Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A historia do ensino na comarca

Mestres e escolas en Cangas 1818-1936 (V)

O Ensino durante a República, a estrela das reformas emprendidas

Escola na República. Xerardo

A escola e o ensino durante este periodo vai ser concebido non só como unha función do Estado de atención prioritaria, senón tamén como un instrumento básico na revolución social e formativa que se pretendía. O aumento de mestres, a sua formación e maior remuneración, a creación de novas escolas e a implementación de novas didácticas marcarían as pautas do ensino, chamado instrución nestas datas. Porén, debido á situación económica, a dotación das escolas por parte do Concello xa era máis precaria.

Unha escola pública, obrigatoria, laica, mixta, inspirada no ideal da soliedaridade humana, onde a actividade era o eixo da metodoloxía pedagóxica: Así se pretendía que fose a escola da II República española. De todas as reformas emprendidas a partir de abril de 1931, a estrela foi o ensino e o ministro de Instrución Pública do primeiro goberno republicano, Marcelino Domingo, definiríao como unha nova etapa baseada na unicidade (nenos e nenas) e no laicismo, encamiñados a eliminar a desigualdade máis irritante, máis inxusta e máis perturbadora que existe. Por outra parte, Rodolfo Llopis, director xeral de 1º Ensino, tamén engadiría que non hai revolución só cun mero cambio político ou social. O ciclo revolucionario non remata ata que a revolución non se faga nas conciencias e ese é o labor que tén que facer a escola.

Escola de nenas de Maruja Estévez Arquivo do autor

E así, comeza unha árdua tarefa encamiñada a mudar de raíz unha situación escolar que antes da chegada da República non era moi boa, pois ademáis de haber un 50% de inasistencia ás aulas, o número de alumnos escolarizados non sobrepasaba o 53% da poboación en idade escolar. Nas zonas rurais os cativos participaban nos traballos dos maiores (rozar, pastorear, arar, sementar...) e nas marítimas xa ían pescar desde os dez e incluso menos anos, entanto que as nenas eran explotadas nas fábricas de conservas ou noutras tarefas como atadeiras, cocendo mexillóns... No 1931, á chegada da República e segundo datos oficiais, o número de analfabetos no Morrazo ainda alcanzaba a un 50% da poboación.

A situación dos mestres tampouco era mellor segundo se recolle de diversos testemuños que confirman que no campo e no mar non había máis que mestres maltratados e mal pagados, situación que xa fora denunciada no 1915 por Julián Besteiro quen ademáis engadía a extorsión a que eran sometidos polo goberno pois facíanlles asinar un papel renunciando á metade do soldo (despois de recoñecerlle atrasos adebedados) para poderen cobrar a outra metade. Durante esta época, a situación e formación dos mestres tamén sufrirían un pulo importante mudándose o sistema de acceso á profesión docente cunha proba-oposición de entrada ás Escolas Normais e unha preparación de tres anos despois dos que xa saían con praza fixa. O bo nivel acadado redundaría na mellora da calidade do ensino, feito este que se manifesta máis intensamente a partir do ano 1934 en que comezan a exercer as primeiras promocións.

A comezos do 1933 xa se crearan no Estado 10.000 novas escolas, erguéndose ademáis 1.228 novos edificios. Na provincia de Pontevedra serían 315 as escolas construídas entre o 1931-32 e 501 os novos mestres que se incorporarían entre o 1931 e o 1935. No total de Galicia incrementaríase en 2.000 o número de mestres, supondo estes un 15% sobre o total estatal, superior a media. A mellor formación dos mestres, as xornadas didácticas, os encontros formativos, os Centros de Colaboración e Renovación Pedagóxica, as numerosas revistas sobre o tema, os congresos ou a mesma sindicación dos mestres, conformarían todo un complexo entramado destinado a lograr os fins propostos.

Revistas de maxisterio. Arquivo do autor

A euforia dos primeiros momentos contaxiaría aos mesmos mestres sobre os que se fixo recaer a responsabilidade de que o que eles fixesen nas escolas sería o que había ser a República. Mais, ante esta declaración de intencións, a realidade había ser ben distinta: incrementáronse as escolas, os mestres e a súa propia formación e soldo e aplicáronse métodos pedagóxicos avanzados e participativos, mais o cambio cualitativo non iría parello co proxectado, en parte porque algúns sectores sociais se resistiron a aceptar tan avanzados presupostos didácticos que supuñan para eles unha total revolución educativa. Xa que logo e ante isto, as forzas tradicionalistas e reaccionarias, coa xerarquía eclesiástica á cabeza, habían plantexar unha oposición frontal contra o laicismo, o neutralismo, o estatalismo ou a coeducación de sexos, plantexados polo Goberno. A oposición íase facer cada vez máis recalcitrante e organizada a medida que avanzaba a República, tomando máis folgos sobre todo despois de que o Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes constituíse en xuño do 1933 unha Comisión Mixta Provincial de la Lei de Confesiones y Congregaciones.

Carimbos nas escolas na República. Arquivo do autor

Por outra banda a republicanización dos mestres galegos vai ser lenta e tardía. É cara o 1935 cando unha boa parte dos ensinantes comezarían a amosar abertamente as súas preferencias políticas, primeiro co seu apoio ao Estatuto Galego e despois á Frente Popular. O importante e intenso labor de republicanización social, levado adiante polos mestres nas zonas rurais e mariñeiras, sería no final da República a causa da feroz depuración e represión (60.000 expedentes no Estado) que caería sobre este colectivo que mesmo foi cualificado de pernicioso. De tal xeito demonizarían os fascistas o ensino destas datas que non dubidaron en converter en prisións as escolas, institutos e normais de mestres, ata o de agora adicadas a elevar o ensino e a cultura do pobo.

A situación do ensino en Cangas

Como xa comentamos, desde o ano 1878 en que se anunciara para Cangas un proxecto de escolas para 200 nenos e nenas, pouco se avanzaría neste eido e, ao igual que noutras partes, o ensino seguiría malamente instalado nas escolas completas e incompletas xurdidas da inacabada aplicación da Lei Moyano. Deica 1916 non se volverían a crear novas escolas en Cangas, Darbo e Aldán, sendo ainda insuficientes para cubrir as necesidades escolares do concello e non sería ata setembro de 1931, xa coa República, cando se anunciase a creación de duas escolas máis en Cangas (nenos e nenas) alcanzándose en decembro de 1932 un nivel de infraestruturas axeitado á poboación escolar ao se abriren catro escolas de nenas en cada parroquia e en Cangas unha de nenos e duas de párvulos. Unha vez cumpridos o obxectivos materiais e os incrementos salariais (4.000 pts. de media) a calidade do ensino tamén sufriría un grande impulso ao estaren incorporados os mestres dos pósitos ao ensino público desde 1927. Isto propiciaría a creación da Escola de Pesca o 19 de marzo de 1933 (F. de V. 15-6-2018), data na que o Pósito local lle proporía novamente ao Concello, a construción dun grupo escolar se facilitaba un solar e contribuía cunha mínima aportación monetaria do 1% para a edificación. A pesar das avantaxes ofrecidas para que Cangas contase por fin co devandito grupo escolar, a negativa municipal non fixo máis que evidenciar a mala xestión municipal e a precariedade de fondos que xa arrastraba o Concello e que mesmo no ano seguinte tivo que ser a iniciativa veciñal quen dotase de mobiliario a unha escola de Coiro.

Contodo, ainda que paseniñamente, a intensa acción e implicación docente dos mestres conseguiría ir retirando aos nenos e nenas dos duros traballos do mar e do campo, incorporándoos ao ensino, as máis das veces moi ao pesar dos seus proxenitores. Cara finais do 1935, a imaxe que socialmente se transmite é a de numerosos nenos enchendo as rúas de Cangas cos seus xogos, xa despois da xornada escolar. A práctica do fútbol nas rúas semella ser a actividade preferida dos rapaces, mais por veces son tantos os cristais rachados e os desperfectos que causan que algúns dos rillotes serían mesmo multados polos policías municipais. O número de alumnos entre seis e catorce anos escolarizados na altura de febreiro do 1936 era de 425 en Coiro, 389 en Darbo, 382 no Hío e 328 en Aldán, non contando con datos referentes a Cangas pero coas oito escolas de nenos e nenas, as duas de párvulos e a do Pósito, sobrepasaban en moito os cincocentos alumnos e alumnas.

As escolas e a relixión

As escolas e a relixión Arquivo do autor

As escolas

As escolas con que contaba Cangas a comezos da República ainda non cumprían nen sequera coa Ley Moyano (1857) para unha vila de máis de 5.000 habitantes, a pesar de terse constituído e custeado por conta do Concello as dúas escolas de párvulos para nenos e nenas. Nunha visita do inspector Gerardo Álvarez Limeses ás escolas, certificaría o bo estado das existentes agás unha de Coiro que estaba clausurada. Cara finais do 1932 a Corporación solicitaría unha escola máis para cada parroquia, é dicir cinco, e a construcción dun grupo escolar en Cangas. Para este, tíñase escollido unha finca na rúa da República (Real) propiedade de Perfecto Lavandeira e para facerlle frente ao pago, o alcalde, o síndico e máis o secretario do Conello desprazaríanse a Santiago para solicitar un crédito de 60.000 pts. Outras solicitudes de escolas por parte dos veciños, proviñan de lugares como Nerga ou a Magdalena e ante isto, o Ministerio concederíalle sete escolas a todo o municipio plantexándoselle á Corporación o problema de como dotalas pois non tiña cartos suficientes. A comezos do curso, en setembro do 1933, xa funciona a nova escola de Coiro e outras duas de nova creación en Cangas e San Cibrán-Aldán, todas elas coa súa dotación de bancos. No curso que comezaría no 1934 abriríase outra escola en Donón con sesenta prazas de alumnos solicitándose ademáis un grupo escolar de 12 seccións (unidades) para Cangas, 6 unitarias para Coiro, 4 para Darbo, 6 para o Hío e un grupo escolar de 8 seccións para Aldán. Ao tempo, desde o Concello pídenlle ao Ministerio a supresión da aportación municipal ao mantemento das escolas e mestres “pola extremada pobreza do Concello”, que evidencia unha mala xestión, tendo que recorrer á iniciativa particular para dotar de pupitres e armarios as escolas.

Cara comezos do curso do 1935-36 recollemos algunhas referencias de alumnos universitarios cangueses en Santiago. Este nivel de estudios era difícil de alcanzar nestas datas pois non existían centros de ensino secundario na vila o que implicaba uns importantes gastos para aqueles que tivesen que facelos en Vigo ou Pontevedra. Entre estes estudantes podemos citar a Jesús Santos Sequeiros, Luciano Villar ou Jesús Cordeiro que facían a carreira de mediciña. En xaneiro de 1935 ainda se negociaba con Perfecto Lavandeira a compra dos terreos para a construción do grupo escolar de Cangas e unha vez acordada, a aprobación do proxecto para o mesmo xa coincidirían co mandato do goberno da Xestora Municipal da Frente Popular en febreiro do 1936. O levantamento militar en xullo demoraría a construción do grupo escolar chamado logo Nazaret ata o ano 1963.

Material escolar. Arquivo do autor

A maioría dos locais das escolas, ubicados no mesmo lugar de sempre, non estaban en moi boas condicións, correndo o Concello co seu adecentamento e dotación e mesmo co pago do aluguer da maioría deles. Por este motivo, foron moi frecuentes os cambios na ubicación das escolas, sendo a única de propiedade municipal a do local da rúa Méndez Núñez (logo Casa do Mar), que fora un garaxe, e que máis adiante foi trasladada para situar neste local o Dispensario Sanitario e de Hixiene. Como xa apuntamos, a dotación prioritaria das escolas eran os bancos suministrados polo Concello, ainda que este tamén aportaría libros de actas, mastros e bandeiras e carteis murais (mapas, cadros anatómicos...) de diferente clase. Os libros de texto, tal como os concebimos hoxe, non existían, e os docentes adoitaban usar dun silabario para o ensino da lectura e se había varios facíase en grupo. O encerado e a pizarra individual eran os instrumentos utilizados para a aprendizxe da escritura. Algunhas escolas contaban con algúns libros de lecturas para os alumnos máis avantaxados, procedentes de donacións ou das bibliotecas itinerantes. Neste sentido, o Concello cangués vai adquerir no 1932 o titulado Libro de la Agricultura Regional, impreso en Vilagarcía e que se distribuiría en todas as escolas.

O decreto de maio do 1936, eliminando o ensino relixioso, sería anunciado en Cangas polo inspector da zona José Gabaldón e neste decreto gobernamental prohibíase que os curas, frades e monxas se puidesen adicar a este mester co que o “Colexio da Enseñanza”, único privado relixioso existente, tería que contratar profesorado laico para subsistir.

Libro agricultura 1931. Arquivo do autor

A formación docente

Non imos estendernos neste aspecto pois xa foi tratado exclusivamente (ver F. de V. 21-11-2019) pero resumiremos que a formación dos mestres ainda comezaría en Cangas en marzo do 1933 coa celebración de cursos de actualización do profesorado que facían tamén fincapé no dominio da lingua galega. A finais do curso do 1934 visita as escolas do Concello o inspector de ensino José Gabaldón quen convoca aos mestres a unha xuntanza na Escola de Orientación Marítima para crear un Centro de Colaboración Pedagóxica cos compañeiros de Moaña. Xa desde o 1932 (decreto de maio do 31) tíñanse posto en marcha estes Centros de Colaboración Pedagóxica coa intención de que os mestres de cada localidade se unisen no seu labor e estudasen novos aspectos da realidade escolar. En Cangas, finalmente, non se porían en marcha ata mediados do mes de marzo do 1935 en que se comezan a celebrar unha serie de charlas sobre diversos temas pedagóxicos.

*Mestre e investigador

Compartir el artículo

stats