Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Coutos pertencentes ó mosteiro de Santiago de Hermelo

O autor narra os deslindes do Priorado de Hermelo dende que se uniran ó mosteiro de San Xoán de Poio en 1548

A documentación dixitalizada custodiada no Arquivo Histórico Provincial. | FDV

O último deslinde perimetral exterior que os monxes bieitos do Priorado de Hermelo fan do seu couto prioral dende que se uniran ó mosteiro de San Xoán de Poio en 1548 e antes da desamortización que provocará a súa desaparición, data de finais do século XVIII, como testemuño pervive o poste en pedra a modo de glorieta coñecido hoxe como a Cruz de Cela (en Foxonabal) que serve de límite parroquial e municipal entre Santa María de Cela (Bueu) e San Martiño de Moaña (Moaña) coas inscricións HLO e a data de 1785 nel talladas, corenta a nos xustos da visita a Hermelo do Padre Sarmiento. ( A verdadeira cruz era o punto anterior na intersección co camiño de terra paralelo á canceira de Broullón no que se asentaba unha laxe agora soterrada cun escabe para unha cruz potenzada que desapareceu no século pasado). A causa deste deslinde fora a intromisión do rector de Santa María de Cela nos límites e propiedades do priorado consignadas no Apeo de 1679-1680. Baixo o amparo de Poio, mosteiro tamén bieito non só se aproveitou para facer inventario xeral dos libros e documentos que se conservaban no seu arquivo, senón tamén se levantou acta permenorizada dos límites exteriores dos dous coutos do directo dominio do Priorado de Hermelo: o de Meiro e o propiamente de Hermelo.

Este documento actualmente custodiado no Arquivo Histórico provincial de Pontevedra na sección Clero baixo o título de Rendas do colexio de San Xoán de Poio, Santiago de Hermelo e Santa María de Simes e o que delas perciben os colonos, posesións e facenda de ditos lugares… Nesta ocasión traemos a análise un documento anterior sobre o mesmo asunto, do ano de 1555 pero que nos achega ós límites interiores de ambos coutos de Meiro e Hermelo custodiado no Arquivo histórico nacional en Madrid na sección clero secular regular incluso no libro de Apeos de bens e rendas do mosteiro de San Xoán de Poio no partido do Morrazo e San Xián de Marín perante o escribán Juan García (Libro 10276), tan só sete anos despois de fraguarse a anexión do mosteiro de Santiago de Hermelo ó de San Xoán de Poio convertido agora en priorado e embaixador deste de todos os bens e rendas que Hermelo viña posuíndo no Morrazo dende 1102, ano da refundación. O documento reza así vertido ó galego:

Coutos de Hermelo e Meiro

Despois do susodito e no Couto de Meiro, freguesía de San Martiño de Bueu a catro días do mes de maio do sobre dito ano de mil cincocentos e cincuenta e cinco anos perante min o dito Juan García, escribán e por diante das testemuñas… o dito Padre Abade dixo que o Couto de Meiro co a el pertencente e o Couto de Hermelo co que dentro deles se inclúe é do Mosteiro de San Xoán de Poio e Santiago de Hermelo, o seu anexo e para averiguar o susdito nomeaba e nomea por testemuñas … ós vecinos dos ditos cotos e pediume … os fixese comparecer diante de min e requixese deles as súas declaracións e logo eu dito escribán fixen comparecer a Pedro de Currás e Fernán de Guimeráns e Gregorio dos Santos e Bastián de Meiro, vecinos do dito Couto de Meiro e comparecidos tomeilles … xuramento en forma debida de dereito sobre un sinal de cruz en que corporalmente cada un deles puxo a súa man dereita a deus e a Santa María sobre as palabras dos Santos Evanxeos os cales xuraron segundo a forma … diante a confusión do dito xuramento dixeron si xuro amén e prometeron dicir verdade estando presentes por testemuñas Juan Franco, veciño de Cela e Juan da Torre, veciño de Beluso… (.../...)

Couto de Meiro //

O dito Bernal González, labrador veciño da dita freguesía de San Martiño de Bueu, testemuña suso dita nomeada polo susodito Padre Abade para o susodito xurando en forma debida de dereito e sendo preguntado polo susodito, dixo e depuxo o seguinte: di a testemuña que o Coto de Meiro cos casares (casales) que nel están e herdades todo elo era e é propio do dito Mosteiro de San Xoán de Poio e os veciños del, vasalos que se mandaban polo dito mosteiro. Os seus mordomos o cal dito Coto de Meiro di a testemuña que oíu dicir a Fernando da Graña e Gonzalo de Santos e Fernán da Portela con quen a testemuña falou e se oíu que eran homes vellos e anciáns de máis de corenta anos os ditos Fernán da Portela e Gonzalo dos Santos ó tempo que morreron e haberá que finaron doce anos?

E o outro Fernán da Portela trinta e cinco anos e o dito Fernán da Graña sería de idade de setenta anos, hai que morreu trinta, os cales dicían e a testemuña oíulles dicir que dito Coto de Meiro limitábase e demarcábase nesta maneira que comezaba no Souto de Canudo e de alí ía ó coto e pedra que se di da Capoeira e de alí á pedra outeiro que se di da Escusa (sic) de Hermelo que é onde está posta a cruz e de alí ó puntal da Serra e de alí á pedra de Vilariño e de alí ó Río de Trabe e polo río abaixo ata o porto do río e de alí á cancela de Fondeada e de alí ó souto de Castrillón e de alí ó dito souto de Canudo onde comezou e que todo o que estaba dentro dos ditos marcos e divisións se nomeaba e nomea o Couto de Meiro.

Hermelo //

Así mesmo, di a testemuña que o coto de Hermelo cos seus montes oíu dicir ós sobre dichos que se limitaba por un poste de pau que estaba onde din Niño de Corbo e de alí que ía á Pedra de Vilariño e de alí ó Puntal da Serra e de alí á Fonte das Bales (sic) e de alí ó Pión de Hermelo que hai sobre o río da “Casa” (caça) hacia Moaña e do pión á Laxe da Cruz e da Laxe da Cruz á Fonte dos Agróns e de alí ó Coto de Pedrousas (Pedrouças) e de alí á Pedra de María Neta. De alí á Pedra Xexide (Jiejide) e de alí ós testeiros de Paradela e de alí ó Coto de Tras Souto e de alí á Carballa de Areas e de alí ó Tombo da Besada que está á vista de Cangas onde estivera o pendón en tempo de guerras e de alí ó Niño de Corbo e que o que incluía e estaba dentro dos ditos límites así casares como herdades e montes del “se llo” goza e se nomeaba o Coto de Hermelo sobre si e goza do dito Mosteiro de San Xoán de Poio e o seu anexo Santiago de Hermelo, señorío e vasalaxe e é todo o que oíu a testemuña segundo dito ten ós ditos bieitos os santos e Fernán da Portela, dixo que é de idade de corenta anos e que non lle empecen nin concorren nel ningunha das outras preguntas xerais que por … non lle foron declaradas xulgadas …

“A verdadeira cruz era na intersección co camiño de terra paralelo á canceira de Broullón”

decoration

Couto de Meiro, Casal de Currás

O dito Pedro de Currás dixo de Fernando de Currás que está ausente testemuña susodito nomeado polo dito Padre Abade xulgando en forma debida e dereito e sendo preguntado polo susodito a teor de dita provisión dixo o seguinte: que o couto de Hermelo co que nel se inclúe casales e herdades e montes e outras cousas e o dito couto de Meiro así mesmo cos casales, herdades e montes e cousas que nel se inclúen todo elo, o un e mailo outro é propio do Mosteiro de Santiago de Hermelo anexo do Mosteiro de San Xoán de Poio e el… por tal debe nomear … así o oíu dicir ó seu pai e ós veciños de dentro dos ditos coutos de máis de ser caseiros dos ditos mosteiros son os seus vasalos así a testemuña dende tempo da súa acordanza a esta parte que será de quince anos e visto que os veciños dos ditos coutos pagan a renda dos casales e herdades e montes e traen e labran ós ditos mosteiros e ás persoas que no seu nome cólleno e obedecen ós mordomos que teñen postos para coller dita renda, pero a testemuña di que non sabe por onde se limitan e demarcan os dous coutos e entre os outros casales hai no dito couto de Meiro hai o casal de Currás en que vive o dito seu pai …

Mesmo dos ditos mosteiros coas súas casas, hortas e herdades e cousas a el pertencentes que son as seguintes: unha casa tellada de morada e un celeiro que está dentro da dita casa máis unha casa co seu lagar e tres cortes colmadas máis dous cortellos de cochiños, máis unha horta e pumar que ten, digo laranxeiras e catro árbores de levar froita máis a herdade do Agro que está pechada sobre si de muro e sebe, leva doce carros de esterco maila eira cunha herdade que estápechada sobre si que leva cinco carros de esterco, máis a herdade da Cova e souto que leva tres carros de esterco e vai entre herdade que trae Fernán de Guimeráns e outro mato que trae Gai dos Santos, máis a herdade das Ameixeiras que leva sete carros de esterco … herdade do Beloso que leva catro carros… herdade de Tomadelas Candieiras … herdade de Covelo… herdade de Barreiros..., Fonteagra…, Foxo…, Fontaíña…, Cortiñal…, Sabugueira,… Casal de Maino onde chaman Muíños…, Coteleiro,… Pereiros …, Rial…, da Pedra…, Mesa de Abade.., mailo Souto do Rial que está plantado de castiñeiros… o cal trae o seu pai co dito casal polo mosteiro e o seu anexo Santiago de Hermelo e por tal lle chama, tena e que isto é verdade. Di que é desas de vintecatro anos e non o asina porque non sabía, Xoán escribán.

*Arquiveiro de Bueu.

Compartir el artículo

stats