moi activo nesta época no seu labor didáctico, destacando a exposición de mapas que realiza na escola a finais do curso do 1931 e a entrega de Premios Escolares aos que contribuiría Saturnino García Soage cunha doación de 100 pts. para os mesmos. Tamén no remate do curso do ano seguinte celebraría unha festa escolar na que participarían cun discurso os ex alumnos Daniel Eiroa, Julio Mariño e cun recitado o tamén exalumno Francisco Eiroa Graña, agora alcalde de Cangas que estaba acompañado doutras autoridades para a distribución de premios aos mellores alumnos.

A relación de mestres interinos e titulares entre 1931 e 1936 en Cangas.

A relación de mestres interinos e titulares entre 1931 e 1936 en Cangas.

Despois dunhas palabras do mestre, procederíase á entrega duns premios aos rapaces máis aplicados, donados polo Presidente da República, Alcalá Zamora, polo Gobernador e polo Alcalde quen ademáis regalaría a tal fin, un dicionario de Alemany e unha estilográfica. Os industriais Manuel Camiña e José Carrera tamén aportarían premios para os nenos máis asiduos a clase. O alumno Joaquín García recitaría neste acto o poema “Mi Vaquerito” de Gabriel y Galán, recitando José Bamio “Eu ben vin estar o moucho” de Rosalía de Castro, pechando o acto cunhas palabras Ramón Ocaña, en nome dos pais. A mediados de marzo do 1934, o Padroado das Misións Pedagóxicas habíalle conceder unha biblioteca circulante á esta mesma escola e mestre polo que este solicitaría do Concello un moble para colocar os libros, petición que lle sería denegada pois o conflito con Corbacho ainda pesaba. Cabe suliñar que esta biblioteca seguiría funcionando ata o final de curso do 1936.

Outros datos recabados sobre as escolas de Cangas, sitúan á nº 3 de nenos en Méndez Núñez que estivo ao cargo de Francisco Mosqueira Manso (desde o 1933). A nº 1 de nenas estaría rexentada por Perfecta Sitoula. A nº 2 de nenas, por María Ana Díaz Santos (dona Anita). Da nº 3 de nenas non temos constancia da súa mestra pero cabe que estivese atendida en distintas épocas polas mestras Maruja Estévez e Amelia Latorre. Para a escola de párvulos (nenas) ofrecérase como mestra Celsa Quintela e como sustituta Isabel Fraga. En xaneiro do 1933 e por problemas coas titulares, nomearíase unha interina que sería sustituída xa no 1935 por Carme Cid. A de párvulos (nenos) estaría primeiro a cargo de Modesto Novelle, que pasara do Pósito a esta ao aprobar as oposicións, e logo estivo servida por Manuel Mosqueira Manso desde novembro do 1931. No curso do 1933, Eusebio Taboada pediría a praza por 2.000 pts pondo como auxiliar ao daquela xa case mestre, Bernardino Graña (pai). Ao aprobar este as oposicións neste mesmo ano, pasaría en marzo do 1934 a ocupar a praza de mestre na escola-fundación benéfica “Vazquez” de Ribadavia. Modesto Novelle, na súa marcha para Bueu e como mestre que fora do Pósito de Cangas, recibiría unha homenaxe dos seus compañeiros. Ao xantar co que foi obsequiado asistirían os mestres Vicente Sáez Ruiz (organizador), Vidal de Bustamante, Pío Cribeiro e Felipe Carnicer, contando tamén alí coa presenza do alcalde e do presidente do Pósito.

Durante o acto recibiríase entre outros, un telegrama-felicitación de Bernardino Graña enviado desde Ribadavia e proporíase, algo habitual en datas anteriores, o nome dunha rúa para o homenaxeado, algo co que o espíritu republicano non comulgaba. Xa que logo, a proposta non prosperou e aproveitándose a xuntanza para realizar unha colecta a prol das víctimas do naufraxio da traíña Josefa acaecido había poucos días antes. Outro homenaxeado nestas datas sería o mestre Francisco Mosqueira Manso quen recibiría os parabéns non só das autoridades locais senón tamén da Ximnástica Viguesa (onde expuxera os seus cadros) recoñecendo todos o seu meritorio labor artístico e docente.

Anuncio sobre un donativo para a escola de Coiro.

En Aldán, a escola de Espiñeira (nenas) tivo como mestra a Angelina González; a do Piñeiro (nenos) a Alfredo Iglesias Romay e logo a J. Mª Quinteiro; a de Menduíña (mixta) estaba atendida por unha mestra e a de San Cibrán, última creada na zona, por Pío Cribeiro. En Darbo, a escola de Cimadevila (nenos) estaría atendida por Gumersindo Gastiasoro; a de Balea (nenas) por Teresa Toubes Varela; a do Seixo (nenas) por Elena Reboeiras e a de San Pedro (nenos) por Rosendo Novo. Na parroquia de Coiro, a escola do Espíritu Santo (mixta) tivo como mestre a Víctor Sánchez Martil que logo foi encarcerado en San Simón e asasinado (claudeado) en Marcón. Sendo Largo Caballero ministro de Traballo durante o primeiro goberno republicano, enviaríalle para os nenos da sua escola unha importante cantidade de cartos, zapatillas e mandilóns cuxa presentación se faría con discursos dos mestres, arroupados polos rapaces xa uniformados, subidos no quiosque da música da alameda de Cangas. A escola de Castrillón (nenos) contaría desde o curso do 1934 co mestre Francisco Bouzas Sánchez; a do Cruceiro foi atendida por Amador Pacheco e Vicente Sáez Ruiz, mestre de ideoloxía comunista que foi recluido en San Simón e asasinado en Marcón; a deTrigás por Jerónimo Garrido e a de Coiro (nenas) pola mestra Asunción Rivero que era irmá do párroco. No Hio, a escola do Igrexario (nenas) estivo rexentada primeiro por María Álvarez e logo por Adela Palacios; a de nenos por Vicente Borrás Castell (ata outubro do 1931) e logo por Edelmiro Peón e a de Nerga (mixta) por Olegario Otero. Antes da súa creación oficial desta escola xa existía en Nerga unha escola particular para a cal os veciños solicitarían no 1931 unha subvención municipal. A escola de Pinténs (mixta) estaba rexentada por J. Martínez García e a nova de Donón por Antonio Pardo Quintáns e o auxiliar Feliciano Fernández que percibían 500 pts ao ano.

Ditame da comisión de depuración do Maxisterio.

Ditame da comisión de depuración do Maxisterio.

A represión dos mestres

En Galicia non houbo frente bélico coa rebelión militar-fascista, pero si un estado de guerra que posibilitaba a represión indiscriminada e impune que tamén alcanzaría aos mestres por ser un colectivo moi implicado no establecemento da democracia, das liberdades e da elevación do nivel cultural do país. Por isto, a poucos días despois da sublevación, os mestres xa sufrirían un proceso de aplicación de purgas que na súa maioría implicarían a separación do corpo pero tamén prisión, desterro e incluso a morte por fusilamento ou vil asasinato. Na altura de febreiro do 1937 a Comisión Depuradora do Maxisterio xa levaba investigado a 24 mestres que exerceran en Cangas sendo que nesta altura algúns deles xa foran fusilados ou claudeados (axusticiados) e a maioría depurados. Entanto, os mestres afectos ao soerguemento militar antigobernamental adoitaban dar clases doctrinarias do novo réxime, participando mesmo cos nenos en actos de exaltación fascisto-falanxista. Cabe dicir que en Cangas e cadrando coa caída de Madrid, o incombustible mestre Manuel Mosquera Vidal, ainda en activo e agora moi rehabilitado moralmente, celebraría a devandita efeméride facéndolle cantar himnos fascistas aos nenos da súa escola.

*Mestre e investigador

Compartir el artículo

stats