Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Éche ben certo!

Éche ben certo: non nos damos conta da importancia dos problemas senón cando nos vemos neles. Unha pequena dificultade, mínima, pode entón transformarse nunha montaña. Dar un pasiño pode costar ferro e fariña.

Ese día, o cristal do meu coche apareceu engalanado cunha tira de papel mollado. Da Deputación de Pontevedra. Seica era unha multa do Concello de Cangas, que non aparecía identificado. Eu era culpable por ter estacionado nunha zona reservada para persoas minusválidas.

De inmediato fixen un escrito e fun á Policía Local. Ía presentalo e informáronme de que debía agardar a recibir unha comunicación no meu domicilio. Informei ao responsable municipal de que tivera que baixar a Cangas a miña esposa -imposibilitada de conducir, convalecente dun accidente que a obriga a desprazarse con muletas, por chan liso e firme, e acompañada doutra persoa ante posibles caídas- para que puidese facer necesarias xestións persoais. Trátase, logo, dunha persoa en situación de minusvalía temporal. Estas circunstancias, ademáis da simple comprobación visual, poden ser acreditadas mediante certificado médico, o que eu ía alegar no escrito, solicitando a anulación da multa e mais a expedición dun permiso para poder estacionar nesas zonas. O responsable municipal informoume educadamente de que podería -cando recibise a comunicación- optar por pagar o importe reducido á metade ou ben presentar alegacións, pero que se presentaba alegacións perdía o dereito a esa redución. Naturalmente, esta disxuntiva non parece de Xustiza nin de Dereito, mais meterme nun preito significaría multiplicar por varios ceros o importe final. A cousa pode calificarse pura e simplemente de trampa e de chantaxe. Tamén me dixo o responsable policial que a Ordenanza Municipal prevía unhas autorizacións provisionais e remitiume a Benestar Social do Concello.

Tiven sorte con Benestar Social: ao final colléronme o teléfono, cando o normal é que pases a mañán enteira e non cho collan. E o acceso a pé resulta moi difícil.

Resumo a conclusión da conversa co que alá me dixeron: só hai unha vía, a de solicitar da Xunta o recoñecemento da situación de minusvalía, proceso que dura polo xeral un ano, ano e medio. Excepcionalmente, no caso de persoas en situación terminal, pode ser expedida pola Inspección de Vigo a tarxeta mentres se tramita a definitiva. Só neses casos dramáticos.

Que eu saiba, nada impide a un concello expedir a persoas con minusvalía transitoria unha tarxeta temporal (tres meses, por exemplo) e só a efectos de estacionamento en zonas reservadas. Naturalmente baixo acreditación médica e control de posible picaresca.

Nestes meses puiden asombrarme da cantidade de persoas eivadas que circulan nas nosas rúas en cadeiras de rodas ou con muletas. Outras permanecen nas casas pois nin iso poden facer.

Esperemos que os responsabeis municipais non agarden a sufrir nos seus corpos as secuelas dun accidente e arbitren xa un mecanismo de axuda a un importante sector da poboación no que calquera pode verse en calquera momento.

E xa que non reparan debidamente o pavimento para poder camiñar con seguridade toda a xente, polo menos que non multen tan inxustamente.

Compartir el artículo

stats