O poeta e xornalista Miguel Sande é o gañador do XXV Premio Johan Carballeira de Poesía, que se fallou onte en Bueu. O xurado decidiu premiar o seu poemario “Brinde e desespero”, do que destacou a súa aposta pola prosa poética e por “romper con éxito a tensión entre pensamento e sentimento”.

A actual edición deste galardón ten un marcado carácter simbólico posto que é a número 25. Nesta ocasión presentáronse preto de 60 textos e o xurado reuniuse onte no Concello de Bueu para a súa deliberación. O tribunal estaba formada por unha das gañadoras da anterior edición, Xandra Táboas; polo profesor e crítico literario Manuel Forcadela; e o crítico e editor César Lorenzo.

A reunión de onte do Premio Johan Carballeira de poesía. GONZALO NUÑEZ

No seu fallo suliñan que “Brinde e desespero” parte da “autofición para presentar unha lectura sobre o cotián desde o ángulo do inesperado”, unha realidade que “fala por sí mesma, cunha expresión formal contida”.

Un momento da presentación do poemario "Dou aulas de ioga por videoconferencia", onte no Centro Social do Mar de Bueu. T.G.

Aproveitando a reunión do xurado, a Concellería de Cultura aproveitou para organizar a presentación do poemario gañador o ano pasado, “Dou aulas de ioga por videoconferencia”, de Xandra Táboas e Adriam Mosqueira. Este acto tamén forma parte das actividades para conmemorar o Día do Libro, que se celebrou o sábado. A presentación foi na sala multiusos do Centro Social do Mar de Bueu, coa presenza de Xandra Táboas e do concelleiro de Cultura, Xosé Leal.