Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Día Internacional dos Traballadores

Contrato mariñeiro no século XVIII

O investigador fai referencia ao convenio asinado entre mariñeiros de O Hío e Aldán co armador coruñés Pedro Marich

Praia Vilariño sobre 1941. Arquivo do autor

Co nome de traíña designamos ao aparello de cerco empregado antigamente para a pesca da sardiña. Existen numerosos traballos de investigación sobre as distintas artes e aparellos de pesca nas rías galegas. Podemos dicir que este aparello utilizouse no século XVIII nunha época na que as fábricas de salgado estaban maiormente explotadas por fomentadores cataláns, dos que aínda se conservan numerosos apelidos en toda Galicia: Massó, Ferrer, Bolívar, Curbera, Lluch (Lluque), Galup, Arnaud, Fábregas, etc. Eles, os cataláns, introduciron este método ou arte de pescar sardiña en Galicia, pois a cantidade de peixe recollido ía incrementarse considerablemente. No ano 1763 edifícase no Hío a fábrica de salgado no lugar denominado A Moimenta, síntoma de que a pesca, sobre todo da sardiña, estaba nun momento extraordinario.

Peirao da Testada no Hío, probablemente do s.XVIII. Arquivo do autor

Queremos facer referencia aquí aos contratos ou convenios asinados cos traballadores, pondo por exemplo o do firmado entre varios mariñeiros do Hío e de Aldán co armador Pedro Marich, veciño da Coruña, segundo o protocolo notarial de José Benito Bermúdez de Castro (A.H.P.Po. Ca-1445 ).

Naveguemos, pois, ata o 4 de xaneiro do ano 1778 como se pode observar no seguinte documento: “ ...En la feligª de Sn Ziprian de Aldan, a quatro dias del mes de Henero, año de mil setezos setenta y ocho: ante el Señor Dn Francisco Rodríguez Gimilio, subdelegado de Marina de la villa de Cangas...”. Cítanse no referido contrato como veciños e mariñeiros do Hío a Domingo Piñeiro, Caetano Malbido,Ventura Martínez, Roque de Hermelo,Pedro de Oubel,Francisco de Mera (pode que se refira ao apelido Meira), Manuel Franco, Lorenzo Franco, Tomás Franco, José Martínez, Ramón de Portas, Ramón de Pardavila e Juan González e como mariñeiros do Hío, e de Aldán a Juan Antonio Lodeiro e Miguel de Otero. Sobre o armador Marich non temos información, mais consultamos o libro Travesía por tres momentos da historia de Bueu coordinado por Salvador Castro Otero e no apartado titulado “Apuntamentos das salgas e fomentadores de Bueu”, asinado por Arturo Sánchez Cidrás, observamos a seguinte referencia: “ ...e, no caso de Bueu, viu a luz unha salga na praia de Beluso da man de Pedro Marich San Román, tamén veciño da Coruña. A actividade de Marich na zona é grande e así o vemos asinando convenios e contratas con outros fomentadores...”. Consideramos que estamos a falar da mesma persoa. Está claro que ser armador nesa época requiría ter embarcación e aparellos de pesca. Pedro Marich era veciño da cidade da Coruña e tamén propietario do citado aparello (traíña) e embarcacións que traballaban nas postas e ribeiras desta ría e porto de Aldán. As distintas cláusulas do convenio infórmannos das condicións laborais que por aquel entón se acordaban entre ámbalas partes, empresario e obreiros. Para comezar os citados mariñeiros teñen a obriga de pescar sardiña desde o primeiro de agosto ata o remate de outubro (neste ano de 1778) polo que cobrará cada un deles catro reais diarios, agás os domingos e festivos que non irán traballar. Ese soldo inclúe o traballo de sacar a rede para terra e estendela para secar, pero non a obriga de atala en caso de rotura, quedando a contratación deste labor a cargo do armador. Os mariñeiros quedarán suxeitos ás ordes dos patróns Domingo Piñeiro e Pedro Suárez, este veciño de Arteixo.

4-01-1778 convenio. Arquivo do autor

Domingo terá a obriga de chamar a cada un dos tripulantes para que coiden a pesca con esmero, con opción de avisar a dous rapaces máis para axudar nas tarefas, polas que cobrarían dous reais por día. En caso de que as embarcacións e aparellos sufran algún dano intencionado, os patróns deberán avisar ao armador para que en tal caso tomar as oportunas dilixencias.

Extracto do convenio (familysearch.org) Arquivo do autor

O peixe necesario para cociñala caldeirada a bordo (xantar), debe ser facilitada polos ditos patróns segúndo apunta o texto: “ ...y que el pescado necesrio para hazer la Calderada en la Mar, se lo habrán de dar los dos Patrones...”. E esta probablemente sexa a orixe das famosas receitas de peixe en caldeirada tan tradicionais nos pobos da costa galega, pois segundo a R.A.G. a caldeirada é “unha comida que consiste en peixe cocido con patacas, ao que se lle engade unha allada, rustrido ou mollo preparados á parte”.

Seguindo co debulle das condicións laborais, no suposto de que teñan que saír pescar fóra da Punta de Couso e Punta Udra, que inclúe as poboacións de Beluso ou Bueu, o armador abonará un real máis a cada un dos tripulantes e se fose necesario dar algún lance despois do solpor, a tripulación cobraría un incremento de tres reais.

Nas labores e desprazamentos para ir buscar sal ás rías de Pontevedra ou de Vigo, o salario será igualmente de 4 reais incluso se non lles fose posible regresar a casa por mor do temporal. No traballo de descargar a pesca para os almacéns de ambas parroquias (O Hío e Aldán) e de espichar sardiña serán contratadas preferentemente as mulleres dos citados tripulantes, coa posibilidade de avisar a dúas mulleres máis en caso de pesca abundante. Cada vez que no último lance da tarde a pesca sexa farturenta, os patróns darán por quiñón a cada mariñeiro ata un máximo de cincuenta sardiñas para levar para a casa.

Rematamos este pequeno artigo constatando que en comparación con actuais contratos laborais, nalgúns casos, as condicións laborais deste convenio do s.XVIII non eran tan precarias como algunhas de hoxe en día.

(*)Veciño do Hío.

Compartir el artículo

stats