O recoñecido libro “A lingua das bolboretas”, de Manuel Rivas, chega hoxe ao Auditorio de Cangas en formato de adaptación teatral. É unha montaxe da compañía Sarabela Teatro e que foi premiada con catro galardóns nos Premios María Casares. A función será a partir das 20.00 horas, con entrada de 5 euros.
–Coa adaptación de “A lingua das bolboretas” Sarabela Teatro celebra o seu 40 aniversario. Como foi o camiño ata chegar aquí?
–Semella que foi onte. Hai moito de paixón, de convencemento, de gozar dun equipo sólido co que contar cando as forzas fraquean. Aínda queda moito daquela “panda” que no marco da Universidade Laboral de Ourense sentiron a chamada do teatro da man de Ánxeles Cuña Bóveda, quen segue sendo a nosa nai teatral. Mantennos xuntos ao longo destes anos a crenza de que o teatro é necesario para construir cidadanía, para espertar as conciencias. Non entendemos o teatro doutro xeito que non sexa ese compromiso co que nos rodea, en comunicación cos nosos espectadores.
–Con esta xa van catro adaptacións de textos ou obras de Manuel Rivas, ao que consideran o seu autor “fetiche”. Que atopan nos textos de Rivas para que sintan a necesidade de levalos a escena?
–Realmente foron tres, xa que “O heroe” é unha peza que Rivas escribiu para nós. Un luxo tremendo no que a complicidade con Ánxeles Cuña tivo moito que ver. Para nós volver a Rivas é como volver a casa: conmóvenos ese xeito tan seu de describir o máis marabilloso da humanidade, pero tamén o máis arrepiante. Ese xeito seu de sinalar os perigos da “suspensións das conciencias” –como escribe en “O lapis do carpinteiro”– ten moito que ver coa idea que nos temos do teatro e de calquera outra manifestación que se proxecta cara os demais. “A lingua das bolboretas”, “O heroe”, “Os libros arden mal” e agora “A lingua das bolboretas” son títulos que brillan na nosa traxectoria e dan conta de quen somos como compañía.
–Nesta ocasión escolleron “A lingua das bolboretas”, unha novela que xa foi levada ao cine con Fernando Fernán Gómez como o mestre don Gregorio e con José Luis Cuerda como director. Que foi o que valoraron para preparar a adaptación teatral?
–Houbo moito de homenaxe nesta decisión a Manuel Rivas e a José Luis Cuerda, que acababa de falecer e que tanto tivo que ver na súa vida con Galicia. Veunos ás mans e a decisión foi unánime. Queríamos volver traballar con Gonçalo Guerreiro, que xa nos dirixira en “Crónicas do Paraíso”, ese xeito delicado e humán de tratar cada tema acaía perfectamente coa “A lingua das bolboretas” e contabamos coa excelente sintonía entre Gonçalo e Fernando Dacosta, responsables da adaptación.
–Como foi o proceso para elexir ao elenco que da vida a esta historia?
–Cada peza demanda un elenco aínda que nos como compañía somos un equipo estable tanto en dirección como no artístico. Amais de Ánxeles na dirección, Sarabela é Fernando Dacosta, Elena Seijo, Sabela Gago e eu mesma. Agrádanos moito contar con actores e actrices para reforzar o equipo e facémolo sempre que podemos: axuda a revitalizarnos e seguir aprendendo do seu talento. No caso de “A lingua das bolboretas” non había fallo xa que a medida que avanzaba a escrita era claro que este reforzo do que falamos tiña nomes e apelidos: Fran Lareu e Josito Porto.
–Desgrazadamente hai moitos aspectos desta obra que hoxe en día volven a estar ou seguen vixentes: o medo, o discurso do odio, a represión ou minusvalorar o papel da educación e o ensino. É un momento acaído para levar a escena “A lingua das bolboretas?
–Claro que si. O vigor desta peza aséntase na necesidade de rescatar á humanidade fronte o medo e ese discurso de confrontación permantente. É tan importante mirarnos uns a outros, recoñecéndonos como iguais e atopándonos nas nosas diferenzas. Claro que é unha peza que fala da memoria histórica, da oportunidade perdida que supuxo o golpe militar, daquela xeración que cría no ensino como alicerce no que asentar o futuro e de todo o que perdemos. Pero ao mesmo tempo os xornais devólvennos uns titulares arrepiantes… Parecería que pouco aprendemos e que condenámonos a repetir a historia.
–Cal é o papel de Manuel Rivas neste proceso?
–A primeira vez que lle pedimos permiso para levar unha obra súa a escena foi con “O lapis do carpinteiro” . Nese primeiro encontro estaban Ánxeles, Fernando e a nosa Begoña Muñoz e a súa resposta foi: “Alá vós!”. Neste caso, no que entrelazamos o relato de “A lingua das bolboretas” co de “A traxectoria do balón”, sorprendeulle moito a proposta. Cando nos acompañou na estrea insistía en como esta opción outorgaba voz á mulleres e unha coralidade aínda maior. A él encantoulle e para nós é un agasallo tremendo ter a complicidade e a liberdade que só pode dar un autor da súa altura e humanidade.
–A montaxe vén de recibir recoñecementos importantes, como catro Premios María Casares. Como reciben eses galardóns e o recoñecemento do público, que supoño que é o máis importante?
–Nas primeiras representacións estabamos realmente sorprendidos coa resposta do público. Non pensamos que esta historia estaba tan presente no imaxinario colectivo. A reacción dos espectadores está sendo incríble e queremos seguir alimentando esta criatura para siga medrando forte e lucida. Así que hoxe, que estaremos no Auditorio de Cangas iremos a por todas, sen dúbida. Claro que os premios son importantes, sobre todo cando veñen dos compañeiros e recoñecen a esta peza como Mellor Espectáculo, Mellor Dirección e Mellor Texto Adaptado. E despois, Fran Lareu que fai un traballo excepcional.