Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tribuna

Pazos, sempre

Pazos y Aurora Prieto, en una presentación en el salón de plenos.

É moi fácil entregarse aos prexuízos. Dar as cousas por feitas. Actuar, así o dixeron tantos filósofos, coma se fósemos vivir para sempre. Claro que Xosé Manuel Pazos non procedía con tal soberbia, non é iso; era eu a que pensaba que ía estar aquí, comigo, con nós, nesta marabillosa encomenda de traballar polo ben da vila de Cangas. De disfrutar dunha amizade que, e o digo unha vez máis, cres que será eterna no aquí e no agora.

Que non ía faltar, ata que faltou. Non vivimos para sempre, desde logo que non, pero nunca hei perder esta sensación de baleiro polos seus consellos e ánimos, e as nosas leas. Supoño que, entregada a eses prexuízos, nunca anticipei que íamos ter que deixar de discutir. Seguro que el entendería estas palabras.

Ou non, pero igualmente íamos rir.

Como todos perdemos a persoas que queremos, todos sabemos como esa sensación de desacougo o inunda todo ás veces. Non se pode sentar cátedra, e non o pretendo. Pero o feito de ter compartido con Pazos unha experiencia política e vital tan intensa e longa vaime deixar escribir estas verbas.

Así como nunca pensei na súa partida prematura, tampouco imaxinei que o seu legado íame resultar tan inspirador. Vertebrador. Case a única forza exterior que teño recibido nos últimos doce meses, con por suposto a da miña familia, contra uns manexos na política que – en serio, Xosé Manuel- teñen sido máis virulentos que os do cine ou do teu amado teatro. Unha novela de verán; personaxes de películas de sobremesa.

Pero hai tanto e tanta xente que si merece a pena que a miña carreira continuará ata que teña que parar por imperativo. Agradecida a ti, sempre, para sempre.

(*) Concejallala de Cultura no goberno de ACE en Cangas e membro de IU

Compartir el artículo

stats