Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Música e humor para exaltar o galego

Público infantil que abarrotou o recinto do auditorio de Cangas. GONZALO NUÑEZ

Música e humor nun espectáculo infantil co galego como protagonista. Iso é o que ofrece o Correlingua, unha iniciativa que onte se achegou a Cangas para contar cunha amplísima participación de dez centros de toda a comarca, con preto de 670 persoas entre alumnos e profesores.

“O galego conéctanos con cousas boas e fermosas, con xente talentosa e intelixente. Aproveita que aínda podes...e Fálame!”. Deste xeito remata o manifesto do Correlingua, elaborado polo alumnado de diferentes centros da comunidade autonómica e lido onte por tres estudantes canguesas nunha nova edición deste espectáculo, que foi acollido por un auditorio de Cangas cheo ata a bandeira.

O Correlingua reúne en Cangas a preto de 670 alumnos e mestres de dez colexios

decoration

O recinto quedou pequeno para albergar aos cerca de 670 asistentes, entre alumnos e profesores, que tiveron a ocasión de disfrutar de dúas horas cheas de música, maxia, humor e amor polo galego. Alumnos de primaria do CEIP Reibón, CEIP Seara, CEIP Domaio, CEIP Abelendo e da Escola Infantil de Verducedo (todos eles de Moaña); do CEIP O Hío, CEIP Espiñeira, colexio Compañía de María e CEIP San Roque de Darbo (Cangas); e do CEIP Montemogos de Beluso (Bueu) participaron con entusiasmo nunha iniciativa conducida inicialmente por Fran Rei, o encargado de exercer como mestre de cerimonias.

Un momento da actuación de Pablo Díaz e banda. GONZALO NUÑEZ

Rei desenvolveu un monólogo que serviu para presentar o espectáculo, alternando o seu discurso con xogos de maxia e moito humor, todo encamiñado para facerse cun público tan esixente como agradecido, formado por escolares de ata 12 anos de idade. Pero moi cedo conseguiu o seu obxectivo, espertando sorrisos tanto na platea como no anfiteatro, permitindo que se quecesen motores para o prato forte da xornada. Ese chegou co concerto de Pablo Díaz e a súa banda, cunha selección musical adaptada ao público, para que poidese participar nas cancións e multiplicar o seu goce.

Ao remate os rostros dos nenos reflectían o éxito da xornada, correspondéndose cunha edición do Correlingua que recupera folgos despois de dous anos marcados polas restriccións da pandemia da Covid-19, cunha participación cada vez máis importante dos centros educativos.

Compartir el artículo

stats