Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O dique de abrigo de Cangas (II)

Cos recheos do “muelle vello” xurdiron as avenidas Montero Ríos, Eduardo Vicenti, Eugenio Sequeiros e paseo 25 de xullo

Foto da desaparecida Ribeira do Señal, mediados dos anos 70. | // ARQUIVO DO AUTOR

O cangués Antonio Graña prosegue nesta segunda colaboración coa historia do dique de abrigo do porto de Cangas. No anterior capítulo facía referencia ó enxeñeiro Eustaquio Giannini Bentallol, autor dos planos do primeiro proxecto en abril de 1793, que nunca chegou a se realizar. A reivindicación do dique marcou unha longa batalla coas administracións. 107 anos despois do frustrado proxecto de Giannini, xurde a esperanza cos senadores Montero Ríos e Alfredo Vicenti. O novo peirao comezou no 1900. Co aumento da flota volveuse demandar un novo dique nos anos 40 e 60.

Coa construción do novo peirao e máis a escollera levantada para fixar o areal do Forte, deu chegado o momento de dicir adeus a aquela serie de episodios que nos días de cru inverno tiña atemorizada a poboación. Independentemente do envite das mareas, a debilidade dese punto da costa tamén foi producida pola cantidade inxente de area extraída no lugar para a realización de obras en Vigo. Visto os graves problemas causados, e as continuas protestas dos habitantes do lugar o Concello cangués, non tivo máis remedio que prohibir a extracción de area.

Como mostra da inseguridade producida polas grandes ondas, esta vez, no lado dereito do río Bouzós (no lado do Señal), doulles a coñecer o seguinte episodio: un veciño presentou unha demanda no Concello, plano incluído, indicando a delicada situación do seu fogar (actual Rúa Cuba), tras a arremetida dunha onda, que esnafrou a cimentación da súa vivenda. Pola situación que aparece nese vello documento, ben podería ser o edificio que anos máis tarde contiña a antiga taberna de “O Salto do Can”. Nun pequeno recadro na parte inferior esquerda do mencionado plano lese: “Terreno propiedad del exponente destruido por las mareas pasadas, cuyas piedras evitaron el derrumbamiento de la casa en momentos de penetrar el agua en los cimientos”.

O enxeñeiro Eustaquio Giannini Bentallol. | // ARQUIVO DO AUTOR Antonio Graña Graña

Traballos do novo porto

Ainda que a preparación técnica das obras portuarias tivo lugar nos anos 1894, estas non se deixaron ver sobre o terreo ata principios do ano 1900 . Primeiramente comezaron pola construción dos muros que delimitaban os terreos ganados o mar, para de seguido emprender a construción do peirao propiamente dito, que non era outro que o espigón de atraque popularmente chamado ata non hai moito tempo “muelle vello”. A obra quedou practicamente rematada, a falla de algún que outro retoque, no ano 1914. Dos recheos feitos, xurdiron as avenidas do Muelle (hoxe Montero Ríos), Progreso (hoxe Eduardo Vicenti), Praza do Mercado (actual Paseo do 25 de Xullo), é Avenida Da Mariña (hoxe Eugenio Sequeiros, en paralelo co actual Paseo do 25 de xullo), lugar onde estaba a feita desaparecer praia da Ribeira do Señal, icónico lugar onde os rapaces cumpriamos os nosos soños de navegantes, embarcando en chalanas e gamelas, e balanceándonos nos cabos dos barcos de maior porte.

Anos 40 e aumento da flota

Finalizada a incívica Guerra Civil (anos 40), é dado que o porto de abrigo de Cangas (popularmente chamado “Muelle Vello”), era incapaz de acubillar a tan numerosa flota, xurde un movemento cidadán reivindicando a necesidade imperiosa de dotar a Cangas dun dique de abrigo o bastante amplo para acoller os numerosos barcos que tiñan como porto base a nosa Vila, engadindo os que viñan principalmente de Candás (Asturias), e Bermeo (País Vasco). Ese proxecto arrincou oficialmente no transcurso dun pleno presidido polo alcalde J. Sobreira Laxe (1943-1949), o día 17 de abril do ano 1944. A petición ía dirixida ó Director Xeral de Portos dependente do Ministerio de Obras Públicas, e apoiada por todo Cangas: armadores, fabricantes de conserva, industriais, e veciños en xeral (acompañado de numerosas sinaturas), foron remitidas ó Ministerio de Obras Públicas, sección portos.

Cangas 1972.Construción do dique de abrigo. | // AUTORIDAD PORTUARIA DE VIGO

Tras anos de paciente espera, a resposta positiva a tal demanda chegou dende Madrid o 17 de maio do ano 1953, coa obra xa presupostada e formalizada. Alcanzaría un montante de 41.469.927,72 ptas. Con todo confirmado, viaxou a Cangas o responsable de Portos do Estado, o santanderino Antonio Garelly de la Cámara, o que no momento de pisar solo cangués, xa tiña dedicada unha rúa, que por certo estaba con anterioridade concedida o médico-cirurxián tudense, pero residente en Cangas, Francisco Gonzalez Romay, doutor de grato lembranza para toda poboación canguesa. O nome de Rúa Romay fora posto tras unha iniciativa popular, a que se adheriu logo o propio Concello. O troco de nome foi aprobado en sesión extraordinario, o 9 de Xaneiro do 1952, cando presidía a Alcaldía Ladislao Castro, boticario.

No momento da visita a Cangas e o seu Concello, Garelly foi considerado tal como reza a acta recollida no pleno do 9 de xaneiro do 1952, “huésped de honor del Ayuntamiento”. Nin que dicir ten que o recibimento dado ó enxeñeiro santanderino responsable de Portos do Estado foi espectacular. Logo do habitual ágape de benvida, marcharon á casa dun coñecido mando falanxista da localidade, onde deron boa conta dunha espléndida mariscada. O certo é… que transcorrido non moito tempo, toda aquela alegría trocou nunha profunda decepción, ó sentírense tódolos membros da Corporación enganados. O enxeñeiro desapareceu, sen deixar rastro, ata o punto de cortar toda comunicación coas autoridades de Cangas ¿Motivos para tal conducta?, descoñecida; nunca se tivo resposta. A céntrica rúa canguesa, lamentablemente, segue levando o seu nome.

Pero enganchémonos o fío. Non quedaba máis remedio que recuperar o tempo perdido. Os anos 60 serían claves para a consecución do Dique de Abrigo. Dende o Concello volveuse demandar a Portos do Estado para que este realizara, dunha vez por todas, a consecución do demandado porto.

O alcalde Antonio Camiña Bastos (1963-1965) retoma as conversas, dando coa tecla axeitada ó contar, dunha maneira case segreda, coa colaboración do xefe do Sindicato Nacional de Pesca, Agustin Bárcena Reus.

Da correspondencia privada mantida entre os dous implicados no tema Camiña e Barcena (da que tiven acceso), Bárcena dicíalle nun parágrafo o entón alcalde: “Ten la completa seguridad que haré cuanto esté en mi mano por que sea una realidad el puerto que necesitais y que en todo momento estoy y estaré insistiendo cerca de la Administración para que este caso quede definitivamente resuelto”. Esta carta está datada en Madrid o 4 de xuño do 1964.

Nunha nova misiva dirixida a Camiña, da man de Agustin Barcena, o 25 de novembro do 1964, dicíalle entre outras cousas: “Respecto al puerto y de modo confidencial, no le des publicidad, próximamente se va a comenzar el dragado del mismo, pero no sé exactamente cuando”.

Confirmados o proxecto e a execución, Agustín Bárcena Reus recibiu da man do alcalde Antonio Camiña Bastos, a insignia de ouro da Vila de Cangas. A cantidade necesaria para rematar as obras ascendeu a 27.117.452 ptas. Dicir que este proxecto (moito máis económico co anterior), foi tamén moito máis respectuoso co entorno, posto que non se contemplaban edificacións portuarias, como no proxecto anterior, as cales formarían un auténtico muro entre o pobo propiamente dito e as instalación portuarias. Ademais o anterior proxecto facía desaparecer a praia do Señal. Daquela, estapraia urbana librouse, inda que… chegados os anos 80, se lle deu definitiva sepultura. Ocupaba a alcaldía de Cangas Lois Pena Vieitez.

Rúa que debe recuperar o nome de Francisco González Romay

Vista a documentación e correo de índole persoal ensinado persoalmente o que este artigo escribe, por parte do que fora alcalde de Cangas, Antonio Camiña Bastos, pouco antes de falecer. Dinos que nada temos que agradecer ó señor Antonio Garelly de la Cámara. Todo o contrario. Na actualidade, ano 2022, o nome de Antonio Garelly sigue vixente no rueiro da Vila, a sabendas de que a súa actuación no proceso para por en marcha o indispensable porto de abrigo, foi produto dun enorme engano, e da desidia máis absoluta. Garelly, nunca deu nin unha soa explicación sobre o porqué de tal proceder. Unha das rúas máis antigas de Cangas, debe recuperar (ó meu parecer), o seu primitivo nome, que non é outro que: Francisco González Romay.

No seu día, pedíraselle o Concello que estudiara esta xusta demanda, e que o nome de Romay fora reposto. A solicitude foi presentada no rexistro do Concello o día 30 de Xullo do 2019, e que non obtivo ningún tipo de resposta.

Moitos dos “cabos” atopados para atar este relato, foron gracias a documentación localizada no Arquivo Municipal de Cangas, hoxe esquecido, e sen persoal, dada a xubilación do titular.

Compartir el artículo

stats