Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A traxedia en 1956 do motopesqueiro “Ave del Mar”

Motopesqueiros da ardora, nunha procesión marítima dos anos 50. | ARQUIVO A. C. NÓS

A finais do século XIX, a maior necesidade de peixe para exportar a través das liñas de ferrocarril inauguradas nesa época e a demanda de materia prima das novas conserveiras trouxeron consigo a introdución na ribeira do mar moañesa da novidosa arte de cerco-xareta, tamén chamada traíña que se introduciu en traiñeiras procedentes do Cantábrico.

José de Sá fillo de Ricardo e irmán de Jaime recibindo unha axuda das autoridades. | FAMILIAR

Despois de varios conflitos cos xeiteiros, a partir do ano 1902, comezaron a convivir con eles dando motivo a que fora crecendo o número de traiñeiras impulsadas por remos que pasaron a converterse en barcos, preferentemente de motor, dos que chegaron a estar matriculados en Moaña, no ano 1949, un total de 111 de diversos tamaños que deron emprego a máis de 3.500 persoas. o que representou un enorme logro para o pobo que, deste xeito logrou reconverter á meirande parte dos homes labregos, incluíndo nenos, a partir de 11 anos que se embarcaban como rapaces de a bordo, en mariñeiros, e indirecto a outras moitas persoas, homes e mulleres, ata ben entrados os anos 60 do século pasado.

Viúvas de náufragos agardando novas no Bar do Pósito. // Arquivo FARO de VIGO

A explosión da pesca da ardora en moto - barcos de motor, está na orixe de varios naufraxios, entre os que sobresae o do denominado “Ave del Mar” que, na tarde do venres día 9 de novembro de 1.956, partiu do peirao de Moaña levando vinteseis tripulantes a bordo, os cales tiñan a ilusión posta en regresar ao día seguinte, co barco cargado de peixe azul, que se levaría a poxa na lonxa do Berbés. Tamén estaban ilusionados coa súa participación nas festas patronais que en honor de San Martiño e a súa patroa a Virxe do Carme íanse celebrar a partir do sábado, na igrexa parroquial e na súa contorna do lugar de O Cruceiro.

Dous rapaces de a bordo dun barco da ardora, cunha patela chea de sardiñas.

Dous rapaces de a bordo dun barco da ardora, cunha patela chea de sardiñas.

Un pouco máis triste estaba ese día José Sella Rubial, pois encontrábase na cama cunha lixeira enfermidade, polo que non puido embarcar. Así mesmo quedou compunxido o seu compañeiro, Manuel Paredes Gesteiro, por chegar ao porto cando o barco xa saíra ao mar. Por azares do destino, tales circunstancias salváronlles aos dous a vida.

Sen dúbida, un dos mariñeiros máis optimistas debeu ser Manuel Cordeiro, do Outeiro do Cruceiro, que xa tiña na casa un novo traxe para estrear o domingo no que se lle ían publicar as primeiras amoestacións, coincidindo co día de San Martiño.

Estes e outros pensamentos deberían estar nas mentes de cada tripulante, mentres o barco ía pondo proa cara á zona das illas Cíes, con abondo neboeiro e mar de fondo, que en principio non debía constituír demasiado impedimento para ir realizando algún que outro lance durante esa noite de escurada, xa que o responsábel da pesca era precisamente o fillo de Leta, un home moi hábil e experto a pesar da súa mocidade.

Calquera información sobre o barco quedou eclipsada ata o amencer do novo día, cando os tripulantes do pequeno motopesqueiro de Tirán denominado “Quintín”, cuxo armador e patrón era José Rodríguez (O Brixo), encontraron a flote algúns do seus restos e dous cadáveres. No periódico FARO DE VIGO correspondente ao día 11 de novembro de 1.956 relátanse estas primeiras noticias da embarcación da seguinte maneira:

Sobre las siete y media de la mañana de ayer, este pequeño buque se disponía a verificar el último lance de la “obscurada” en medio de gran cerrazón y con un fortísimo mar de fondo. Al maniobrar para la faena, se percibieron de que el mar “chapoteaba” y sospecharon que era el banco de peces en donde podrían lanzar, pero ese chapoteo no era el característico de la sardina y, entonces en la penumbra, ya que comenzaba a amanecer, observaron que sobre las aguas flotaban trozos de madera, una patela, varias prendas de ropas de aguas y un pequeño barril, dándose cuenta de que se trataba, sin duda, de restos de un naufragio habido en las cercanías o en aquel propio lugar. Esto se desarrollaba en medio de una gran rompiente y sacudidas de fuerte mar de fondo a la entrada de la Porta, entre las islas del Faro y la de San Martín.

En vista de ello, continuaron la exploración por aquel sector a medida que fue clareando el día, encontrando a flote también los dos cadáveres de referencia, que son el patrón de costa Francisco Nogueira Iglesias y el marinero Manuel Eiroa. Continuaron después las pesquisas con ayuda de otro pesquero, sin hallar nada más, haciendo rumbo a Vigo seguidamente, para dar cuenta del suceso.

O “Quintín” trasladou os dous cadáveres a Vigo, para que o Xulgado de Mariña efectuase o seu levantamento, requisito que era necesario facer antes do seu transporte ao cemiterio de Pereiró, onde por aqueles anos se realizaban as autopsias.

Inmediatamente puxo rumbo a Moaña e alí os seus tripulantes propagaron a tráxica noticia a partir da súa arribada a porto, contra as dez da mañá. Eran pouco máis das doce horas dese día, cando o membro da comisión de festas de San Martiño, Pepe, O Recio, estaba lanzando os foguetes ao aire, despois de que o sancristán e enterrador Jesús Paz dese fin ao repenique de campás. Estes eran os prolegómenos das festas patronais que ían comezar oito horas máis tarde, coa entrada e actuación preliminar da banda de música de Moaña.

Alí mesmo, enriba dos nichos do vello cemiterio, aínda recorda con emoción o citado Pepe como lle deron a noticia, portando un foguete na man, e desa forma, totalmente consternado, decide paralizar o lanzamento para ir reunirse cos seus compañeiros da Comisión. Así, desta maneira tan desconcertante, interrompéronse todos os actos, relixiosos e lúdicos, do programa de festexos.

Aínda que nunca se coñecerá a ciencia certa cales foron os feitos que deron lugar ao afundimento do “Ave del Mar” esa madrugada do 10 de novembro e con iso a que ese barco engrosara a lista tráxica dos pesqueiros afundidos nas catro rías baixas galegas, precisamente coa aportación do maior número de vidas humanas perdidas ata a data, o periódico FARO DE VIGO recolle as seguintes suposicións do patrón do pesqueiro “San José”, que tamén saíra á pesca durante esa xornada:

Todos los detalles hacen pensar que el “Ave del Mar”, el buque desaparecido regresaba a puerto después de las faenas de la pesca y que al acercarse a las Cíes y buscar la Porta para su entrada, a causa de la cerrazón y del fuerte mar de fondo que allí rompía, se fue sobre los arrecifes de la isla de San Martín y un golpe de mar deshizo contra los bajos el pequeño pesquero, no dando tiempo a su tripulación a organizar ningún tipo de salvamento ni a solicitar socorro. Refuerza esta suposición el hecho de que se hayan encontrado dos cadáveres, que corresponden al patrón de costa y a un marinero que iría de guardia, mientras el resto de la tripulación se hallaría en los ranchos de descanso, hundiéndose con el buque, sin darles lugar a salir de sus dormitorios. El mismo patrón del “San José”, que se hallaba pescando en la punta del Caballo, de la isla Norte, manifiesta que por la rapidez que debió haberse producido la catástrofe y el fuerte bramido y el choque del mar contra los acantilados, nada se oyó ni nada podría oírse en tales circunstancias, sino con señales muy fuertes, señales que no pudo hacer el barco siniestrado al romperse inmediatamente por un golpe de mar.

Se a catástrofe causou a maior desesperación nos fogares dos falecidos, hai que imaxinarse a enorme dor que lles chegou do mar aos familiares de Ricardo de Sáa Sequeiros, afogado xunto co seu fillo Jaime, o cadáver do cal non fora aínda encontrado, e de José Blanco Cancelas, tamén morto en compaña do seu vástago, José.

O fillo maior do mariñeiro falecido, Antonio Alfonso García Piñeiro, non acompañou ao seu proxenitor porque meses antes decidira cambiar de barco, debido a que non era grato para un pai ver algúns abusos que por aquel tempo se cometían cos “rapaces de a bordo”.

Ao día seguinte, luns, que se pensaba honrar como o día grande das festas patronais, dedicado á Virxe do Carme, en vez de bandas de música, dentro da igrexa de San Martiño e nos seus arredores congregouse unha grande multitude traspasada pola dor. En substitución da misa solemne programada, celebrouse un funeral polas almas das vinteseis persoas vítimas da catástrofe.

Moaña seguiu sumida na dor e na conmoción, pois non se conseguía rescatar do fondo das augas aos outros vintecatro mariñeiros, que continuaron desaparecidos ata o día 30 dese mes de novembro, en que terminou a busca dos náufragos despois de iren aparecendo pouco a pouco e quedar catro sepultados para sempre nas profundidades do Atlántico.

Para darlle remate a este artigo, composto por retallos do libro que escribín no ano 2006, co obxecto de render homenaxe aos 26 náufragos do motopesqueiro “Ave del Mar” de Moaña no 50 aniversario do seu afundimento, quero amosar o meu pesadume pola traxedia marítima que se está a vivir en augas de Terranova onde naufragou o pesqueiro de Marín “Villa de Pitanxo” cun mariñeiro de Moaña a bordo.

*Investigador da historia local e cronista oficial de Moaña.

Compartir el artículo

stats