Entrevista | Alberte Ansede Estraviz Secretario da Fundación e Casa-Museo Manuel María
“A Casa-Museo Manuel María reúne todo o que constituíu o mundo do escritor”
A Fundación que vela polo legado do escritor recibe este domingo o Premio Xiria ao Labor Teatral na 39 Mostra que comenza este venres

Alberte Ansede ante a Casa-Museo Manuel María. / Fdv
A Fundación Manuel María de Estudos Galegos constituíose en abril de 2007, dous anos despois da morte do escritor, sendo declarada de Interese Galego nese mesmo ano. propoñíase como obxectivo primeiro a adquisición da casa natal do escritor co fin de reunir alí todo o seu legado. O proxecto, presidido pola compañeira de vida do escritor, Saleta Goy, culminou en setembro de 2013 coa inauguración da Casa-Museo Manuel María. Este domingo recibe o Premio Xiria ao Labor Teatral na XXXIX Mostra de Teatro de Cangas en recoñecemento pola creación do Certame de Proxectos Teatrais para Compañías Profesionais. Ademáis de promover a produción da obra dramática de Manuel María e contar cunha dotación económica, o certame realiza unha labor de produción que garante ao proxecto gañador a distribución nos concellos que colaboren co mesmo O secretario da Casa-Museo, Alberte Ansede, ten previsto recoller o premio no Auditorio de Cangas.
–Que supón este premio?
–É un recoñecemento moi importante e recibímolo con grande alegría e un pouco de sorpresa no primeiro momento. Logo, ao reparar en que o premio era concedido por quen coñece ben o mundo do teatro e da organización cultural, supuxemos que poderían ter valorado o moito traballo que hai detrás da nosa iniciativa e o alcance real que esta pretende. A verdade é que vendo as 35 persoas e institucións que foron galardoadas nas edicións anteriores, o premio énchenos de orgullo pois coido que non se podería entender o teatro galego sen o seu labor.
–Como xurdiu o certame?
–Foi un proxecto moi sopesado por nós. É ben sabido que Manuel María é coñecido fundamentalmente como poeta, algo natural pois é neste xénero no que publicou 50 obras. Esta produción tan abondosa -que tivo e sigue tendo bastante difusión- quizais ocultou a importancia do teatro do autor pois Manuel María deixounos nada menos que 35 obras neste xénero. Pos iso desde a Casa-Museo quixemos dar a coñecer esa vertente oculta do escritor, primeiro publicando a obra dramática -que estaba dispersa, esgotada, ilocalizábel ou inédita- e logo tratando de que se levase á escena. Aquí é onde aparece a iniciativa do Certame que considero que é moi orixinal pola súa fidelidade ao principio comúnmente admitido de que a esencia do teatro está na representación, que non abonda o texto nin a montaxe senón se contrastan con un público.

A fachada da casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei, en Lugo. / Cedida
–A que se refire?
–A que hai premios no ámbito do teatro destinados á creación de textos ou á produción de espectáculos, mais non había ningún que premiase con funcións da obra, que é o fundamental para unha compañía e para o público. Deste xeito o premio consiste en que nós achegámoslle á compañía gañadora 4.000 euros como axuda modesta á produción, mais ese proxecto ten garantidas xa de inicio un número de representacións importante que na primeira edición foron 26 e na segunda 30. Iso é posíbel grazas ao apoio de outros tantos concellos e Deputacións que garanten que o proxecto gañador se represente no seu ámbito territorial. “A lúa vai encuberta”, obra premiada na última edición, leva arredor das 50 representacións.
–Este ano cúmprese a terceira edición, algunha novidade?
–Si, introducimos unha variación nas bases para recoller o feito de que o Centro Dramático Galego tamén pasa a apoiar o Certame comprometéndose a co-producir o proxecto gañador. Así mesmo, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia tamén adquire o compromiso de incluíla na súa programación.

Auditorio que alberga a casa-museo coa imaxe de Manuel María. / Cedida
–Hai que facer moitos números para manter unha casa-museo coma esta de Manuel María?
–Toda institución ten que facer números para sacar adiante os seus proxectos. Quizais a diferenza é que, quenes traballamos na cultura de base, ademais de facer os números con decimais, temos que traballar moito en “unir vontades”. A Casa-Museo Manuel María desenvolve unha cantidade de iniciativas e proxectos que van moito máis aló do orzamento concreto, dos números, pois hai unha achega en traballo voluntario que é dificilmente cuantificábel. Son moitas as persoas que, ao visitar a casa, se sorprenden de que sexamos quen de soportar un equipamento cultural deste tipo e con unha actividade tan diversa e extendida.

Outra estancia da casa. / Cedida
–Canta xente pasa ao longo do año?
–Desde o comezo temos diversificadas as visitas. As escolares, con cita previa, poden acudir calquera día e a calquera hora de xeito gratuíto. As de grupo numeroso -centros da terceira idade, obradoiros da memoria, clubs de lectura, asociacións culturais..- tamén o deben facer do mesmo xeito. As outras persoas pódeno facer os sábados e domingos aínda que, se contactan previamente, procuramos facerlle unha visita personalizada. Todas as visitas son guiadas e no seu conxunto andamos arredor das 6.000 persoas..
–Que ofrece a casa-museo a quen a visita?
–Alí reunimos todo o legado do escritor: a súa biblioteca de máis de 12.000 volumes, todas as súas obras orixinais, a obra pictórica que os máis significados artistas da época lle agasallaran, a inmensa documentación que el reuniu ou xerou (cartas, manuscritos, fotos, vídeos, postais, mecanoscritos...), obxectos e coleccións persoais curiosas... En fin, todo o que constituíu o seu mundo e que, afortunadamente, non se dispersou pois a Casa-Museo non tardou en constituírse despois do falecemento do escritor. Tanto para quen coñece a obra de Manuel María como para quen non, a visita é unha experiencia emotiva con unha parte da nosa historia e con unha persoa que a protagonizou de xeito importante. Ademais, temos a sorte de contar con unha contorna que vale moito a pena visitar e que é un bon complemento da Casa-Museo.

Legado do escritor que pode verse no museo. / Cedida
–Como lembra a Manuel María?
–Como unha persoa con unha ética tremenda e con un grande equilibrio entre as súas firmes conviccións ideolóxicas e o seu sentido “amábel” da vida. No plano persoal era moi afábel, de fácil conversa e un verdadeiro sabio con quen se aprendía moito.
–De vivir, que cree que diría da política actual?
–Coido que coñecín bastante ben a Manuel María e trateino moi especialmente nos últimos dez anos nos que residiu na cidade da Coruña. Creo que tamén coñezo aceptabelmente a súa amplísima obra. Mais de ningunha maneira me atrevo nunca a dicir o que pensaría el dunha cousa concreta. En calquera caso é claro que a súa traxectoria no plano político está marcada por un fondo compromiso no sentido nacionalista. No plano literario, el mesmo dixo que tratara de percorrer todos os camiños que a vida puxo diante del. Por tanto, produción ampla e diversa. A partires diso, é mellor que cada quen saque as súas conclusións.
Suscríbete para seguir leyendo
- La pareja de Feijóo pide una concesión hasta 2037 del acceso desde su casa a la playa de O Con
- Dos investigados más en relación con la detención del edil de Deportes de Cangas
- Un herido tras volcar su coche en la salida de la AP-9 hacia Moaña y Vilaboa
- Eugenio González: «Tan tranquilo estoy que voy a ver el partido del Cangas»
- Más construcción en Moaña con otro edificio en Cabanillas
- Un conductor herido en el vuelco de su coche bajo el puente de Rande
- El Registro de Propiedad cambia de calle
- Trasladan en taxi radiadores al PAC de Bueu tras quedarse sin calefacción