Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Encontros de francofilia en Rodeira

A Escola Oficial de idiomas celebra en Cangas charlas sobre lingua e cultura francesas o último venres de cada mes

Unha das xornadas de debate en Rodeira, que hoxe recibe a visita de Xavier Senín. | // FDV

Achegar a todas aquelas persoas que estean interesadas no universo cultural e literario francófono”. Ese é o primeiro obxectivo do club de lectura Lire ? Avec plaisir, do departamento de francés da sección de Cangas da Escola Oficial Idiomas. O segundo, “contribuír ao coñecemento da tradución cara o galego de textos que teñen como lingua orixinal a lingua francesa”. Así, desde desde o inicio do curso, en outubro, todos os últimos venres de cada mes xúntanse nunha aula do instituto de Rodeira un grupo de francófilos e francófilas para debater ao redor dun libro e compartir co seu tradutor ou tradutora impresións e experiencias lectoras”, explican as profesoras que promoven esta iniciativa.

A lingua empregada é maioritariamente o francés, polo que tamén é un espazo no que desenvolver e traballar un idioma que habitualmente non hai posibilidade de practicar. Tradutores e tradutoras como Isabel García, Henrique Harguindey e Xavier Senín –que é o invitado do mes de abril, na sesión que se celebra hoxe– comparten en cada xornada o seu “saber facer” e o seu percorrido como especialistas no mundo da tradución. Na derradeira sesión deste curso, que terá lugar en maio, mes das Letras Galegas, o texto a ler será a obra Un ollo de vidro, de Castelao, traducida en 2011 cara o francés por Vincent Ozanam. A persoa invitada para esa sesión será o escritor galego Xosé María Álvarez Cáccamo, co que os participantes compartirán a lectura do súa obra O Lume Branco, publicada por Espiral Maior en edición bilingüe.

Ademais do club de lectura, o departamento de francés de EOI Vigo – Sección Cangas traballa na promoción da lingua francesa organizando ou participando en diferentes actividades: celebraron a semana de francofonía en marzo cunha merenda de convivencia no muíño de Fausto, asistiron a unha sesión de contacontos do camerunés Samuel Mountoumnjou invitados polo departamento de francés do IES Rodeira e realizaron actividades conxuntas entre o alumnado.

As profesoras da Escola Oficial de Idiomas de Cangas e do Instituto de Rodeira son “conscientes da importancia da lingua francesa, non só por ofrecer a posibilidade de descubrir un espazo cultural que abrangue os cinco continentes, mais tamén por abrir portas no mundo profesional”. Por esta razón animan a optar pola lingua francesa no seu percorrido de aprendizaxe ou laboral.

Compartir el artículo

stats