Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As romarías de San Vicente

O investigador Manuel Uxío García lembra a antiga celebración da festividade en Moaña

Contorna da igrexa de San Martiño | // ARQUIVO DO AUTOR

Ao tempo de referirse á festividade de San Vicente Mártir que se celebrou na súa data do 22 de xaneiro ata os anos 50 do século XX e da que, apenas existen lembranzas; debido a súa singularidade, vaise a facer un percorrido pola súa historia. A primeira mención escrita que relaciona a este santo coa parroquia milenaria de Moaña descríbese no testamento, asinado por María Eans, de Berducedo, na data do 22 de febreiro do ano 1360; nel fai o seguinte mandato no idioma galego: “... mando ó meu corpo enterrar no Cimeteiro da Iglesia de San Martiño de Moaña en san Vizente hu fazen meus Avós ...”

Campá con corda. | // ARQUIVO DO AUTOR Manuel Uxío García

Tendo en conta que, nesa época medieval, a meirande parte dos defuntos enterrábanse no interior do templo románico, é doado supoñer que o santo expoñíase nun altar lateral en cuxo chan soterraban aos mortos da importante familia dos Eans (Yáñez en castelán).

Por non estar encadrada en ningunha das oito confrarías relixiosas que existiron para honrar a outros tantos seres sagrados con imaxes que os representaban na igrexa moañesa: San Martiño, Santísimo Sacramento, Virxe da Soidade, Virxe do Rosario, Ánimas do Purgatorio, San Guillerme, San Roque e San Antón de Pádua; nos libros parroquiais, depositados na actualidade no Arquivo Diocesano de Santiago non se atoparon outras novas sobre a súa existencia ata 1889, ano en que a imaxe do santo aparece situada, nun inventario da época, no retablo maior. Outro inventario, entregado en 1981 pola Diocese de Santiago a unha empresa de seguros, describe que a talla actual foi esculpida no século XVIII; trátase dunha escultura de regular tamaño que se atopa na sancristía.

Diante do baile de Lestón (Anos 50) | // ARQUIVO DO AUTOR Manuel Uxío García

Despois de resaltar a súa historia, vanse a describir as singularidades do culto que se lle practicaba como santo protector das doenzas de moas e dentes; peculiaridade descoñecida, que se saiba, noutras parroquias galegas pois, na súa historiografía constátase unicamente o seu padroado sobre os viticultores, sendo Santa Apolonia a patroa dos dentes e dentistas.

Arredor dos bailes extraordinarios que a desaparecida Sala de Festas Lestón ofrecía anualmente desde que fose inaugurada no ano 1953, o escritor local, Luís Chapela Bermúdez escribiu en “Del Morrazo.com”, na data do 31 de Decembro de 2011 o seguinte:

Os principais bailes ao longo do ano eran o de San Vicente, o dos Quintos ou de Invitación e o de San Martiño.

Datos que amosan a ampla popularidade e tradición que esta festividade tiña entre os moañeses.

Imaxe de San Vicente na igrexa. | // ARQUIVO DO AUTOR Manuel Uxío García

No que atinxe ao ritual enxebre de pregarlle ao santo para a eliminación das dores bucais, incluíndo as que se producían durante as extraccións de moas, os devotos exercíano dirixíndose á base do campanario situada no adro alto para suxeitar cos dentes, unha por unha, os extremos das longas cordas que o sancristán pendurara de cada badalo das dúas campás de xeito que, despois de trabar e mover ditas cordas coa dentadura, conseguían que soaran.

Este rito, revelouno o veciño do Cruceiro, lugar onde se atopa o templo, Manuel Pérez (Manolo O Cachelo), de máis de 90 anos de idade, que foi testemuña directa da derradeira vez que foi executado, coincidindo coa a guerra civil, despois de iniciarse varios séculos antes, cando os barbeiros exercían de sacamoas, coa anestesia aínda sen descubrir.

Non obstante, o resto dos actos festeiros mantivéronse ata anos despois, da mesma maneira que se honraban a outros santos: misa gregoriana, procesión acompañada por banda de música e gaiteiros; gaiteiros que acompañaban aos fregueses ata o contiguo Monte do Castro do Cruceiro onde, a pesares do tempo de inverno, íanse de romaría a xantar, beber viño da zona e divertirse. Pola tarde, tal e como foi sinalado, os romeiros bailaban no adro baixo ao son da banda e, varios mozos e mozas de entre eles, íanse á devandita sala de Lestón a bailar coas orquestras de moda.

Segundo comentou o citado Luís Chapela, a romaría do santo chegou a celebrarse tamén nun descampado do seu lugar de nacemento, Berducedo, ata finais da década dos anos 50 do século XX en que remataron de xeito definitivo.

Todas as persoas que asistiron ás derradeiras festas coinciden en que, de comezos, chegaron a ser máis importantes que as de San Martiño e sitúan os motivos da súa desaparición, nun primeiro lugar, á existencia da anestesia impartida por dentistas e logo, ao pulo que colleron as patronais a partir do 12 de novembro de 1927 data en que, pola primeira vez, unha monumental imaxe da Virxe do Carme Mariñeira acompañou á de San Martiño na procesión celebrada no centro histórico de Moaña, representando no ámbito relixioso festivo o camiño acelerado que, desde comezos do século XX iniciaron os moañeses, camiño do mar.

(*) Investigador na historia de Moaña

Compartir el artículo

stats