Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Anxo Coia nnunha peza única | Investigador e divulgador

“Ignacio Cerviño estaba no Hío cando se construíu o cruceiro”

Participa no congreso sobre cruceiros que se celebra en Cangas para documentar que foi Ignacio, e non José, o autor da obra

Anxo Coia, co emblemático cruceiro do Hío ao fondo. | // FDV

Durante tempo, a figura do mestre Cerviño asinóuselle ao canteiro José Cerviño García, coñecido como Pepe da Pena. En consecuencia, atribuíronselle obras como o cruceiro do Hío, e outras, estando esa autoría sen demostrar, porque a día de hoxe non hai proba algunha, documentada, de que José Cerviño estivera no Hío. Desa realidade parte Anxo Coia, que se apunta á tese de que o artista do cruceiro do Hío foi Ignacio Cerviño, e incidirá nesa teoría no congreso que se celebra esta fin de semana en Cangas e reúne unha morea de especialistas nesta materia.

–En que se basa para dicir que o Cerviño do cruceiro do Hío é Ignacio e non José?

–Foi Eugenio Eiroa Hermo quen, en 1964, abriu o debate ao atribuír a obra a Ignacio, natural da mesma parroquia de Augasantas (Cotobade) que José. Desde aquela existe esa controversia, pero non hai constancia do paso de José Cerviño polo Hío, e os datos que van saíndo á luz si acreditan a estadía de Ignacio Cerviño no Hío entre 1869 e 1872, coincidindo coa labra e levantamento do cruceiro .

–Que estivera no Hío non acredita que esculpira o cruceiro...

–Hai outras moitas probas desa relación. En 1852 Antonio Cerviño, pai de Ignacio, contratista de obras e mestre canteiro, fixo a bóveda da nave central da igrexa do Hío. Daquela, Ignacio tiña 18 anos e xa estaría traballando no oficio co seu pai. O cura que manda facer esa obra chámase Juan Manuel Míguez Alonso, natural de Pexegueiro (Tui) e párroco do Hío., o mesmo que manda levantar o cruceiro .

–Que formación académica tiña Ignacio Cerviño para acometer semellante empresa?

–Sabemos que no curso 186/61 matriculouse na Escuela de Bellas Artes de San Fernando, en Madrid, polo que probablemente tivo que estudar alí, ainda que non estivera moito tempo... Casou na Coruña en segundas nupcias e tivo mala sorte na vida, porque morreulle a súa primeira muller e tamén lle morreron seis dos oito fillos, só lle sobreviviron dous.

–Ademais de Eiroa Hermo e vostede, outros investigadores son da mesma opinión?

–Autores como Alfonso Fernández Sotelo, Carlos Solla Varela, Estanislao Fernández de la Cigoña e outros apoiaron a tese de Eiroa e defenden a autoría de Ignacio Cerviño no cruceiro do Hío. Igual pasa con outros monumentos como o cruceiro de Covelo ou o Desencravo das Cachadas, en Ponteareas, Este último, moi similar á parte superior do cruceiro do Hío e que tamén se lle atribuiu a José Cerviño, que mesmo ten alí unha rúa adicada nese municipio, pero nunca se demostrou que el estivera en Ponteareas.

–Vostede é un dos maiores especialistas sobre a vida e obra do mestre Ignacio Cerviño, mesmo llo recoñeceron co premio que leva o seu nome. Haberá algunhas aportacións novedosas sobre o asunto neste congreso que se celebra en Cangas?

–Hai outros dous documentos importantes que vencellan a Ignacio Cerviño coa parroquia de O Hío, donde aparece como testemuña no pago dun recibo na venta dun terreo e tamén a acta de nacemento e bautizo dunha filla na igrexa do Hío en 1872, mesmo ano no que se levanta o cruceiro. E agora atopei outro documento no que podemos asegurar que Ignacio Cerviño estivo antes na parroquia. Seguen aparecendo datos e testemuñas desa vinculación, ainda que a controversia está servida.

Compartir el artículo

stats