Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O desenvolvemento viario no Morrazo

Estradas na República e no Franquismo (V)

O historiador fai un percorrido polos plans de camiños; en 1958 xurde a proposta dunha ponte entre Rodeira e Vigo

Estrada Bueu Beluso anos trinta e mapa de viais Cangas en 1944.

Despois do gran impulso que a ditadura primoriverista lle deu aos viais e os portos, os gobernos republicanos de esquerdas priorizaron a escolarización deixando o tema dos camiños nun segundo plano. O franquismo priorizaría a reconstrución das estradas nas zonas de guerra que en Galicia non se realizaría por non ser zona bélica afectada e a mellora dos nosos viais demoraría ata a recuperación económica, a partir dos anos cincuenta, e grazas á axuda americana que aportou maquinaria a este fin.

En 1930 os veciños de Nerga e Liméns, apoiados polo cura, presidentes de asociacións e outros veciños significados van protestar ante o alcalde de Cangas polo mal estado do camiño que pasa por estes lugares e que non poden sacar o viño para a sua venda pois xa se accidentou nel un carro de varios industriais de Cangas. Solicitan un arranxo das conexións coa estrada de Aldán por Liméns e que se constrúa un camiño veciñal que una Nerga co novo vial que se vai facer desde o chamado Portelo do Viso a Vilanova. Para abordar o arranxo dos mencionados viais do Concello e reparar as pontes da Rozada (Coiro) e a esborrallada da Fenteira (Entremuiños) entre Santa Marta e o Outeiro de Darbo, a corporación de Cangas optaría por pedir un préstamo de 50.000 pts. na Caixa de Aforros de Vigo, facendo unha hipoteca sobre algúns inmobles e sobre o imposto de viños. En outubro deste ano 1930, tamén se vai proceder á reparación da estrada Marín - Cangas ao se advertir que é unha das máis descoidadas de Galicia e a comezos de decembro, a Deputación destinaría 63. 715 pesetas para o arranxo do camiño de Cangas ata o Igrexario de Coiro que semellaba o conto de nunca acabar.

As pontes da Ría en 1954. Arquivo do autor

A xeira republicana

En xuño de 1931, os camiños e estradas proxectados van sufrir un parón pois o Goberno da República vai derogar numerosos decretos e normas, ditadas entre 1926 e 1930 ao abeiro do Plan de Carreteras de Primo de Rivera pois infrinxían a Lei de decembro de 1912. Xa que logo, non se poderían executar algúns viais proxectados como a estrada de Cangas a Aldán por Balea que continuaba agora por enriba de Liméns ata o Viso de onde partiría a que ía a Vilanova. Cara finais do 1931 era tan malo o estado do camiño de Cangas ao cruceiro de Coiro, que se facía intransitable ata o punto de que non se podían achegar os cadáveres ao cemiterio. A pesar de que existía un Plan de Camiños veciñais da Deputación para esta parroquia, nestas datas só se había producir a limpeza dos camiños da Rúa e da Pedreira.

Estrada Bueu Beluso anos trinta. Arquivo do autor

Xa ben entrado o 1932 preséntaríase un novo plan de obras da Deputación co aporte do 40% do presuposto polo Concello de Cangas para abrir camiños novos en Coiro, Darbo, Nerga e ao Xogo da Bola. Para o ensanche e mellora do de Coiro sería necesario facer expropiacións que se executaron de inmediato. Con motivo da construción deste camiño, os agrarios de Coiro solicitarían cunetas, alcantarillado, encoros para a auga e entradas as casas pois nada disto se contemplaba no proxecto. A primeiros de novembro deste ano serían libradas 34.950 pesetas para a chamada Estrada Transversal (hoxe Avenida de Vigo) pero estes cartos non chegarían ata finais de xaneiro do 1933, recaendo a contratación das obras en Antonio González e realizándose expropiacións nas Segadas para anchear o trazado. Contodo, este vial ainda estaba pendente de execución en maio de 1934 sendo o deputado Osorio Tafall quen anunciase en febreiro do 1936 o despacho de construción do mesmo co fin de desconxestionar, como dixemos, o tránsito da chamada agora rúa da República (Real). O golpe militar contra a República adiaría este proxecto que se faría máis adiante no franquismo.

Desde finais deste ano e para a reparación do camiño da Rozada en Coiro, o Concello conminaría aos propietarios dos carros do país para que contribuisen con eles e as súas xugadas de bois ás obras nos camiños públicos baixo pena de fortes multas. Cara o ano 1934 veríase de urxente necesidade a construción de camiños que comunicasen entre si as parroquias e para iso proxectaríanse entre outros os do Igrexario a Nerga e a Donón e o que iría de Vilariño ata a praia. Neste ano comezarían tamén as obras do camiño desde a Portela do Viso a Vilanova por parte da Deputación, aportando o Concello o 40% do presuposto. Entre as dificultades presentadas neste trazado destacaría a construción da ponte de Arneles e como incidencias que lle afectaron ao patrimonio figura o levantamento da pedra do camiño do Cruceiro para o firme da estrada e o traslado do cruceiro de Doade que estorbaba o paso do vial.

Inauguración en xullo do 1958 da estrada Coiro - Magdalena- Aldan polo gobernador, alcalde de Cangas e cura de Coiro. Arquivo do autor

Xa a mediados do 1935 proxectaríase o camiño de Beluso, Ameixoada a Tirán por Coiro, sendo o cura desta parroquia, Manuel Viveiro, quen adiantase 500 pts para pago do proxecto do tramo da Ameixoada á Boubeta. En outubro o cura xa levaba antecipado 1.726 pts en tramos de camiños parroquiais e incluso no que ía de Coiro a Cela por Hermelo, prometéndolle o Concello o reintegro dos cartos. A comezos de novembro e no Centro Radical de Coiro ainda se celebraría unha reunión para informar das expropiacións xeradas por esta obra no tramo da Ameixoada ao Cruceiro. Cara finais deste ano a escaseza de obras e o paro levarían a solicitar do Ministerio de Traballo que fixese camiños e obras públicas (escolas) para colocar á xente. Porén, este problema do desemprego non comezaría a paliarse ata febreiro do 1936 (época da Frente Popular) cando a través da Oficina contra o Paro se enviarían 50.000 pts. para o arranxo das rúas de Méndez Núñez e do Forte e máis as do camiño que pola Enseñanza subía a Cimadevila.

A Estrada dique que orixinou a instalación da fábrica de celulosa Arquivo do autor

Neste tempo, a financiación das estradas facíase a través de Obras Públicas que percibía de cada concello 0,50 pts por habitante. Durante un tempo, Cangas foi debedor dos anos 29, 30 e 31 por este concepto e en agosto deste ano a maioría dos concellos da provincia habían pronunciarse en contra deste pago. Porén, este imposto non sería retirado e Cangas ainda seguía a ter pendente a finais do 1935, o pago deste concepto, chamado desde agora Taxa de Rodaxe. Sobre as outras estradas cabe dicir que nestas datas e desde o Concello de Moaña solicitarían apoio para o alcatroado da que unía Cangas con Vilaboa e que a empresa José Malvar xa tiña realizado no 1934 traballos de mellora na que unía Bueu con Cangas pola Portela.

Os novos viais. Arquivo do autor

Desde 1940 e xa baixo o Franquismo vaise pór en marcha un novo Plan de Caminos, dirixido basicamente á reconstrución dos viais afectados nas zonas de guerra pero que, a pesar de non atoparnos nesta condición, tamén vai repercutir nos de Galicia. Denominaríase de camiños pois os técnicos e servizos responsables consideraban que esta palabra era máis axeitada, más castiza que carretera, denominación que aludía aos carros e carretas nunha época na que xa proliferaban os automóbiles. Estes camiños foron cualificados como nacionais (N), comarcais (C) e locais (L) pero esta nomenclatura viaria pronto mudaría de novo á de estradas (carreteras). Nestas datas remataríase en Cangas a estrada transversal ao porto (chamada Carretera nueva e logo Avda. de Vigo) e abriríanse os tramos de Cangas a Aldán por Balea, seguindo por enriba de Liméns ata o Viso, punto desde o que tamén partiría a nova estrada ao Igrexario e Vilanova. En 1942 ainda se iniciaría a segunda fase do camiño de Cangas a Coiro que tivo moitos retrasos por situacións moi semellantes ás sufridas en tempos máis recentes. A comezos de novembro de 1947 iníciase a construción do camiño municipal en Darbo que unía a nova estrada cos barrios do Seixo e o Piñeiro.

Viais Cangas 1944. Arquivo do autor

Xa rematado o camiño a Coiro, en decembro de 1950 procédese ao ensanchamento do Camiño Vello de Cangas a Darbo. En 1952 proxéctase a estrada que iría de Rodeira á Miranda polo Espíritu Santo e cando se comezou no 1955, xa incluía o tramo ata o Cruceiro, conxuntura que aproveitaría o marqués de Santa Cruz para pedirlle á Deputación que fixese unha rampla desde a estrada ata a igrexa de Coiro. Neste ano xa se proxecta anchear o camiño entre O Cruceiro-Coiro e a Magdalena (92.310,16 pts.) proxectándose o vial desde este punto a Aldán pasando pola Cruz de Castro e Hervello. Outro vial da Deputación que se proxectaría neste ano foi o tramo de Nerga a Donón, iniciándose tamén a construción da nova ponte sobre o río Bouzós no Forte.

No ano 1958 ainda xurdiría outra ousada proposta para esta data que pretendía unir a ría a través dunha ponte entre Rodeira e Vigo... cando a estradas existentes ainda eran terceiromundistas a pesar das obras do alcatroado das vías principais. O 15 de xullo deste ano, o gobernador procedería á inauguración dos camiños de Hio a Donón (750.000 pts.) e a Nerga (113.000 pts.) ademáis do resto do que unía O Cruceiro (Coiro) con Aldán pola Magdalena, investíndose nela dous millóns de pesetas. En maio de 1961, o Concello ainda licitaría as obras para este camiño denominado agora Cangas - Coiro - Aldán e cuxa segunda fase se inicia a finais do 1962. Neste ano ainda faltan catro quilómetros por facer na de Cangas a Moaña e finalízase a estrada de Cangas polo recheo do porto (Montero Rios) que se unía coa “carretera nova” ou transversal (Avda. de Vigo) na Pedra Alta e ía cara a Aldán por Balea. Ainda que pareza incrible, en xullo de 1970,ainda se vai inaugurar o último tramo da estrada a Vilanova (Hio) que quedara paralizada en 1934, na época republicana.

(*) Historiador de Cangas

Compartir el artículo

stats