Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O ensino secundario ergue de novo o pano

Unha edición anterior da Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo. Santos Álvarez

O Auditorio de Cangas acolle hoxe o retorno da Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo tras dous anos de ausencia por mor da pandemia sanitaria. Un regreso nunha única xornada e con catro obras de teatro, tanto en horario de mañá como de tarde.

A actividade previa á pandemia sanitaria do COVID-19 vaise recuperando paseniñamente. Un dos eventos que retorna é a Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo, que está a piques de cumprir o seu primeiro cuarto de século. Unha idade que xa tería superado se non fose polo dichoso virus. Nesta ocasión a mostra teatral vaise concentrar unicamente nunha xornada e centralizada no Auditorio de Cangas. Polo seu escenario pasarán os grupos de teatro dos institutos María Soliño, Johan Carballeira, As Barxas e do Colexio Eduardo Pondal, con funcións en horario de mañá e de tarde. Pola mañá a entrada será gratuíta e destinada ao alumnado, mentras que pola tarde será aberta ao público en xeral e cunha entrada de 3 euros.

A responsabilidade de erguer o pano por primeira vez tras a pandemia será para o Obradoiro de Teatro María Soliño de Cangas, que ás 10.00 horas presenta “A sombra misteriosa” baixo a dirección de Xoán Carlos Riobó. Trátase dunha divertida obra na que a A Guía, un ser que pertence ao mundo das sombras, acude a pedir axuda a tres rapaces que xogan na casa nun día de tormenta.

O cartel deste ano da Mostra de Teatro do Ensino Secundario.

O cartel deste ano da Mostra de Teatro do Ensino Secundario. Uxía Pazo Coya

A partir das 11.00 horas será a quenda do Grupo Comediantes Anónimos do IES Johan Carballeira de Bueu, que porá en escena “Román e Ximena”. Trátase dunha adaptación ao galego dun texto de Olga Margallo e Antonio Muñoz de Mesa e que estará dirixida por Fran Paredes e Rosa Domínguez, que se encargou da tradución ao galego.

O grupo de teatro do IES As Barxas de Moaña presentará a partir das 12.00 horas “Dende adentro”, que é unha adaptación de “Paz con Paz”, de Esther Trozzo, e que conta coa dirección de Giselle Tenorio. Unha reflexión sobre a nosa realidade, na que ademais de comprensión, respecto ou amizade tamén existen a envexa, o egoísmo ou a humillación.

A xornada de mañá rematará ás 13.00 horas coa montaxe de “Vivindo a morte” do Colexio Eduardo Pondal. Trátase dunha “breve, tola e irreflexiva” comedia que está inspirada no coñecido relato “Memorias dun esquelete” de Daniel Castelao. A obra que se presenta hoxe é unha creación colectiva coa direción de José Ángel Currás.

A XXIV Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo voltará ao Auditorio en horario de tarde: “Vivindo a morte” ás 18.30 horas; “Dende adentro ás 19.30 horas; “Román e Ximena” ás 20.30 horas e “A sombra misteriosa” ás 21.30 horas.

Cartel da Mostra

A recuperación desta mostra de teatro viu acompañada do concurso entre o alumnado dos centros participantes para o deseño do cartel. Nesta ocasión a gañadora foi Uxía Pazo Coya, do colexio Eduardo Pondal, e o xurado estivo composto polos artistas Lito Portela e Xavier Ríos.

Compartir el artículo

stats