Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sofía Gómez Buceta, primeira funcionaria municipal de Bueu

Ficha de funcionaria de Sofía Gómez Buceta, coa súa fotografía

No Concello de Bueu estase a producir unha remuda xeracional de traballadores públicos acentuada nestes últimos anos por razón de xubilación que noutros dous mandatos máis non quedará xa ningún do persoal estatutario que conformou o cadro de empregados municipais que lembramos dos últimos corenta anos. Sirva o presente artigo para render unha pequena homenaxe a todos eles, servidores públicos que teñen pasado pola Administración Local os máis deles desapercibidamente ó servizo dos cidadáns de Bueu, dende o persoal de lonxa, mercado, enterrador, limpeza viaria ou non, recollida do lixo, camiñeiros, brigada municipal de obras dende o peón ata o oficial de servizo de augas, electricista, albaneis, carpinteiros, subalternos ou ordenanzas, de seguridade cidadá, alguacís, gardas urbanos e rurais e policía local ata chegar ó persoal de oficinas en calquera das súas escalas, personificando na figura da primeira muller funcionaria municipal deste distrito, dona Sofía Gómez Buceta.

Consta que nace o 30 de outubro de 1902 na cidade de Pontevedra, filla do matrimonio Ricardo Gómez Neira e Adela Buceta Pesqueira, ambos tamén da capital provincial pero afincados en Bueu na aldea do Casal da Graña dende 1895 onde el exerce de perito agrimensor e será logo designado secretario do rexistro civil e xulgado de Bueu mentres a nai adícase á casa. É a máis nova de tres irmáns, Joaquín, dezasete anos maior ca ela, ausente e Ricardo, un ano máis vello quen chegará a ser o depositario municipal “paseado e desaparecido” en 1936. Os seus inicios no Concello de Bueu teñen que ver coa Biblioteca Popular Municipal de Bueu, inaugurada o 7 de outubro de 1927 sendo Alcalde-Presidente don Camilo Davila Davila quen na sesión da Comisión Permanente do 9 de setembro de 1929 plantexa a necesidade da creación dun posto fixo para poder atender o grande éxito de afluencia que tiña a biblioteca instalada nos baixos da Consistorial: “cuyo éxito ha justificado el objecto que se propuso la Corporación al crearla. Viene rigiéndose esta institución por órdenes verbales que convendría condensar en instrucciones escritas que sirvan de norma pública en lo sucesivo y dar mayor impulso a su sección circulante con las limitaciones necesarias para hacerla compatible con el servicio fijo de la Biblioteca y para impedir que los libros sufran extravío o deterioro anormal, al utilizarse en el domicilio de los lectores...”

Imaxe da antiga biblioteca popular de Bueu, ubicada nos baixos do actual Concello. Arquivo histórico de Bueu

Non será ata o primeiro de xaneiro de 1931 cando o Alcalde don Perfecto García Nogueira contrate a Sofía Gómez Buceta por 2,50 pesetas de xornal, ratificado o seu nomeamento no Pleno de 23 de febreiro dese ano “ con la sola excepción de los días festivos en que no se abra la Biblioteca” e pasando a persoal fixo estatutario en virtude de reclamación por escalafón de empregada pública coma administrativa en calidade de oficial auxiliar o 31 de decembro de 1935. Vai ser o único persoal asignado á biblioteca popular municipal primeiramente ata o seu peche e logo ata a súa xubilación quedando vacante. Dado o seu nivel e aptitudes axiña demostradas pasará prestando parcialmente e compaxinando os seus servizos para a secretaría xeral a partires de xaneiro de 1937 e definitivamente nela a partires de 1940 tras superar o expediente de depuración de funcionarios públicos un ano antes.

Posiblemente sexa a mellor pluma caligráfica que pasou nunca polo Concello ata hoxe. Aí queda o testemuño presente do seu puño e letra nos libros de actas, amillaramentos, padróns de habitantes e tantos outros documentos que anonimamente ela despachou ó longo da súa carreira profesional. En 1944 solicita o ascenso de categoría imediatamente superior a Oficial de terceira como administrativa quedando no aire pendente de estudio xurídico por esixencia de titulación académica maior e posterior oposición tendo que circunscribirse á categoría dun auxiliar. A meirande parte dos seus conveciños lembrarana na atención ó público, lendo o xornal na de Ferrolán e nos veráns cun parasol branco para protexerse do sol andando pola vila. Vivirá no lugar da Graña, na casa que deixara en construción o seu irmán Ricardo, onde en 1962 tralas reformas oportunas, seguirá instalada no baixo da súa casa a Escola pública de Nenos número 2 da vila, da cal se di é copropietaria.

Acta plenaria coa caligrafía de Sofía Gómez Buceta.

Acta plenaria coa caligrafía de Sofía Gómez Buceta.

En 1952 empezan os primeiros achaques na súa saúde e en novembro de 1957 ten que causar a primeira baixa laboral durante seis meses por enfermidade recoñecida polo médico de atención pública domiciliaria e inspector municipal de Sanidade, don Benito Pazos Peleteiro quen certifica “ unha lesión ... considerando necesario reposo absoluto”. A partires de aquí necesitará varias veces repouso en 1959 e 1966 que a fará acudir ó balneario de Cuntis para recibir tratamento da súa doenza acentuada. Tras corenta anos e un mes de servizo continuado e ininterrumpido, o 31 de xaneiro de 1971 xubílase como traballadora funcionaria municipal do Concello de Bueu e finará o 16 de outubro dese mesmo ano cando contaba 69 anos de idade, de estado civil solteira e sen fillos.

Será a súa sobriña, Peregrina Piñón Buceta quen reclame a prestación de socorro para gastos de sepelio á que ten dereito a finada de acordo cos estatutos da Mutualidade Nacional de Previsión da Administración Local recoñecéndolle a cantidade de cinco mil pesetas. O testemuño mudo do seu paso polo Concello a modo de legado, foi que no mesmo ano da súa xubilación foron convocadas sendas prazas de auxiliares administrativas, da que só se cubriu unha delas e que outra muller veu a ocupar simbolicamente o seu posto, recentemente xubilada tamén e que supuxo a semente das mulleres que hoxe desempeñan un posto na Administración Local de Bueu.

*Arquiveiro municipal e Delegado do persoal funcionario de Bueu

Belarmino Barreiro, arquiveiro municipal de Bueu. Gonzalo Núñez

Compartir el artículo

stats