Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Luis Davila ilustra os 21 días en galego de Moaña

Luis Davila cunha das cuncas que servirán de premio aos estudantes que completan o reto. Gonzalo Núñez

O humorista gráfico Luis Davila deseñou unha viñeta co gallo da campaña “21 días en galego” posta en marcha polo Concello e os centros de ensino de Moaña e que supón o reto de falar na lingua propia en todos os eidos para uns 800 estudantes. O debuxo de Davila decorará as cuncas de almorzo que se levarán os alumnos de Primaria que completen o reto.

Arredor de 800 estudantes de Moaña asinaron o compromiso de falar durante 21 días só en galego para mellorar a súa fluidez na lingua vernácula e para adquirir o hábito de empregar este idioma, ante a alarmante perda de falantes entre a mocidade que reflexan as enquisas realizadas polo Concello e polos centros de ensino. O bipartito involucrou nesta campaña ao recoñecido humorista gráfico e viñetista de FARO, Luis Davila. O artista elaborou unha tira semellante á que publica cada día no Bichero. O Concello converteu a viñeta nun cadro que lucirá na propia casa consistorial pero, ademais, será o premio para todos aqueles estudantes de Primaria que sexan quen de completar o reto.

Uns 460 estudantes de entre 3º e 6º de Primaria terán como agasallo unha cunca de almorzo coa viñeta de Davila. Na obra pode verse a escultura do Fisgón de fondo mentras uns nenos lle explican a unha avoa que están en plena campaña para falar en galego.

Concelleiros, a técnica de Normalización, a alcaldesa e Davila, xunto coa viñeta onte na estatua do Fisgón. | GONZALO NÚÑEZ GONZALO NUÑEZ

“Son importantes todas as iniciativas para que os rapaces valoren a lingua propia e que sexan capaces de pasar dun idioma a outro sen problema, o que axuda para aprender unha terceira lingua”, apunta Davila. Sobre a imaxe do Fisgón non tivo dúbidas: “Converteuse nunha icona de Moaña e deume pé tamén a debuxar a ría de fondo”.

O concelleiro de Normalización Lingüística, Aldán Santamarina, destacou “a implicación dos centros de ensino nesta campaña, pois son eles os que tiran de nós”.

Nesta cuarta edición de “21 días en galego” a alcaldesa, Leticia Santos, ditou un bando animando á poboación a sumarse a este reto. En canto aos 300 estudantes de ESO e Baharelato, o seu premio será un concerto de Boyanka Kostova o vindeiro 24 de febreiro.

Compartir el artículo

stats