Aurita Reiriz: fareira de Ons, pandereteiras e “Bueuesa senlleira”

Golfiños homenaxeará este ano á illán con motivo do 8-M

Aurita Reiriz nunha imaxe de arquivo na illa de Ons.   | // M.P.

Aurita Reiriz nunha imaxe de arquivo na illa de Ons. | // M.P. / D.G.p.

Bueu

O Cub Golfiños concede por cuarto ano consecutivo o seu recoñecemento de “Bueuesa senlleira”, unha distinción que se vencella coas actividades do Día Internacional da Muller e que se conmemora o vindeiro 8 de marzo. Nesta ocasión a homenaxeada será Áurea Reiriz Otero, máis coñecida como Aurita. Unha muller de 85 anos, natural da illa de Ons e que é memoria viva da sociedade illán e da súa tradición musical. A homenaxe será o vindeiro 11 de marzo ás 20.00 horas no Centro Social do Mar.

Desde Golfiños destacan a relevancia das cantadoras e pandereteiras de Ons, que xa foron merecedoras de varias homenaxes. En 1997 participaron no famoso programa “Luar” da Televisión de Galicia; en 2006 recibiron un recoñecemento por parte da Banda de Gaitas Manxadoira e xusto antes da pandemia o Concello de Bueu brindoulles un recoñecemento dentro da “freguifesta” de Ons. Aurita tamén foi unha das homenaxeadas no ano 2009 na gala da igualdade do Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Bueu, que daquela quixo recoñecer o traballo das veciñas de Ons. Aurita foi, xunto co seu marido, fareira na illa. “Traballou no faro, nas fincas, atendendo á familia... Polas noites ela e o seu marido [Ramiro Otero] tiñan que pasar a noite no faro e deixaban aos fillos coa avoa ou coidándose entre eles”, lembran desde Golfiños. A propia Aurita ten manifestado que ademais de fareira traballou como percebeira, para o cal sacou o título oficial, e para a Xunta de Galicia na limpeza de montes. O soldo de fareiro era moi escaso e o seu marido tiña que seguir traballando na pesca.

O Club Golfiños suliña que o recoñecemento como “Bueuesa senlleira” é unha forma de poñer en valor “o longuísimo labor de aurita e de todas as mulleres que empuñaron a pandeireta para reclamar o seu lugar na escena da vida”.

Previamente recibiron esta distinción a poeta Míriam Ferradáns; Susana Martínez, coñecida artísticamente como Susi Ons; e as poxadoras da lonxa de Bueu.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents