Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Velas ao vento para Víctor, alma da ría

O encontro de embarcacións de Bueu reúne a máis dunha vintena de tripulacións

Varias das embarcacións navegando onte a vela frente á costa de Bueu. | // GONZALO NÚÑEZ

O XXIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Bueu, organizado por Os Galos, chega hoxe ao seu remate despois dunha semana de actividades, que incluiron exposicións, presentacións, saídas a navegar e na que estivo moi presente a figura de Víctor Domínguez.

As velas e os remos reclamaron onte o seu protagonismo na ría de Pontevedra, que recuperou a alma da navegación máis tradicional. Aínda que nalgún caso tamén incorporaba a axudiña extra dalgún motor foraborda. O XXIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Bueu reuniu onte a máis dunha vintena de barcos chegados de distintos puntos da costa de Pontevedra.

39

XXIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Bueu

As condicións da xornada foron as idóneas para desfrutar dun día no mar e da navegación ao estilo máis tradicional. Este ano o encontro organizado por Os Galos conta cunha gran ausencia: o finado Víctor Domínguez, alma da asociación e da recuperación da navegación tradicional en Bueu. O seu recordo está especialmente presente e onte a primeira das singraduras estivo adicada a súa memoria.

Un dos “barquiños” para lembrar a Víctor Domínguez. | // MANUEL Á.AGULLA

Despois dunha navegación pola ría esta Armada de velas e remos agrupouse para fondear nas cercanías da praia de Banda do Río. Alí estaba o “Chasula”, a bordo do cal ofreceron un concerto Beatriz Martínez e Diego Langarika. As tripulacións arriaron ao mar unha morea de pequenos barcos de madeira con mensaxes lembrando a figura de Víctor Domínguez. Unha particular ofrenda para que a alma do “patrón” dos Galos seguise a navegar pola ría e desexándolle unha boa viaxe.

Os preparativos para largar a rapeta, na praia de Banda do Río. S.Framil

Despois da comida e xuntanza de confraternidade entre as tripulacións en Petís os barcos voltaron a saír ao mar pola tarde. Foi xusto antes de facer unha nova demostración de como se usaba unha arte tradicional de pesca xa desaparecida: a rapeta. Unha mostra que tivo lugar na praia de Banda do Río, entre unha gran expectación por parte de bañistas e visitantes.

O Encontro de Embarcacións Tradicionais de Bueu chega hoxe ao seu fin cunha navegación de despedida ata o ano que vén, no que se cumprirán 25 anos desta celebración ao redor da tradición mariñeira.

Compartir el artículo

stats