Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Achegados e xentes da cultura lembran a Xosé Manuel Pazos no cabodabo do seu pasamento

A familia depositou un corazón e un ramo de flores na tumba do exalcalde no cemiterio de Coiro | “Un ano difícil no que todos notamos a túa perda. Non te esquecemos”

Algunhas das persoas asistentes ao acto de lembranza celebrado onte no cemiterio de Coiro. G.Núñez

“Mágoa! O teatro chora, a política chora, a intelixencia chora, a literatura chora, a lingua chora, o bo facer chora... As bágoas non o traerán de volta e só a memoria o fará eterno. Era un home bo e honesto”. María José González, viúva de Xosé Manuel Pazos, botou man das palabras de Xosé Antonio Perozo para lembrar ao mestre, dramaturgo, tradutor e alcalde de Cangas entre 2015 e 2021, nun acto celebrado onte no cemiterio de Coiro ao cumprirse o cabodano do seu pasamento. “Era un home bo e honesto; gustaríame que fora recordado por esto”, recalcou, ao agradecer a presenza dunhas trinta persoas, entre achegados e xentes da cultura e dos colectivos sociais.

Viúva e fillos de Xosé Manuel Pazos, tras depositar os ramos de flores na súa tumba. G.N.

“Non te esquecemos”, lembra o corazón de flores e un ramo de rosas depositados pola familia no nicho donde repousa Pazos. “Hai xusto un ano e unha hora que o despedimos. Un ano difícil no que todos notamos a súa perda”, abondou a súa viúva mentres o fillos do finado repartían caraveis vermellos, “a flor favorita de Xosé Manuel”. A concelleira de Cultura, Aurora Prieto, tomou a palabra mirando cara á tumba: “Quero dicirche, Xosé Manuel, gracias por todo o que me ensinaches e o que me sigues ensinando. Sempre por ti”. A directora artística da Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, María Armesto, que estaba acompañada pola actriz Silda Alfaro, exparella de Pazos, suliñou que o botan en falta: “Parécenos mentira a toda a xente do teatro e da cultura. Botámolo moito en falta. Levámolo con nós e seguirá con nós”, ao tempo que arroupou aos amigos e familia para superar o trance.

Afecto social

A pesares de que se trataba dun acto íntimo, foron outras moitas as persoas que se achegaron ata o cemiterio de Coiro para expresar o seu afecto. Entre elas, empregados do Concello, representantes de colectivos sociais e membros de ACE (Alternativa Canguesa de Esquerdas) que o acompañaron na lista electoral. Tamén veciños que acudiron a título particular e que mostraron, emocionados, o seu pesar por este tempo sen el, e que María José González agradeceu. “Sei que nalgún sitio estará, arroupándonos”.

Compartir el artículo

stats