Entrevista | María Torres Directora de Elefante Elegante e protagonista de “Dreaming Juliet”

“O amor romántico necesita transformarse para sobrevivir e para iso hai que ser sabio”

María Torres e Gonçalo Guerreiro, uns Romeo e Xulieta actuais.   | // KINOGRAFÍAS

María Torres e Gonçalo Guerreiro, uns Romeo e Xulieta actuais. | // KINOGRAFÍAS / david garcía

A compañía Elefante Elegante presenta no Auditorio Xosé Manuel Pazos de Cangas “Dreaming Juliet”, unha particular revisión de “Romeo e Xulieta” de Shakespare. Unha obra coa que recibiron un premio María Casares e coa que percorreron miles de quilómetros por escenarios e festivais de toda España e que incluso chegou a cidade alemana de Nuremberg. Hoxe estarán en Cangas ás 20.00 horas.

A obra que presentan no Auditorio de Cangas está inspirada en “Romeo e Xulieta” de Shakespeare, nunha situación na que os dous amantes non sufren o tráxico final do texto orixinal. Cal é a orixe desta montaxe de Elefante Elegante?

Gonçalo Guerreiro [director de escena, actor e músico da compañía] e máis eu tiñamos vontade de falar dun dos tema máis importantes das nosas vidas: o amor. Concretamente o amor na parella e as dificultades para a súa supervivencia ante os desafios vitais e as adversidades do mundo contemporáneo. “Dreaming Juliet” presenta unha poética universal da paixón. Acompaña a relación de Romeo e Xulieta desde o momento en que se coñecen, retratando con ironía e humor o día a día da parella, o parto, a maternidade, a paternidade, o traballo e a familia. A nova trama referénciase no paso do tempo, desconstrúe o patetismo absurdo das relacións afectivas e revela o fondo tráxico que a realidade humana moitas veces transporta en si mesma.

Un momento dunha representación de "Dreaming Juliet", de Elefante Elegante.

Un momento dunha representación de "Dreaming Juliet", de Elefante Elegante. / Kinegrafías

–Nesta ocasión o principal obstáculo a ese amor entre as personaxes non é a rivalidade entre os Montesco e os Capuleto, senón a propia vida.

–Ao contrario que no orixinal Romeo e Xulieta, que eran adolescentes, no noso caso o que se produce é un encontro entre dúas persoas adultas que sinten estar ante a derradeira oportunidade de atopar un amor duradeiro, definitivo e sorprendidos polos sentimentos apaixoados viven ilusionados nun enamoramento que parece infinito, mais que non o é.

–Pódese entender a súa revisión de “Romeo e Xulieta” como unha maneira de cuestionar e poñer en tela de xuízo ese “mito” do amor romántico e idealizado que tanto dano fai?

Exactamente. O amor romántico, esa fase de falta de apetito, as bolboretas na barriga, esa de loucura amorosa e desenfreo teñen moito que ver con asuntos hormonais. De feito o amor romántico faime pensar nos globos de helio que suben cara o ceo e de súpeto estoupan e desaparecen completamente. Creo que son fases vitais, cada unha co seu interese. O amor romántico para sobrevivir ten que tansformarse, ir máis alá, mais para dar este paso hai que ser sabio e iso é complicado (risos). Escoita, xenerosidade, límites, espazo persoal, conciliación exitosa… e coidados. Paréceme que o amor é como unha fermosa planta que precisa auga e luz en equilibrio, boa terra... No momento en que damos por feito que como está bonita sempre vai a estalo, abrimos a porta do fin.

–Sen ánimo de facer un spoiler, como acaban estes Romeo e Xulieta contemporáneos? Triunfa o amor de verdade, que non o idealizado, ou é a desilusión o que acaba prevalecendo?

–Certamente enfróntanse ao fracaso, pero tamén a unha apertura, á esperanza da persoa que cae e se levanta para avanzar outro cacho de camiño. Nós non temos respostas, non nos cumpre a nós moralizar e dicir o que está correcto ou apostar por solucións milagreiras. O que queremos é compartir a idea de que de cando en vez o camiño é tortuoso, pero moitas veces paga a pena a paisaxe. Gústanos a idea de que as persoas saian do teatro non con respostas, senon con máis preguntas.

–A obra orixinal de Shakespeare formaba parte do seu conxunto de traxedias. Esta revisión de Elefante Elegante, como se podería encadrar?

–“Dreaming Juliet” non ten para nada o ton de traxedia do orixinal, o pesimismo da posta en escena é apenas aparente e permite poñer en valor a dimensión cómica da realidade amorosa sen deixar de salvagardar o núcleo fundador das relacións humanas.

A representación inclúe danza e música.

A representación inclúe danza e música. / Cristina Astorgano

–En todo caso, a súa montaxe ábrese a outras formas de expresión, como a música en directo ou a danza.

Si, ten unha linguaxe visual asentada no teatro de movemento, na música interpretada en directo e na danza. O logro da posta en escena creo que é que conseguimos que todas estas linguaxes flúan harmoniosamente nunha proposta compacta. A fragmentación das linguaxes é sempre un perigo das pezas multidisciplinares.

–Se Shakespeare tivese a ocasión de ver a revisión que fan da súa obra, que cren que podería pensar?

–Na peza orixinal Romeo estaba perdido de amor por Rosalinda o mesmo día que coñeceu a Xulieta. De feito, uns parágrafos antes de coñecer a Xulieta ainda dicía que quería morrer de amor por Rosalinda. Shakespeare xa sabía hai 500 anos o que era o amor líquido… Aínda que do orixinal gardamos apenas o punto de partida e empregamos moi pouquiño texto xa que a nosa é unha creación eminentemente visual, creo que desfrutaría da nosa proposta, que desborda amor e respecto pola súa obra.

–O que si é certo é que “Dreaming Juliet” está gozando dunha boa acollida e incluso recibiron un Premio María Casares. Como valoran ese bo recibimento da súa proposta?

O espectáculo ten tido unha recepción espectacular. Impresioname e encheme de satisfacción ver que lle interesa igualmente tanto aos especialistas do movemento e da escena como a persoas maiores a adolescentes. Tivemos unha xira moi potente: o Festival Internacional de Badajoz, o Palacio de Festivales de Cantabria, Xixón, Eibar e incluso Nuremberg, en Alemaña. Desde o outono pasado fixemos máis de 14.000 quilómetros e os “elefantes” estamos moi contentos de vir pechar o ciclo de primaveira da programación do Auditorio de Cangas. Vai ser unha festa!

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents