Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Santiago Cortegoso Autor e director teatral

“O texto ten un ton cómico, pero moi duro que lle da voz a personaxes marxinais”

O actor Josito Porto en “Smoke on the water” como Ritchie. Diego Seixo

A mítica canción “Smoke on the water” de Deep Purple sirve para dar título á nova montaxe da compañía Ibuprofeno Teatro, dirixida polo autor, director e actor moañés Santiago Cortegoso. A obra preséntase hoxe no Auditorio de Cangas cun reparto que inclúe a Josito Porto, Belén Constenla, Adrián Ríos, María Costas e o músico Mon Orencio. A música vai ser un dos elementos protagonistas desta traxicomedia cargada de humor negro e crítica social e protagonizada por uns tales Ritchie Blackmore e Janis Joplin. A función será ás 20.00 horas e as entradas están a venda a partir de 5 euros.

–Nesta obra que presentan o sábado en Cangas van máis alá da santísima trindade de sexo, drogas e rock’n’roll. Cales son eses novos ingredientes que lle suman a esa famosa triloxía?

–En “Smoke on the water” tratamos temas moi diversos: a enfermidade, o fracaso, a prostitución, a dependencia, a incapacidade de cambiar, a morte ou o amor. E tamén asoma o maltrato ou a eutanasia. Todo co rock and roll de fondo e a través dun entramado de personaxes complexos: dependen uns dos outros pero son incapaces de se axudar, son torpes. Ademais, dalgún xeito, están atrapados no tempo, por decisións vitais que os condicionan e das que non poden ou non saben fuxir.

–O resultado vén a ser unha especie de traxicomedia sórdida con humor negro e crítica social.

–Si, ten un ton cómico pero é unha obra moi dura polos temas que trata, pola incapacidade dos personaxes de seren felices. Pero están tan pasados de voltas, tan levados ao absurdo que resultan moi cómicos, ata tenros. Hai momentos nos que o público non sabe se rir ou chorar. Ou mesmo escenas nas que hai risas, pero ao mesmo tempo un pregúntase: como me podo estar a rir de tanta desgraza? E de fondo está tamén esa agresividade do sistema capitalista cos individuos menos produtivos, que son expulsados da sociedade. É un texto que lle dá voz a personaxes marxinais.

–A obra titúlase “Smoke on the water” e non é o único guiño a Deep Purple. O protagonista é un tal Ritchie Blackmore -aínda que o real dista moito de estar ancorado no rock dos 70- e sitúano xunto a unha resucitada Janis Joplin. Por que o título desa canción e esas personaxes?

–A mitomanía do rock foi un dos estímulos principais dos que xurdiu este texto. Constitúe os gustos da parella protagonista, ese rock dos 70: Deep Purple, Led Zeppelin…E sobre todo a filosofía de vida do personaxe de Ritchie: desfasar, drogarse, evadirse dunha realidade marcada polo fracaso. Pero os nomes son unha referencia, nada máis. Vén desa forma que ten Ritchie de entender e categorizar o mundo a partir da música. É el o que pon eses nomes, eses alcumes, é un xogo. El vive nese universo do rock dos 70, quedou ancorado aí, nunha contracultura que é moi atractiva pero que está superada en moitos sentidos. E logo, no final, hai un xesto tamén á canción que dá título á montaxe, ese fume sobre a auga.

–Hai un punto de nostalxia ou melómano nesa elección?

–Si, claro. É un universo que me gusta moito, fago unha especie de homenaxe a todos eses referentes. E sérveme como estímulo para a reflexión social.

Unha escena dunha representación de "Smoke on the water", con Belén Constenla e Josito Porto en primeiro termo. Diego Seixo

–Como son e que buscan estes Ritchie Blackmore, Janis Joplin e incluso unha tal Joan Baez que seica vai á misa?

–Pois o público verá unha parella que leva 25 anos de fracaso matrimonial permanente, unha historia de amor frustrada entre unha muller que xa non canta porque perdeu a inspiración e un gigoló ao que contrata para “liberar endorfinas”, o secuestro da directora da sucursal bancaria que está a piques de desafiuzar a familia protagonista... E verán e escoitarán moita música, moito rock and roll. É unha historia de seres fracasados contada a través do humor absurdo, con personaxes tan maltratados pola vida que provocan tenrura e compaixón.

–O mundo do rock e da música en directo teñen moito de teatro. Nesta montaxe entendo que dalgún xeito lle dan a volta, non sei se pode falar de teatro musical ou é arriscado de máis?

–É practicamente un musical, hai música en todas as escenas. A música en directo é a gran aposta da función e cumpre un importante papel de ambientación e de dramaturxia.

–A música de todos os modos ten un papel importante na función e teñen un músico en escena [Mon Orencio]. Como escolleron os intérpretes protagonistas? Afinan ben en escena ou dan o cante?

–Necesitabamos actores que tocasen e cantasen. Esa foi a clave para escoller o elenco. E cantan e tocan moi ben. Son unha banda, desde o inicio dos ensaios xa funcionaron coma unha banda. Foi algo sorprendente ver como ao comezo do proceso ensaiaban os temas e ían soando cada vez mellor. Aí está tamén o traballo importantísimo de Mon Orencio na dirección musical e na execución da música en directo.

Belén Constenla interpreta a unha Janis Joplin. Diego Seixo

–A obra aínda vén de ser estreada hai pouco en Narón. Como está sendo a acollida por parte do público?

–A acollida está sendo moi boa, estamos moi contentos. Levamos xa dez funcións e estamos comprobando que o público entra moi ben na montaxe, rin pero entran tamén na crítica social, na parte máis dura. No fondo, aínda que son personaxes extremos, é fácil sentirse identificado con eles, non estamos tan lonxe deles. E todos coñecemos algún Ritchie preto de nós, e algunha Janis.

Compartir el artículo

stats