Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A dramaturxia galega a combate

Catro autores de distintas xeracións miden mañá uns textos escritos en dous meses

Participantes no Torneo de Dramaturxia celebrado na edición da Mostra de 2021. | PROLIGHT ESTUDIO

O Auditorio de Cangas acolle mañá o VI Torneo de Dramaturxia de Galicia, un evento pioneiro polo que aposta a Mostra canguesa e no que oito actores do Morrazo e a súa contorna lerán, con só dúas horas de preparación, textos elaborados por dramatugos de varias xerarcións como Laura Porto, Raquel Castro, Cándido Pazó ou Antón Coucheiro. O público será o encargado de decidir que autor gaña nun espectáculo con estética de combate de boxeo.

A XXXIX Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas sorprenderá mañá ao público cunha arriscada aposta por poñer en valor o traballo dos dramaturgos galegos e dar a coñecer a novos autores emerxentes. No escenario principal do Auditorio cangués desenvolverase o VI Torneo de Dramaturxia de Galicia, que enfrontará os textos de catro autores de distintas xeracións. Trátase da xoven Laura Porto, de Raquel Castro, do recoñecido Cándido Pazó e de Antón Couceiro “Cou”. Será o público o que teña que decidir, sen coñecer a autoría de cada peza, quen resulta vencedor. Para darlle máis épica, o escenario converterase nun ring de boxeo e a actriz de directora Esther F. Carrodeguas será a presentadora e mestra de cerimonias nun evento organizado tamén polo dramaturgo moañés Santiago Cortegoso.

Por vez primeira este torneo ubicarase no escenario principal do Auditorio, tras celebrarse as primeiras edicións no local cangués Salason e pasar despois á sala de exposicións do espazo cultural.

O proxecto, que conta coa colaboración da primeira asociación profesional da dramaturxia galega, “DramaturGA”, terá a participación de oito actores e actrices do Morrazo e a súa contorna que lerán os textos (Casilda Alfaro, Salvador del Río, María Francelina, Antonio Durán “Morris”, Andrés Giráldez, Avelino González, Nuria Guillón e Eva Vila). Os catro autores tiveron dous meses para escribir una peza de 15 minutos cada un pensada para a representación por dúas personaxes. Tanto escritores como actores descoñecen ata dúas horas antes do torneo de mañá a distribución dos textos e das personaxes “así, os autores víronse forzados a escribir sen ter en mente a un actor en concreto”, apunta Cortegoso. Os encargados de representar as pezas terán só dúas horas para ensaialas e as actuacións ante o público comezarán 22.30 horas de mañá.

Os asistentes, sen coñecer o nome do autor de cada peza, terá que votar pola gañadora. O autor galardonado recibirá un trofeo ao final desta edición da Mostra. Este pioneiro Torneo de Dramaturxia consolídase este ano como unha aposta firme dentro do grande evento teatral cangués co obxecto de “dar a coñcer a novos talentos e crear un nexo directo entre as autoras e o público”.

O obxectivo é dar a coñecer aos talentos emerxentes e conectalos co público

decoration

Como en anos anteriores, os organizadores só lle dan unha indicación aos autores, que pasa por ser unha idea como punto de partida a obra que deben escribir. Nesta edición trátase de “Evasión da realidade”, un tema que debe tocarse tanxencialmente ou de xeito central nos catro textos. O ano pasado o punto de partida era “A Utopía” e o gañador foi o texto de Anxo Manoel. Vai dous anos o galardonado foi Roberto Salgueiro.

A grande acollida de público das edicións anteriores animou aos organizadores a ampliar o espazo de representación nesta edición. Os autores dos textos que entrarán a competir son de distintas xeracións do teatro do país. Laura Porto, nada en 1992, publicou en 2021 “O senso da floración” e colabora coa compañía Amorodio.

Raquel Castro, de Salvaterra, é presidenta da Asociación Teatral de Alxén dende 1999 e todas as súas obras están destinadas a ser presentadas polo grupo de teatro infanto-xuvenil “Ata sempre”.

Cándido Pazó xa conta cunha dilatada traxectoria e varios premios María Casares e Max pola súa escrita. Antón Coucheiro, pola súa banda, é actor, director, dramaturgo e, sobre todo, “pallaso”. Leva 20 anos traballando en teatro, cine e televisión.

O pulo aos dramaturgos galegos que participan tamén queda claro polo feito de que os catro textos que se representen mañá serán publicados nun libro por parte de Edicións Positivas.

A performance “Salón des Refusés”, esta tarde na Capela do Hospital

O teatro de rua da xornada dominical de onte estivo marcado pola actuación de Desastronauts, co seu espectáculo “Somos Circo”, que levou aos Xardíns do Señal o talento de Raquel Feroz, vibrando sobre o seu trapecio e a Grisho, o “Gran Ditador” do circo. Ao longo do día de hoxe a Mostra de Teatro de Cangas colle folgos para encarar a súa etapa final de espectáculos, que se prolongarán ata a noite do vindeiro sábado 9 de xullo. De todos os xeitos, Cangas non queda orfa de actividades e a Capela do Hospital acolle o obradoiro “Salón des Refusés”, que se prolonga ata o mércores. Comezará a partires das 16.00 horas.

Compartir el artículo

stats