Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Biblioteca de Madeiras do Mundo dá outro estirón

O taller de Agustín Bastón en Rodeira incorpora 23 exemplares á colección, que estará aberta ao público polas Letras Galegas

Algunhas das 23 novas incorporacións á orixinal colección artística. | // G.N.

Arte, coñecemento, ecoloxía, pensamento, poesía ou diversión florecen cada mes de maio no Eco Espazo da Madeira que o artesán Agustín Bastón ten en Rodeira e que alberga e ve medrar a Biblioteca de Madeiras do Mundo, un proxecto que puxo a andar en 2015 con obras propias e alleas plasmadas sobre libros de madeira. Unha idea orixinal e, que se saiba, única para celebrar as Letras Galegas e que incorpora 23 exemplares nesta edición –ata acadar xa as 183– que estará aberta ao público desde o luns, día 17, en horario de mañá e tarde agás os domingos, que só se ofrecerá en sesión matinal.

Ao “grito” de Edvard Munch remiten dúas das obras recén chegadas, unha do actor Víctor Fábregas (“Os Tonechos” da TVG), coa mensaxe “alguén me dixo algunha vez que había que saber escoitar a madeira”, neste caso cerdeira de Santa Lucía, e outro da viguesa Beatriz Barciela, que aflora sentimentos en madeira de liquidámbar, e convida: “Hoy te doy mi alma mientras tú me muestras la tuya”.

Agustín Bastón, cunha das obras que poderá verse no seu taller de Rodeira. | // G.N.

De África ven o ébano (ebanista ven de aí) que utiliza a profesora e galerista Sara Pérez Bello na súa “Resistencia matriarca”, envolveita como agasallo en fío de ouro; arte didáctica en teixo de Beatriz Cardoso con “O caruncho da madeira”; pezas en guayacán, fumo bravo ou vimbieiro de Agustín Bastón que son arte en si mesma, sen a penas intervención; un retrato de homenaxe a Rosalía de Castro en larix decidua; unha fotografía difuminada de Ana Fernández sobre angelín pedra de Brasil ou unha porción de madeira de ameneiro rescatado, escachado, nunha ladeira en Maderuelo son outras das aportacións á colección.

A artista María Fortes opta por reproducir a portada do libro “La nación de las plantas”, de Stafano Mancusa sobre un exemplar de castaño de Indias talado na Gran Vía de Vigo; o arquitecto Rafael Oliveira elixe un tronco de limoeiro para unha representación orográfica sobre os aneis de crecemento da especie; Joaquín González traballa “el amor” sobre madeira de alcanfor e o pintor francés Mois Dkoff escolle a madeira africana akoga para decoralo, en contraste, cunha colorista sobresolapa.

As novas aportacións complétanse con catro poemas visuais de Xosé María Álvarez Cáccamo e algunhas que están en camiño, como a do reporteiro Antón Leiro en olmo negro e as dos mestres Alberto Pena, realizada en madeira de quebracho, e Paloma Llorente en cercis siliquastrum ou “madeira do amor”, simbiose que brota e que se ofrece nesta orixinal biblioteca en Cangas.

Compartir el artículo

stats